Desaparece Barreras, o maior estaleiro da ría de Vigo, mentres os sindicatos ven peligrar a carga de traballo do naval e as posibilidades do sector para aproveitar o PERTE, que "non é satisfactorio" para as empresas auxiliares do sector
Tras 130 anos de historia, hai que referirse ao estaleiro Hijos de J. Barreras (1892-2022) de Vigo en pasado. Esta semana, o xulgado do Mercantil número 3 de Pontevedra deu por disolta a sociedade e abriu o período de liquidación da mesma. Para os sindicatos representantes dos traballadores do sector naval estes son meses "decisivos", unha perspectiva que non é tan perentoria para as empresas da industria auxiliar –as que sobreviviron aos bandazos dos últimos dez anos– que seguen a explorar outros mercados fóra das fronteiras galegas.
″O que vimos hai dez anos é imposible″. No sector naval hai un concepto complexo que modifica tanto o presente como as expectativas de futuro: a carga de traballo. Unha amalgama de factores que se pode resumir en que non é o mesmo facer un barco de luxo de 400 millóns de euros que un oceanográfico de 40. Hai dez anos que comezou o idilio do que era o principal estaleiro da ría de Vigo, Barreras, coa empresa petroleira estatal de México, Pemex. Un fiasco avalado pola Xunta que rematou coa construción dun flotel e tivo unha segunda parte cun cruceiro de luxo no mesmo estaleiro da man das compañías derivadas da multinacional Ritz-Carlton como Cruise Yacht –creada por Douglas Prothero, ex conselleiro delegado de Barreras–, última responsable do estaleiro antes da disolución.
"Vendeuse a unidade produtiva de costas aos traballadores", lamenta o presidente do comité de Barreras tras 100 despedimentos
Ese cruceiro, o Evrima, que rematou de afundir a Hijos de J. Barreras, supón un punto e á parte para todo o naval vigués. Esta semana tamén finalizaron, sen acordo, as reunións entre o comité de empresa de Hijos de J. Barreras e a administración concursal encargada do estaleiro, polo que segue adiante o despedimento de cen traballadores cun ERE extintivo parcial. Son as condicións impostas desde Armón, a empresa que se fixo coa propiedade tras un proceso de concurrencia competitiva por case 15 millóns de euros. Barreras será, a partir de agora, Astilleros Ría de Vigo, e Armón manterá á vez as intalacións que xa tiña na marxe de Beiramar baixo o nome de Armón Vigo.
Con este pano de fondo, achégase o momento da verdade para o PERTE (Proxectos estratéxicos para a recuperación e transformación económica) do naval proposto polo Goberno do Estado, aínda que non todos os actores o ven como unha vía factible para lograr novos proxectos. Os sindicatos consultados –CIG, UGT e CCOO– coinciden en que coa desaparición de Hijos de J. Barreras e Vulcano –agora Astilleros San Enrique, en mans de Marina Meridional– a carga de traballo no naval vigués non se vai recuperar. É un feito que asocian ás dimensións dos estaleiros que quedan funcionando na ría e unha afirmación para a que teñen en conta as maneiras de traballar das novas corporacións que xestionan os espazos de Vulcano en Teis e que van operar nas instalacións de Barreras en Beiramar.
"Escolleuse a oferta que deixa caer aos traballadores pero tamén ao sector", di Sergio Gálvez (UGT) sobre a elección de Armón sobre Gondán
"Penso que para o final deste mes estamos todos na rúa", salienta o presidente do comité de empresa de Barreras, Sergio Gálvez (UGT), tras pechar o período de negociación sen propostas máis beneficiosas que a indemnización por 20 días por máximo dun ano. "O que buscamos é un despido improcedente, iremos ao TSJ porque seguimos defendendo que aquí houbo unha unión de empresas e unha caixa común, e que se tomaron decisións en contra do estaleiro e dos traballadores", engade. A maioría do comité de empresa aceptou a saída de Barreras do Evrima (no que chegaron a traballar 1.200 persoas en Vigo) cara ao estaleiro Astander –no porto de Santander– coa premisa de que se buscaría un comprador para o estaleiro vigués co fin de manter os empregos. Pero non foi así. "Vendeuse a unidade produtiva de costas aos traballadores", lamenta Gálvez.
