A oposición ao completo pide explicacións a Feijóo pola súa relación co ex-director xeral de Pemex, Emilio Lozoya, detido e encarcerado pola súa suposta relación con varios casos de corrupción e investigado polos negocios que impulsou da man da Xunta en Galicia. Os grupos do PSdeG, Común da Esquerda, BNG e mixto uníronse para solicitar a convocatoria urxente da deputación permanente para que o presidente da Xunta aclare os vínculos co ex-directivo da petroleira, apreixado o pasado 13 de febreiro en Málaga.
PSdeG, Común da Esquerda, BNG e grupo mixto piden que Feijóo explique "as relacións do seu goberno con cargos de Pemex imputados por presunta corrupción"
Nun escrito rexistrado este mércores, os voceiros da oposición piden que se reúna o órgano que vela polo funcionamento do Parlamento entre lexislaturas para que así Feijóo explique "as relacións do seu goberno con cargos de Pemex imputados por presunta corrupción".
O presidente da Xunta insiste en desligar a Lozoya dos negocios de Pemex en Galicia que, non obstante, segundo indicou o propio Executivo galego en 2013 e 2014, Feijóo en persoa tratou directamente con el. A prensa mexicana sinala o candidato á reelección polo PP como clave nos negocios que o agora detido impulsou en España; e no país latinoamericano a compra de Barreras por parte da petroleira está sendo investigada pola Fiscalía, o Tribunal de Contas, o Goberno e a propia empresa. O propio fiscal xeral sinalou a Lozoya como "símbolo" da corrupción da etapa de Peña Nieto á fronte do Executivo azteca.
O PSdeG pide a Feijóo que aclare "por que nunca chegaron os 20 buques" anunciados e Común da Esquerda lembra que as promesas quedaron "en nada"
Nun comunicado, o deputado do PSdeG, Luís Álvarez, insta a Feijóo a "explicar" as súas relacións cun "prófugo da xustiza" agora detido e tamén que aclare "por que nunca chegaron os 20 buques" que anunciou que se construirían en Galicia "durante unha campaña electoral" e dos que "non se soubo nada". "O que si puidemos ver foron as fotos de Feijóo xunto a un directivo agora detido, acusado de suborno e branqueo de capitais", engadiu.
Desde Común da Esquerda, o vicevoceiro Antón Sánchez advertiu de que "a gran solución que presentaba Feijóo para o futuro de Barreras, o acordo con Pemex, podería ser parte dun tramado corrupto". Por iso, considera "urxente" que o presidente da Xunta "dea explicacións".
Sánchez lembrou que aquela "alianza estratéxica" que promocionou Feijóo e que "suporía a creación de 2.500 empregos, un grande aumento da carga de traballo con 20 barcos ou a base loxística do Porto Exterior da Coruña quedou en nada: só dous floteis e todos os contratos prometidos sen materializar".
O BNG cre que Feijóo "debe dar a cara" e lembra que a compra de Barreras por parte de Pemex "ten máis sombras que luces"
No BNG, a súa deputada Olalla Rodil cre que Feijóo "debe dar a cara e explicar os seus vínculos con Emilio Lozoya, pero tamén con Carlos Roa ou José Manuel Carrera Panizzo, os outros directivos que negociaron os acordos co Goberno galego".
Segundo Rodil, se Feijóo rexeita comparecer ante a comisión permanente "demostrará que ten algo que ocultar" como, advirte, din as informacións da prensa mexicana que "sinalan directamente o presidente da Xunta e a destacados membros do seu goberno". Ademais, destaca que a operación de venda a capital mexicano do estaleiro vigués Barreras "ten máis sombras que luces”.
O xulgado aproba o acordo para refinanciar Barreras
Por outra banda, o Xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra, con sede en Vigo, homologou o acordo de refinanciamento extraxudicial de pagos subscrito polo estaleiro Hijos de J. Barreras o pasado 2 de febreiro. O órgano xudicial declarou que o plan de reestruturación non pode ser rescindido, do mesmo xeito que todos os negocios, actos e pagos realizados ao seu abeiro, nin as garantías constituídas en execución do acordo.
"As entidades financeiras acredoras, afectadas pola homologación, manterán os seus dereitos fronte aos obrigados solidariamente co debedor e fronte aos seus fiadores e avalistas, os cales non poderán invocar nin a aprobación do acordo de refinanciamento nin os efectos da homologación en prexuízo daqueles", di o xulgado.