A petroleira mexicana Pemex vén de asinar co estaleiro Barreras "e os seus tres accionistas" unha carta de intencións onde se confirman os "termos e condicións básicas" que permitirán a adquisición da empresa galega por parte do xigante azteca a través dunha "achega de capital" que "permitiría a adquisición do 51% das accións desta compañía".
Así o asegurou xa a propia Pemex a través dun boletín oficial difundido na última hora do pasado mércores 1 de maio e que confirma a nova adiantada por Praza. A comunicación oficial aclara que está previsto que "a achega de capital a efectuarse en forma conxunta será inicialmente de dez millóns de euros", unha cantidade que a petroleira considera "suficiente para atender as necesidades de capital de traballo" e que permitirá tomar o control do estaleiro vigués a conta dos buques que se reciban. O actual presidente da empresa galega, José García Costas, manterase á fronte do estaleiro, segundo o pacto asinado.
Tamén Barreras, a través dun breve comunicado, confirma a sinatura dunha "carta de intencións" para a "posible adquisicón dunha participación financeira" da compañía por parte da petroleira mexicana, aínda que non aclara os termos do acordo e remite aos detalles que se coñecerán durante este mes de maio. A sinatura do acordo final é só cuestión de horas.
A inxección de capital de 10 millóns de euros será conxunta entre a petroleira e os accionistas de Barreras
O comunicado de Pemex si aclara que a achega da petroleira irá acompañada doutra por parte dos accionistas de Barreras, o que "fortalecerá a estrutura financeira do estaleiro español". Está previsto que a petroleira estatal achegue non menos do 60%. "Barreras está saíndo exitosamente dun proceso de concurso mercantil e agárdase que en poucas semanas reinicie as súas operacións", asegura, tras engadir que "se modificará e fortalecerá" o goberno corporativo do estaleiro vigués "incorporándose mellores prácticas a nivel internacional".
Na prensa mexicana destácase o beneficioso do acordo para Pemex, xa que "só por 180 millóns de euros" poderá facerse cun dos barcos floteis e ademais "controlar o estaleiro". A embarcación tiña un prezo fixado de 190 millóns, do que se lle descontan eses dez que permiten facerse coa compañía galega e co buque.
Segundo Pemex, o seu obxectivo con esta operación é "transferir a mediano prazo o coñecemento tecnolóxico de Barreras" para "crear capacidad construtora de buques especializados en México, co obxectivo de poder atender a demanda" da petroleira. "A flota é variada e nunha alta porcentaxe require modernizarse; coa transacción preténdese tamén acelerar o proceso de renovación da flota de barcos en xeral que serven á paraestatal", confirma.
"O acordo traerá beneficios ao sector naval mexicano e ao emprego en México", destaca Pemex
Pemex espera que o acordo "acelere a recepción de pedidos" e destaca que o presidente de Barreras, García Costas, está contento cunha alianza que fortalecerá a empresa e a industria naval en xeral. As autoridades da petreoleira estatal cren que o pacto "traerá beneficios ao sector naviero mexicano e ao emprego en México, ademais de preverse como un investimento con rendementos interesantes".
Pemex aclara que será a firma Athelera LLC a que exercerá como asesor financeiro nunha operación que será pechada "durante as próximas semanas". "Ambas as dúas partes traballarán nas partes finais do acordo e en lograr as autorizacións correspondentes", finaliza.