O Evrima segue sen estar rematado e permanece en Santander, onde segundo as informacións que manexa o comité de Barreras se están a pagar case 2 millóns de euros ao mes só por telo alí fondedao. A saída do barco tamén provocou a ruptura da relación laboral coa maioría das empresas auxiliares da zona que tiñan persoal traballando nel. "Aquí non só temos a tristeza de que cen traballadores se vaian á rúa, é que perdemos un nicho de mercado que tardará varios anos en recuperarse, se é que se recupera. O que temos claro é que ao redor de Barreras houbo moitos intereses que nós descoñeciamos", razoa Gálvez, que desde o comité defendeu apostar pola oferta da empresa Gondán fronte a Armón, pola que se decantou a xustiza.
"Escolleuse a oferta que deixa caer aos traballadores pero tamén ao sector. Había opcións bastante máis fiables para o futuro do propio estaleiro e da construción naval en Vigo. A oferta de Gondán xa viña con dous barcos por 200 millóns que empregarían as gradas de Barreras. Os de Armón o que traen é un barco de 50 metros, que vai dar traballo como moito a cen persoas en total. Hai anos que Barreras non fai un barco dese tamaño", critica Sergio Gálvez.
CIG estuda emprender accións legais contra a propiedade de Barreras "ao entender que actuou de mala fe durante todo o proceso"
"Dúas velocidades"
"En Barreras pasamos da desfeita de García Costas á de Ritz. O que nós defendemos era revertilo ao público porque posiblemente así se terían salvado os contratos de Havila que estaban sobre a mesa no seu momento. Pero aquí a Xunta non se quixo mover, todas as Administracións miraron cara a outro lado", sinala César Rodríguez, responsable de naval da CIG-Industria de Vigo, que estuda emprender accións legais contra a propiedade do estaleiro "ao entender que actuou de mala fe durante todo o proceso". Á parte, a central sindical tamén mira con preocupación cara a Vulcano: "De momento, nin está nin se lle espera".
Rodríguez ten claro que "o sector naval non vive de estaleiros medios" e que, aínda que considera a Armón como "unha firma solvente", pon o foco en que "non precisa das instalacións" que ten Barreras –as máis grandes da ría de Vigo–. Nesta liña, as fontes consultadas apuntan á venda dos talleres de calderería, situados na rúa Tomás Alonso, ao ser a "única parte urbanizable das propiedades de Barreras" na contorna de Beiramar. Por outra banda, César Rodríguez segue a defender a creación dunha Mesa de contratación do naval "porque en 2012 era necesaria porque se volvía comezar de cero no sector, pero agora tamén é importante xuntar a todos os actores e formalizar a colaboración entre as empresas e os estaleiros".
"A radiografía do sector naval agora é que falamos de dous ou tres estaleiros e, curiosamente os principais son os que están tocados", di César Rodríguez (CIG)
"A radiografía do sector naval agora é que falamos de dous ou tres estaleiros e, curiosamente os principais son os que están tocados. Sen esquecer tampouco a Metalships, que leva catro anos á deriva cunha propiedade que quere vender e vive de reparacións. Realmente, no sector hai dúas velocidades: por un lado están as empresas de construción que están vinculadas directamente aos estaleiros, que están bastante tocadas (moitas quedaron polo camiño) e subsisten co mínimo de persoal; e por outra parte están as que se dedican aos bens de equipo e pezas para o sector, que son as que están mantendo o tipo porque traballan para fóra. Pero son as primeiras as que creaban máis postos de traballo", explica o representante da CIG.
Para Óscar Gómez, director xerente de Aclunaga (Asociación clúster do naval galego), a "resolución pronta" da situación de Hijos de J. Barreras é boa "porque non estivo moito tempo pechado" e ten máis posibilidades de recuperar "tanto a imaxe como a carteira de clientes que xa tiñan". "Para nós é bo [Armón], é un estaleiro coñecido, sabemos como traballan e que hai moita contratación na industria galega –en concreto da zona de Vigo– por parte de Armón desde hai moitos anos e isto satisface ao sector, polo menos nestes momentos. Veremos a ver se conseguen manter a carteira de pedidos, que era grande. En canto á situación dos traballadores, pensamos que polo menos 20 van ter continuidade e esperamos que coa carga de traballo se vaian reincorporando máis", indica.
