Feijóo rexeita dar explicacións no Parlamento sobre os negocios de Pemex en Galicia que investiga México

Feijóo, na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves CC-BY-SA David Cabezón / Xunta de Galicia

O presidente insiste en negar que o ex-director da petroleira detido en Málaga estea a ser investigado pola compra de Barreras, operación na que pescudan ata catro organismos en México

“Se teño que comparecer por iso, sería unha falta de respecto ao Parlamento de Galicia”. Así rexeitou este xoves o presidente Feijóo comparecer no Parlamento, como vén de pedir de xeito unánime e con urxencia toda a oposición, para dar explicacións das súas xestións para o desembarco de Pemex en Galicia, operación que está a ser investigada por varias institucións mexicanas, entre elas a Fiscalía, o Tribunal de Contas e a propia petroleira.

Titulares de comunicados da Xunta sobre senllas xuntanzas de Feijóo con Lozoya en 2013 e 2014, sobre unha imaxe deste último encontro CC-BY-SA Foto: Xunta | Montaxe: Praza Pública

Feijóo teima en reducir as investigacións a Lozoya a "unha cuestión de Brasil", en referencia ao caso Odebrecht, a maior trama de corrupción do continente americano

Na rolda de prensa posterior ao Consello da Xunta deste xoves Feijóo foi preguntado polas investigacións sobre Pemex por ata catro medios de comunicación distintos, aos que Feijóo respondeu considerando o caso “unha cuestión máis da campaña electoral”. O presidente volveu negar que o ex-director de Pemex Emilio Lozoya, detido hai unha semana en Málaga, participase nos acordos coa Xunta, que atribuíu ao seu antecesor, e mesmo que estea a ser investigado polos negocios da petroleira en Galicia. Segundo Feijóo, Lozoya está “chamado á xustiza por unha cuestión de Brasil”.

Pero esa “cuestión”, o caso Odebrecht, a maior trama de corrupción do continente americano, é só unha das investigacións que Lozoya ten abertas en México. Tamén está en cuestión a compra de Barreras por parte de Pemex xa baixo o seu mandato, cando a Xunta presentou a operación como froito das súas propias xestións. Ese feito foille lembrado este xoves a Feijóo, que o obviou.

“De verdade a xente cre que isto pode ter algunha relevancia?”, di Feijóo, tras ser preguntado por ata catro medios distintos

Se na primeira pregunta que se lle formulou sobre a petición de comparecencia no Parlamento formulada pola oposición o presidente respondeu atribuíndoa á campaña xudicial, na segunda pregunta insistindo sobre se vai ir á Cámara ou non foi cando considerou que iso sería “unha falta de respecto”. Ante a súa negativa a recoñecer que o propio Goberno galego publicitou as súas negociacións con Lozoya, Feijóo foi cuestionado directamente sobre se coñece a esa persoa. “Cada vez que falo cun directivo ou un dirixente dun país que poida ter problemas coa xustiza, o responsable son eu?”, dixo. “De verdade a xente cre que isto pode ter algunha relevancia?”, concluíu.

O feito é que, tal e como confirman a Praza.gal fontes mexicanas coñecedoras do proceso aberto, son ata catro os organismos que investigan na actualidade a compra por parte de Pemex do estaleiro Barreras: a propia petroleira estatal, a Unidad de Inteligencia Financiera (equivalente á UDEF en España), a Secretaría de la Función Pública (SFP) do Goberno de México e a Fiscalía General de la República, que xa advertira hai días de que as pescudas sobre Lozoya incluían os negocios que impulsou en Galicia durante a súa etapa na empresa de hidrocarburos. O propio fiscal xeral sinalou o agora encarcerado como "símbolo" da corrupción do Goberno de Peña Nieto

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.