Mentres en Galicia arrecia a treboada política a conto das polémicas fotografías de Alberto Núñez Feijóo e Marcial Dorado o presidente da Xunta pon rumbo á outra beira do Atlántico. Alberto Núñez Feijóo viaxa a México dende este xoves e durante unha semana nunha viaxe que, informa o Goberno galego, ten como obxectivo fundamental "seguir avanzando na internacionalización e nas relacións económicas entre Galicia e o país azteca". Como pano de fondo estará, ademais da crise política, outra non menos importante: a do sector naval, que agarda por novos pedidos mentres os seus niveis de ocupación se desangran.
De México chegaron, precisamente, algunhas das últimas esperanzas do sector naval, en forma duns contratos con Pemex que agora aínda son incertos, ben sexa pola licitación internacional que, segundo manifesta a multinacional centroamericana, decidirá o proceso, ou pola consecución de avais que os estaleiros galegos precisan para poderlle facer fronte aos encargos. É de agardar que estas cuestións estean sobre a mesa da xuntanza que Feijóo, que viaxa acompañado polo conselleiro de Industria, Francisco Conde, vai manter co novo presidente mexicano, o priísta Enrique Peña Nieto.
Feijóo reunirase con Peña Nieto mentres o naval galego clama para reclamar carga de traballo
Segundo Feijóo México é "o país prioritario de toda Iberoamérica dende o punto de vista das nosas relacións económicas e das nosas relacións industriais". Neste sentido, asegura, "imos seguir centrando na economía a axenda exterior do Goberno e imos seguir apostando, de forma decidida, poa internacionalización da nosa economía". Como en anteriores viaxes a Xunta apenas ofrece detalles da axenda oficial do presidente, agás o devandito encontro con Peña Nieto. Mentres se desenvolven esas xuntanzas en Galicia o vicepresidente, Alfonso Rueda, quedará á fronte do "despacho dos asuntos" da Presidencia da Xunta.
A viaxe de Feijóo a México chega apenas un mes despois de que as rúas de Ferrol se volvesen anegar de manifestantes reclamando carga de traballo para Navantia e reprochando tamén as "promesas incumpridas do PP" nesta materia. A petición de explicacións non só se cinguía aos contratos de Pemex, senón tamén á construción do dique flotante no estaleiro público, prometido polo propio Feijóo e tamén por Mariano Rajoy, aínda que desbotado por parte do Goberno central a través do propio presidente da compañía pública.