Pemex dá a cara. Fluvio César Ruiz Alarcón é conselleiro profesional da petroleira mexicana e fala con Praza para explicar a polémica xurdida no seu país e en Galicia arredor do acordo entre a firma azteca, a Xunta e os estaleiros galegos. Deixa claro que os floteis poderían ser construídos en Barreras e Navantia, pero confirma tamén que o difundido polo Goberno galego non foi exacto, xa que Pemex "non está amarrado" a contrato ningún. O trato firmado é exclusivo entre unha filial e as empresas galegas, aclara este alto cargo, polo que será a empresa estatal a que agora decida. Á pregunta de se esa filial podería asumir soa o encargo para os estaleiros galegos, Ruiz Alarcón remite á propia empresa. "Habería que preguntarlle a PMI", di o presidente do Comité de Desenvolvemento e Investigación Tecnolóxica de Pemex, que insiste no "uso electoral" que o Executivo galego fixo do acordo e que será un dos que decida se os buques hoteis se constrúen ou non nas rías galegas.
Por que se asinou ese acordo cos estaleiros galegos sen comunicarllo ao consello de administración de Pemex?
Creo que antes de responder a iso deberiamos explicar o contexto aos cidadáns galegos para que entendan mellor cal é a situación.
Explique, logo.
Pemex ten catro organismos subsidiarios e, á súa vez, algunhas filiais, a máis importante delas PMI polos cartos que manexa e que ten tamén filiais en España. Pemex Exploración y Producción (PEP), unha das subsidiarias, é a empresa encargada de desenvolver e producir xacementos e na actualidade está a facer un estudo de mercado para saír a licitar floteis. PMI encárgase de comercializar o cru, pero desde hai algúns anos tamén lle consegue boas oportunidades a Pemex para contratar buques, como hai pouco fixo en Corea con catro embarcacións. PMI estivo buscando con quen asociarse para participar na próxima licitación e atopou os estaleiros galegos .
"Quen gañe ou non o concurso dependerá de quen presente as mellores condicións"
Daquela, o consello de Pemex non o coñecía por que non foi Pemex quen negociou?
PMI non lle comunicara aínda nada ao Consello de Pemex porque Pemex non iniciou o proceso de licitación para o que se está a preparar PMI. Dentro dalgúns meses, PEP sacará a súa licitación e un dos participantes será PMI en asociación cos estaleiros galegos e propoñendo os seus buques hoteis. Pero haberá outros participantes. Quen gañe ou non o concurso dependerá de quen presente as mellores condicións.
E por que houbo tanta polémica en México? Por que tivo que convocarse unha rolda de prensa dos directivos de Pemex?
Pois porque en México recibimos as informacións xeradas en España, onde se daba por feito que Pemex xa se comprometera a adquirir os buques. Obviamente, debido aos cartos que se manexarían, é un tipo de investimento que baixo ningunha circunstancia se podería facer sen que o aprobasen as altas instancias de Pemex. As informacións que saían de España non chegaban moi claras a México. Recibiuse como un feito consumado algo que debe pasar aínda por diversos comités e consellos, incluso non só polo consello de PEP, senón polo consello de administración de Pemex. Todos os proxectos que superen un investimento de 200 millóns de dólares deben ser aprobados tanto pola empresa subsidiaria como pola matriz. Se o consello de Pemex non sabía os datos foi porque non se está no punto no que os deba coñecer.
"En México recibimos como un feito consumado o que aínda debe pasar por varios comités e consellos; máis nun proxecto que supera os 200 millóns de dólares e que deberá ser aprobado pola empresa subsidiaria e por Pemex"
A Xunta de Galicia di que se construirán os floteis nos estaleiros galegos "si ou si", está de acordo?
Se a mellor proposta é a que presenta PMI xunto cos estaleiros de Galicia, construiranse, seguro que se farán, pero se non o é, non se farán. E isto é lóxico porque Pemex non está amarrado a ningún contrato. Se PMI e os estaleiros gañan o concurso, PMI honrará o seu acordo e construiranse, pero se non gañan...
Se non gañan, non se farán en Galicia?
Evidentemente, se non se presentase ningunha outra proposta e non se fosen buscar outras opcións a Corea ou Noruega... PMI buscou un socio e agora faralle a proposta a Pemex, que necesita eses buques hoteis. Haberá outras ofertas e analizaranse. Se ningunha das protestas se axustase ás condicións, pois buscaríase quen fixese os barcos noutra licitación. Pero obviamente, confiamos en que nesta licitación xa haberá quen oferte algo axeitado para a compañía. Todo indica que Pemex vai adquirir os buques hoteis, pero xa veremos se se fan nestes estaleiros galegos ou non. O que é evidente é que a necesidade para a nosa petroleira existe.
"PMI podería encargar os floteis se houbese outro cliente interesado neles á marxe de Pemex, pero iso haberá que preguntarllo a PMI e non á petroleira estatal"
PMI e a Xunta aseguran tamén que se Pemex non contratase os estaleiros galegos, os buques construirianse igual en Galicia, pagados por PMI e co obxectivo de arrendalos posteriormente. Ve iso factible?
Iso só tería sentido se alguén distinto de Pemex requirise eses barcos e llos solicitase a PMI. Non todos os negocios de PMI son con Pemex, aínda que estes son a súa razón de ser. Se houbese outro cliente interesado nos floteis, si cabería esa posibilidade, pero iso haberá que preguntarllo a PMI e non a Pemex.
Tivo vostede ou o consello de Pemex acceso ao contrato asinado en Galicia?
Non porque non é Pemex quen asina ese acordo, non estamos nese punto. Non vin contrato ningún porque non estamos no punto nin no momento de velo. Cando se inicie o proceso, revisaremos todo, pero para iso faltan uns meses aínda. Digamos que a pelota aínda non chegou á cancha de Pemex.
Cando chegarán os contratos á mesa de Pemex?
Segundo me comunican funcionarios da compañía, a licitación do lado de Pemex arrancaría nun par de meses aproximadamente.
Por que Pemex borrou do seu Twitter oficial unha mensaxe na que aseguraba que "non había contrato ningún con estaleiros galegos"?
Non sabía iso. Sei que vou atrasado neste ámbito tecnolóxico, pero non teño nin Facebook nin Twitter.
"A miña impresión é que o manexo do acordo puido ser utilizado electoralmente; unha boa noticia económica nunca fai dano a un Goberno nun proceso electoral"
Vostede afirmou nunha entrevista que o anuncio dos flotantes "caeu en tempos electorais en Galicia e a Xunta usouno politicamente para impulsar o PP". Segue pensando o mesmo?
Esa é a impresión que me dá sabendo que hai eleccións en outubro e que unha boa noticia económica sempre axuda. Creo que este manexo descoidado do alcance do acordo puido ser utilizado electoralmente. É a miña impresión e podo estar equivocado, pero honestamente é o que creo. É evidente que unha boa noticia económica nunca fai dano ao Goberno nun proceso electoral.
"Presións de España? Con todos os respectos, creo que España non está en condicións de presionar a ninguén e moito menos a Pemex"
Hai quen di que houbo presións do Goberno de España para forzar un acordo...
Con todo o respecto que me merece o pobo de España, creo que o Estado español non está en condicions de presionar a ninguén e moito menos a unha empresa do tamaño de Pemex. Ten outras cousas bastante máis importantes das que ocuparse. Non creo que exista algo máis que o interese en demostrar que Galicia ten a capacidade tecnolóxica para construír buques desta complexidade e que poidan ser utilizados pola que agora é a cuarta produtora de cur de mundo. Sinceramente, non creo nesas presións.