As investigacións abertas en México pola compra por parte de Pemex do estaleiro Barreras a raíz da detención do ex-director xeral da compañía, Emilio Lozoya, abranguen cada vez máis persoas. Tal e como confirman a Praza.gal fontes mexicanas coñecedoras do proceso, son ata catro os organismos que investigan na actualidade aquela operación: a propia petroleira estatal, a Unidad de Inteligencia Financiera (UIF), equivalente á UDEF en España, a Secretaría de la Función Pública (SFP) do Goberno de México e a Fiscalía General de la República.
A investigación sobre a compra de Barreras involucra xa dous ex-presidentes mexicanos, Calderón e Peña Nieto
Ademais, e segundo adiantan medios como Eje Central, a Fiscalía e a UIF están a traballar xa nunha nova liña de investigación que "involucra directamente" os ex-presidentes mexicanos Felipe Calderón e Enrique Peña Nieto nunhas pescudas que tratan de determinar se houbo un delito de administración fraudulenta pola adquisición do 51% dun estaleiro que acabou por supor perdas duns 50 millóns de dólares para Pemex.
Segundo as fontes que cita este mesmo medio, as probas e testemuños que están a apañar os investigadores advirten de que foi en 2012 cando o ex-presidente do Goberno central, Mariano Rajoy, solicitou ao daquela xefe do Executivo mexicano, Felipe Calderón, que achegase diñeiro ao estaleiro vigués, un compromiso adquirido nos últimos meses do seu mandato e concretado logo con Peña Nieto.
En abril de 2012, e sen case publicidade, Núñez Feijóo uniuse á viaxe presidencial que Rajoy levaba a cabo en México entre peticións de explicacións da oposición. Un ano máis tarde, e despois de que se anunciase a "alianza estratéxica" entre a Xunta e Pemex, Feijóo regresou a México para reunirse con Peña Nieto, un desprazamento que repetiría máis tarde para verse tamén co agora detido Emilio Lozoya, daquela director xeral da petroleira.
Carrera Panizzo, outro dos investigados, foi o representante de Pemex na sinatura de varios acordos coa Xunta
Segundo conta a prensa mexicana, na investigación sobre a compra de Barreras aparecen sinalados un mínimo de cinco ex-funcionarios de primeiro nivel. Fontes consultadas por Praza.gal advirten de que a investigación recaerá do mesmo xeito sobre José Manuel Carrera Panizzo, representante de Pemex no acto de sinatura do acordo coa Xunta en 2012, na altura delegado de Pemex Internacional, un dos principais protagonistas na maioría de pactos entre a petroleira e o Goberno galego e agora investigado tamén polas actuais autoridades mexicanas por presuntos sobrecustos na compra dunha compañía de fertilizantes, Agro Nitrogenados.
Tamén se investigan, segundo as mesmas fontes, as actuacións de Pedro Joaquín Coldwell, que fora secretario de Enerxía de México na mesma época e que desbloqueou, en conversas co daquela ministro de Industria, José Manuel Soria, a licitación dos dous buques floteis que Pemex acabou construíndo en Galicia.
Ademais de todas as investigacións abertas, a Auditoría Superior de la Federación (ASF), equivalente ao Tribunal de Contas en España, xa advertira nun informe que a adquisición de Barreras por parte de Pemex non correspondía a unha actividade "substantiva" da petroleira, rexistrou perdas e supuxo un negocio do que se omitiu información.
Ante iso, a ASF solicitou a Pemex que realizase as "accións xurídicas necesarias para determinar, no seu caso, as responsabilidades e afectacións económicas" pola compra do estaleiro e que iniciase "o proceso administrativo correspondente polas irregularidades dos funcionarios públicos que na súa xestión autorizaron investir en Barreras". De aí xurdiron logo o resto de investigacións.
Aínda este pasado xoves, o presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, teimou en reducir as investigacións a Lozoya a "unha cuestión de Brasil", en referencia ao caso Odebrecht, a maior trama de corrupción do continente americano.
Mentres, a polémica en México polos diferentes casos de corrupción vinculados ao detido Lozoya e ao goberno anterior é cada vez maior. Segundo informou Wall Street Journal (WSJ), a Fiscalía estaría investigando o propio Peña Nieto polos caso Odebrecht e Agronitrogenados.
Preguntado en rolda de prensa, o actual presidente de México, López Obrador, asegura non ter "información" de que exista esa investigación que adiantou o WSJ. "Non teño elementos para soster iso, o que existe é a investigación en proceso contra o ex-director de Pemex, Lozoya", explicou, tras aclarar que a Fiscalía é "independente" e non ten por que comunicar ao Executivo as súas pescudas.