A oposición mexicana denuncia a Pemex polos contratos dos floteis que se asinan hoxe

Feijóo, no acto de corte de chapa do flotel en Barreras © Xunta

O Partido da Revolución Democrática (PRD), segunda forza política en México, vén de denunciar a Pemex ante a Procuraduría General de la República (PGR) polos contratos que a compañía estatal adxudicou aos estaleiros galegos Hijos de J. Barreras e Navantia o pasado 28 de xaneiro para a construción dos dous floteis e que hoxe se asinan na capital azteca.

O PRD denuncia os funcionarios que asignaron o contrao por consideralos responsables de "corrupción, traizón á patria e violación da Lei"

Segundo informa a prensa do país, o PRD denunciará ante a PGR -un organismo semellante á Fiscalía Xeral do Estado, aínda que con competencias máis amplas- os funcionarios da Rexión Mariña Noroeste de Pemex Exploración e Produción (PEP) que asignaron o contrato a PMI Norteamérica en asociación coas empresas galegas. A oposición leva ante a xustiza, xa que logo, a aqueles que consideraba responsables por "actos de corrupción, traizón á patria e por violar a Lei con coñecemento dela".

Para esta formación de esquerdas, principal alternativa ao gobernante PRI de Peña Nieto, a área de PEP adxudicou o contrato a PMI Norteamérica, malia que esta empresa está integrada pola mesma Pemex, de acordo á documentación notarial que a oposición mexicana di ter no seu poder, tal e como declarou o secretario xeral do Comité Executivo Estatal, Luis Alonso García, no diario Campeche Hoy.

"Pemex contrata a Pemex, polo que actúa como xuíz e parte nas licitacións", asegura o PRD, que considera a adxudicación "un acto ilegal"

"Pemex contratando a Pemex; se isto é posible, daquela Pemex actúa como xuíz e parte nas devanditas licitacións", destacou Alonso García, que cre que, ao ser PMI Norteamérica e PMI Trading Limited parte da empresa petroleira estatal, a compañía tería obviado as regras das licitacións e permitido que se incumprisen as bases da adxudicación ao non presentar o anexo E-1, requisito obrigatorio par pasar á seguinte etapa. Para o PRD, o ditame nesta licitación pública internacional foi "un acto ilegal e arbitrario, co que se entregou a esa filial de Pemex e aos seus socios españois os servizos de alimentación e hotelería co apoio dunha unidade habitacional flotante".

 

A sinatura do contrato

Precisamente, PMI, que foi quen representou no concurso internacional a Navantia e Barreras, asinará este luns 17 no paíz azteca o contrato con Pemex. O coordinador de asesores da Dirección Xeral de Pemex, Carlos Roa, aclarou que Navantia "está case listo para iniciar o traballo" e advertiu de que en 29 meses "cumprirase en calidade e tempo" o encargo.

Pemex confirma que os floteis serán construídos en 29 meses e que os traballos iniciaranse axiña

A concreción da data produciuse durante unha visita institucional a Galicia na que os máximos responsables de Pemex (Carlos Roa e o director de Pemex Comercio Internacional, José Manuel Carrera) estiveron en Navantia e Barreras.

A oferta dos estaleiros galegos "resultou gañadora en ambas as dúas partidas co prezo máis baixo solvente entre as ofertas das sete empresas que cualificaron á última fase", dicía o comunicado de Pemex sobre unha adxudicación de 300 millóns e que en Barreras se daba xa por segura logo de que Pemex se fixese co 51% da empresa viguesa o pasado mes de novembro. Eran os traballadores de Navantia os que agardaban con máis expectación un flotel que a Xunta e o Goberno central prometeran hai ano e medio e que deran por adxudicado desde un principio.

Competían desde Ferrol con algunha oferta que reducía en 50 millóns o importe ofrecido por PMI en unión con Navantia. A construción deste buque hotel non é nin moito menos a solución para os estaleiros da ría de Ferrol, pero si suporá carga de traballo para máis de dous anos -30 meses segundo a firma estatal- e para uns 500 operarios, o que supón tan só unha quinta parte dun cadro de persoal

Feijóo, no acto de corte de chapa do flotel en Barreras © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.