“Quen non teña proxecto de continuidade para a súa empresa, non o terá. O actual modelo de negocio está a piques de rematar", sinala Ramón Sarmiento (CCOO)
A “oportunidade" do PERTE
"Os problemas que ten o sector, telos consigo mesmo. Ou se replantexa, ou queda fóra do paraugas", afirma Ramón Sarmiento, de CCOO Industria de Vigo, sobre os "meses decisivos" que quedan ata finais de ano polos prazos para presentar proxectos que se acollan ao PERTE do naval, que ao seu parecer deixará "unha radiografía moi fidedigna" da realidade do sector. "As bases reguladoras do PERTE van marcar un camiño e un desafío, pero quen non teña proxecto de continuidade para a súa empresa, non o terá. O actual modelo de negocio está a piques de rematar e aquí aínda temos empresas cun nivel tecnolóxico de hai 25 anos. Igual quen segue cunha falta de organización e mantén a precariedade, non ten lexitimidade para pedir agora cartos públicos", defende Sarmiento.
Desde CCOO non ven "outra oportunidade" para o naval vigués. "Cónstame que hai empresas que están desenvolvendo proxectos colaborativos e cooperativos co conxunto da cadea de valor, coa vista posta nas axudas do PERTE; pero tamén están os escépticos de sempre: os que dicían que o tax lease actual non valía para nada, pero que agora que se levan formulado 200 operacións xa vale. O sector ten que facer os seus deberes para gañar competitividade e estar en condicións de xerar retorno do apoio que está tendo en formato de axudas. De momento, en canto a calidade de emprego, o retorno non é nin de lonxe o axeitado e requerible", asevera Ramón Sarmiento.
"Un Goberno que de verdade queira apoiar, ten que ofrecer un financiamento maior que ese 20% para os proxectos tractores", afirma Óscar Gómez (Aclunaga)
No lado empresarial, o PERTE do naval "non é satisfactorio" polo tipo de financiamento que promove. Desde Aclunaga, Óscar Gómez salienta que "hai un cofinanciamento inmenso" por parte das empresas e que "chegar a un cambio no sector aportando un montón de diñeiro as empresas, no estado no que se atopan, é un pouco ilóxico". "Se é unha medida de futuro, de reestruturación e de transición para o sector tiña que ser unha medida de apoio máis grande. Vai ser difícil montar proxectos. Entendemos que un Goberno que de verdade queira apoiar, ten que ofrecer un financiamento maior que ese 20% para os proxectos tractores. Os organismo públicos está moi alonxados da realidade das empresas, non somos unha rexión como Baviera, con grandes multinacionais, temos moitísimas Pemes que precisan promoción internacional e axudas para os investimentos, para a formación do persoal e para a reciclaxe", expón.
Á parte dos estaleiros, a pelota para esa recuperación do sector está na industria auxiliar, que é a que mantén o tecido empresarial do naval desde hai anos. "Á parte da facturación que se ten en estaleiros galegos, teñen moitísimo traballo por toda a Península e a nivel internacional. Son os que manteñen a facturación do sector naval e, polo tanto, teñen que desenvolver moitas medidas de tecnificación. E moitas empresas xa o estiveron facendo. O que si é verdade é que quedan bastante lonxe dos estaleiros, que neste senso están un paso por detrás. Con todo, pensamos que tanto uns como outros están nun camiño bo para facer melloras", destaca Gómez.
Para Aclunaga, os vindeiros meses non son decisivos no que respecta exclusivamente ao sector, pois o contexto de subida de prezos das materias primas, dos combustibles e da enerxía eléctrica, sumado aos problemas de subministración, afectan á situación global. "Non vemos mal especificamente o noso sector, pero si que están todos estes factores afectando. E o noso sector sempre foi problemático nese sentido. Se sumamos todo isto, evidentemente, estamos nun momento decisivo. Pero non penso que sexa cousa de meses", engade o presidente do clúster do naval.