Nos últimos días multiplícanse nos medios españois os titulares e análises a respecto das declaracións nas que Andrés Manuel López Obrador, presidente de México, reflexiona sobre a necesidade de "facer unha pausa" nas relacións con España, "darnos tempo para respectarnos e que non nos vexan como terra de conquista". Tivo menos difusión, non obstante, o contexto das palabras do líder mexicano, centradas no que considera un "contubernio" para "saquear" o seu país en mandatos anteriores ao seu.
Dentro desa "promiscuidade económica-política", o presidente de México sinala os negocios da petroleira estatal Pemex apadriñados pola Xunta, especialmente a controvertida -e finalmente, ruinosa- compra do estaleiro vigués Barreras en 2013 e as encargas de barcos que Alberto Núñez Feijóo convertera en bandeira electoral. Como informa este venres Lara Graña para Faro de Vigo, na súa comparecencia informativa do pasado día 9, López Obrador interveu ante os medios co actual director xeral de Pemex, Octavio Romero Oropeza, ao que instou a ilustrar cun exemplo "como nos ía coas empresas españolas".
"No caso dos estaleiros, por exemplo, de Vigo, foi un...", comezou Oropeza. "Vigo, España. Nós falamos para o pobo, ou sexa, súbelle, non báixalle", animou López Obrador, dando paso ao relato do máximo dirixente da petroleira: "Foi un estaleiro en España, en Vigo" que "estaba practicamente en bancarrota", comezou, en referencia a Barreras. "Nalgunha visita que fixeron as autoridades mexicanas, decidiron rescatar eses estaleiros que estaban pechados, estaban quebrados, e para isto mercaron o 51% das accións", evocou, en referencia á operación adiantada daquela por Praza.gal.
O presidente mexicano e o director xeral de Pemex sinalan a compra de Barreras "practicamente en bancarrota" e o encargo dos dous floteis con "sobreprezo", que o Goberno de Feijóo impulsara e convertera en bandeira electoral, como mostra da "promiscuidade económica-política" que, acusa, se dedicaba a "saquear" o seu país
"Investíronselle cartos mexicanos de parte de Pemex, pero non chegaba para botar adiante a actividade dos estaleiros" e "daquela, encargáronlle construír uns barcos para prestarlle servizo a Pemex". Estes, evoca, eran os famosos floteis -Pemex encargara un a Navantia en Ferrol e outro, á propia Barreras a través dunha filial-. "Cando se terminaron de construír, resultou que Pemex non os necesitaba, encargáranllelos nada máis para darlles o negocio" e "viabilidade ao estaleiro". Os antigos mandatarios de Pemex -boa parte deles actualmente inmersos en investigacións de presunta corrupción- ligaran as dificultades para colocar os dous floteis construídos e a cancelación doutros proxectos prometidos unicamente á crise internacional de á baixada experimentada daquela polos prezos do petróleo.
Pero Romero Oropeza subliña que aquilo "non foi só un tema de que se lles deron cartos", nin sequera só a compra de accións de Barreras. "Déuselles un traballo que se cobrou a un sobreprezo" e ao cabo, "a empresa sempre producía perdas; Pemex nunca gañou un só centavo" no que "foi, indubidablemente, un pésimo negocio para Petróleos Mexicanos". Non obstante, lembra o responsable da petroleira, "nesta administración logramos recuperar os cartos que investíramos nas accións e o que tiñamos como garantía" no estaleiro vigués, lembra en referencia ás negociacións e ao litixio tras o que, o pasado 2021, Pemex deu recuperado algo máis de 13 millóns de euros.
Varias investigacións abertas en México
Esta non é, en calquera caso, a primeira ocasión na que o actual director xeral de Pemex critica abertamente os negocios de Pemex en Galicia, apadriñados pola Xunta durante as presidencias mexicanas de Felipe Calderón e Enrique Peña Nieto e culminadas -no caso de Barreras, por exemplo- cando a empresa estatal estaba dirixida por Emilio Lozoya, detido en 2020 en España pola súa implicación en varios casos de presunta corrupción. En varias ocasións, o propio Feijóo tentou desligar a Lozoya dos negocios da petroleira en Galicia malia que, segundo indicou o propio Goberno galego en 2013 e 2014, o presidente da Xunta en persoa tratou directamente con el.
Tras o inicio de varias investigación por presunta corrupción e a detención do antigo director de Pemex, Emilio Lozoya, Feijóo desligouno dos negocios da petroleira en Gaicia aínda que a propia Xunta asegurara en 2013 e 2014 que o presidente galego os tratara con el
Alén das declaracións cruzadas, son varios os entes oficiais de México os que veñen pescudando dende hai anos sobre os negocios de Pemex en Galicia. Como veu informando este xornal, ata catro organismos do país americano puxeron o foco na operación. Trátase da Unidad de Inteligencia Financiera (UIF), equivalente á UDEF en España, da Secretaría de la Función Pública (SFP) do Goberno de México e da Fiscalía General de la República.
Así continúan os ecos do que, hai agora unha década, fora presentado pola Xunta como unha "alianza estratéxica" coa empresa mexicana para dar folgos ao sector naval galego nun dos seus momentos máis delicados. Remolcadores, quimiqueiros e barcos abastecedores sumaban xa uns 24 barcos prometidos cando, en vésperas das eleccións de 2012, a Xunta solemnizou o encargo dos dous floteis. En 2014, cando Pemex xa entrara no accionariado de Barreras, Feijóo e e o conselleiro Francisco Conde finalizaran unha viaxe a México "certamente optimistas" dando por boas as promesas previas e anunciando "barcos adicionais na ría de Vigo" que nunca chegaron.