O bucle Pémex chega ao Parlamento e queda tan enleado como estaba. O adianto das eleccións autonómicas provocou que a Cámara galega non puidese tratar ata este mércores en sesión ordinaria a cuestión do acordo asinado o 19 de setembro entre a petroleira mexicana e os estaleiros Barreras e Navantia para a construción de dous buques hoteis, coñecidos como "floteis". O acto, apadriñado e solemnizado pola Xunta foi arrefriado días despois por directivos da compañía mexicana que, como adiantou Praza Pública, revelaron que "non había contrato ningún", que o acordo non era con Pemex senón coa súa filial PMI e que as empresas galegas culminarían a operación se eran seleccionadas nun concurso público. Sete meses despois a Xunta teima na existencia e vixencia dos contratos, pero admite que "non os ten".
O debate deste mércores chegou a raíz dunha pregunta da nacionalista Carme Adán, que cuestionou en comisión ao director xeral de Industria, Ángel Bernardo Tahoces, de xeito "concreto": "En que consiste o acordo asinado con Pemex ou cunha filial de Pemex e cantos postos de traballo garante?". Coa mesma enfática dialéctica que o caracterizou na súa etapa de deputado, Tahoces asegurou a existencia de "dous contratos asinados cunha navieira, que é PMI Comercio Internacional -a filial de Pemex- e o obxecto é a construción de dous buques por 145 millóns cada un". "Ese contratos van determinar a xeración dun emprego medio de postos de traballo directos de 500 postos de traballo", asegura. Son "realidades tanxibles e cuantificadas", acrecenta.
"Se son dous contratos firmes vostede poderá amosalos ou remitírnolos aos grupos parlamentarios", argumenta Adán
Na mesma xornada en que o estaleiro Barreras anunciaba que Pemex lle concedeu máis marxe de manobra para captar avais que lle permitan acceder á construción do buque, Adán tentou, como veñen facendo os grupos da oposición dende hai meses, lograr acceso aos contratos. "Se son dous contratos firmes vostede poderá ensinalos ou remitírnolos aos grupos parlamentarios". "Vostede di que hai dous contratos asinados, tómolle a palabra, pero querémolos ver", sinala a parlamentaria do Bloque, nun contexto no que o naval "non necesita retórica" senón "feitos", asevera.
Pero Tahoces asegura que esa petición é imposible de cumprir. Malia seren asinados no Pazo de Raxoi, ante Alberto Núñez Feijóo e implicando a unha empresa pública -Navantia-, o director xeral proclama que o documento "non está asinado por ningunha administración, senón por dous estaleiros e unha empresa estranxeira". Polo tanto, di, a Xunta "non pode ter ese contrato, porqeu non é parte dese contrato", "enmarcado", non obstante, "nunha alianza estratéxica" da Xunta con Pemex.
Neste contexto, e ante as peticións de explicacións formuladas por Adán, Tahoces tira pola rúa do medio. O Bloque, di, lanza "acusacións importantes" a respecto do labor da Xunta a respecto do naval -a propia Adán lembrou durante a sesión promesas como o dique flotante para Ferrol-, pero ao seu xuízo, cómpre lembrar os "grandes incumprimentos" co naval, que "se produciron noutra época", nomeadamente, durante a presidencia de José Luis Rodríguez Zapatero. Así, Tahoces insta a Adán a "lembrar aquel conselleiro nacionalista [Fernando Blanco] que prometeu un plan industrial para Ferrol e nunca apareceu, que prometeu o levantamento ao veto de Astano". Do mesmo xeito, o verdadeiro incumprimento a respecto do dique flotante non é dos actuais gobernos central e galego, senón dese mesmo "conselleiro nacionalista".