Feijóo aférrase aos contratos de Pemex malia que a empresa di que non son definitivos

Feijóo recibe o director de Pemex no Pazo de Raxoi © Xoán Crespo

Núñez Feijóo aférrase aos contratos asinados entre os estaleiros galegos e a petroleira mexicana Pemex, malia que a compañía azteca insiste en que non son definitivos, tal e como afirmaron os seus directivos nunha rolda de prensa e a propia compañía a través de varios tweets oficiais que xa foron borrados. O presidente da Xunta, en declaracións deste mesmo venres, asegura que "hai contratos asinados" con Barreras e Navantia e remítese ao último comunicado da firma de México, na que asegura que os devanditos contratos "son plenamente válidos", pero nos que tamén aclara que "inclúen cláusulas suspensivas que entrarán en vigor nos tempos acordados". 

"Hai barcos, hai armador e hai contratos", di Feijóo, que remite aos estaleiros cando se lle pregunta polo texto do acordo

O xefe do Executivo galego, visiblemente molesto, insiste en que "hai barcos, hai armador e hai contratos" e remítese "aos estaleiros" cando se lle pregunta polo texto dese acordo. "Galicia non ten ningún contrato", di para aclarar que a firma produciuse entre Barreras, Navantia e Pemex. Todo, logo de que Praza adiantase que na noite do xoves directivos da petroleira azteca aclararan que non había "ningún contrato asinado con estaleiros galegos" e que engadise que "PMI (filial mexicana para o mercado internacional) participou e vai participar nun proceso competitivo" para que logo Pemex elixa "a mellor proposta, a máis conveniente, a que máis traia beneficios á compañía".

"Hai condicións suspensivas no contrato, as cales son suxeitas a que a oferta lle conveña a Pemex", asegurara Suárez Coppel, director xeral da petroleira, ao intentar aclarar as dúbidas xurdidas en México sobre un acordo ao que acusaron de ser asinado sen darse a coñecer aos conselleiros da compañía e de non ser "estratéxico" para a firma. "Cando Pemex aprobe, cando asine contrato haberá unha aprobación explícita do Consello de Pemex", engadira.

Unha cláusula suspensiva, tal e como aclaran os diccionarios de termos xurídicos, é "unha estipulación que se establece nun contrato ou nun testamento, pola que se suspenden inicialmente os seus efectos até que se produza un determinado suceso incerto".

"O anuncio caeu en tempos electorais e a Xunta usouno politicamente para impulsar o PP",di un conselleiro de Pemex

“O anuncio dos flotantes caeu en tempos electorais en Galicia e a Xunta usouno politicamente para impulsar o PP, pero non hai un compromiso de Pemex", chegou a dicir Fluvio Ruiz, conselleiro profesional da petroleira mexicana, preguntado polo acordo. Feijóo, mentres, contraataca e asegura que "hai xente á que lle gustaría que non se construísen os barcos". "Sinto decepcionalos", di. En México, a prensa é clara e titula en varios medios que a firma estatal "nega contratos con estaleiros galegos".

As críticas da oposición xa chegaron. Francisco Jorquera, candidato do BNG á Xunta, cre que hai "indicios moi graves" de que Feijóo mentiu respecto do contrato e pide que "compareza no Parlamento" e "remitir toda a documentación existente" para aclarar a situación. Ademais, reclama ao presidente que se publique o pacto "de inmediato" na web da Xunta "se realmente quere demostrar que non mentiu a Galiza". "Se se confirma a información é de extrema gravidade; segundo os directivos de Pemex, o único que houbo foi un pacto para que estivesen disponibles as instalacións de Barreras e Navantia se ao final se optaba por estes estaleiros para construír os floteis", engadiu o candidato nacionalista, que pediu o líder do PPdeG que "clarifique" o caso.

"Se non o fai, estará confirmando que mentiu os galegos; unha persoa que mente o seu pobo non merece ser presidente do seu Goberno", finalizou, tras volver instar a Feijóo a que compareza "con urxencia" ante a deputación permanente do Parlamento galego.

Pola súa banda, Pachi Vázquez, candidato do PSdeG, pediu a Feijóo "que se aclare". "Eu prefiro que eses contratos sexan certos, pero témome que hai grandes dúbidas", dixo, mentres o conselleiro de Industria, Javier Guerra, insistía, ao igual que o xefe do Executivo galego, que os contratos son "plenamente válidos" e en trasladar "absoluta tranquilidade". A deputada Beatriz Sestayo e o voceiro Pablo García insistiron tamén en que se aclarase o pacto e se ensinasen os acordos. Ademais, o grupo socialista no Congreso solicitou o contrato entre Pemex e a Xunta para "aclarar as contradicións das últimas horas" e pediu a comparecencia na Cámara do presidente de SEPI, Ramón Aguirre.

Ademais, o secretario xeral da CIG, Suso Seixo, dixo que o contrato "non era fiable" e que "obedecía a unha estratexia política". En declaracións aos medios durante unha protesta fronte á sede da Xunta polos axustes do Goberno, Seixo afirmou que nos contratos non se especificaban prazos nin a forma en que se ía a financiar a construción dos buques.

Así, indicou que os datos anunciados en relación cos postos de traballo que se ían a crear foron "desmentidos polos propios traballadores e os técnicos dos estaleiros". O líder da CIG afirmou que o anuncio feito "un mes antes das eleccións é evidente que obedecía a unha estratexia política".

A chegada ao poder do PRI, que pediu que se aclarasen os acordos de Pemex, provocou a rolda de prensa da petroleira

A polémica xurdiu logo de que ás dúbidas xurdidas en México se unisen incluso as do PRI, partido gañador das últimas eleccións e que asumirá o poder o 1 de decembro, que presentou unha iniciativa parlamentaria para coñecer con detalle os acordos entre Pemex e Galicia e criticando que non se sometesen a unha licitación internacional nin aprobados polo Consello da petroleira estatal. Ante isto, o director xeral de Pemex, Juan José Suárez Coppel, convocou unha rolda de prensa na que enfriou o entusiasmo da Xunta e asegurou que os contratos para construír os buques foran asinados pola súa filial internacional e que terían que ser examinados pola matriz para confirmarse o acordo.

 

 

Pemex confirma no seu twitter que "no hay ningún contrato firmado con astilleros gallegos" Dominio Público Praza Pública

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.