CIG e CCOO temen que o interese de promotoras inmobiliarias polos terreos de Vulcano en Teis e de Barreras en Beiramar rematen coa construción naval nos dous estaleiros máis grandes da ría
Tanto a CIG como CCOO comparten a visión de que as Administracións no seu conxunto –en concreto a Xunta de Galicia, a Autoridade Portuaria de Vigo e o Goberno do Estado– están deixando esmorecer o sector naval en Vigo coa súa inacción. O conflito non é novo e non mudou desde que comezou a pandemia, mais está en vías de empeorar de non resolverse a situación do principal estaleiro privado do Estado, o vigués Hijos de J. Barreras.
Practicamente amortizado o que foi o segundo estaleiro da ría de Vigo, Vulcano, o sector depende de que as instalacións de Barreras volvan funcionar a pleno rendemento para garantir tamén o futuro da industria auxiliar. Freire e Armón teñen neste momento unha carga de traballo con continuidade, en Metalships non hai obra nova, pero si reparacións, como en Cardama. Aínda que estes últimos tampouco poderían tirar do sector por si sós debido ás súas dimensións.
"Barreras está a punto de entrar en liquidación polas débedas acumuladas", lamenta a CIG
"Barreras está a punto de entrar en liquidación polas débedas acumuladas", asegura César Rodríguez, responsable do naval da CIG-Industria de Vigo, para quen "a única solución é a intervención pública". "Ritz-Carlton nunca tivo interese na construción naval, só en acabar o seu barco, o Evrima [que está a ser rematado en Santander]. Coa crise de Havila tomaron o control para non perder o invertido aí", engade sobre a compañía que colocou a Douglas Prothero na presidencia do estaleiro ata o mes de xullo, cando foi destituído pola actual xestora.
"Non somos alleos a que os terreos interesan ao sector inmobiliario", apunta Ramón Sarmiento, de CCOO Industria de Vigo, quen sinala que varias promotoras en mans de fondos de inversión xa se fixeron con varias parcelas nos arredores do estaleiro. Un extremo que tamén coñecen na CIG. Por outra banda, trasladouse que varias firmas da construción naval, algunhas de dentro do Estado e outras de fóra, estarían interesadas en retomar a actividade en Barreras.
"Temos claro que ninguén o vai querer coller coas débedas actuais –afirma Rodríguez sobre o estaleiro–, outra cousa é que estean agardando a que haxa unha liquidación; pero aquí tamén entramos noutra cuestión: Cal sería a resposta do consello de administración do Porto de Vigo? Será a mesma que con Vulcano?".
Ramón Sarmiento, de CCOO, defende que as Administracións "teñen que dar garantías" para que se produza un traspaso en Barreras, para o que ve interesados
"Vulcano é un estaleiro que non existe", lamenta o representante da CIG. A Autoridade Portuaria de Vigo impediu calquera saída para que se mantivese a construción naval nel ao eliminarlle o dereito de uso da lámina de auga que empregaba dende a súa instalación en Teis. Está parado en relación a un litixio entorno á concesión administrativa da Autoridade Portuaria de Vigo. Sarmiento detalla que "a súa situación está limitada pola posición intransixente que foron tomando as Administracións, en concreto o Porto de Vigo, que non deu nin tan sequera oportunidade a que puidera callar un proxecto industrial da man de quen adquiriu as instalacións". Mentres, especúlase sobre unha saída inmobiliaria para os terreos, sobre os que as construtoras xa mostraron interese, segundo os sindicatos.
CIG e CCOO ven con preocupación que o devir de Vulcano, que fica nunha especie de limbo á espera dalgún tipo de resolución, se repita no caso de Barreras. "Máis alá de que poida haber alguén que sabemos que está interesado en retomar a actividade nas instalacións, o que compre o estaleiro tamén quere garantías de que adquire unha instalación e unha capacidade de produción; e non adquire litixios, pleitos, embargos, reclamacións... Hai que dotar de seguridade a ese suposto proceso de transmisión das instalcións. E, non sendo fácil, as Administracións son as que teñen que dar garantías nese proceso", salienta Sarmiento.
"Son as grandes mobilizacións da xente as que acaban por activar ás Administracións, senón ao final parece que van deixando que o sector caia sen repercusións", di César Rodríguez da CIG
Coa incerteza sobre o futuro aínda presente, a Unión Comarcal da CIG de Vigo e a federación de Industria convocan unha nova manifestación en defensa do sector naval para o vindeiro martes, día 23, que sairá dende o cruce da Dobrada ás 19.00 horas e rematará diante da delegación da Xunta. O sindicato mantén o pulso na rúa para evitar, din, o desmantelamento do sector sen que haxa alternativa. Xa que defenden que "a construción naval ten futuro", só que coa "renovación encuberta" do 'tax lease' e a "inacción por parte dos Gobernos" a maioría do traballo se leva a cabo noutros estaleiros europeos.
″Quero destacar o difícil que nos está a resultar enganchar á sociedade no seu conxunto sobre a importancia do sector. Isto o dis nos oitenta, ou incluso nos anos noventa, e te din que estás tolo. Xa son varias as manifestacións que facemos neste sector, que ten unha importancia de arrastre moi importante, e vemos difícil que cale a mensaxe. Eu son dos que penso que son as grandes mobilizacións da xente as que acaban por activar ás Administracións, senón ao final parece que van deixando que o sector caia sen repercusións″, di César Rodríguez.
O xuízo polo despedimento dun delegado da CIG en Barreras celébrase este luns
Ante esta situación, chama a atención que non haxa unha unidade sindical nas mobilizacións, aínda que si hai reunións conxuntas cos traballadores de Barreras. "Reclamamos a unidade dende o principio", manifesta Ramón Sarmiento dende CCOO, quen incide en que "é a CIG a que non a acepta". O responsable de Comisións Obreiras deixa fóra a UGT, que ten a maioría sindical no comité de empresa de Barreras e "valida a situación" da empresa. O representante da CIG-Industria no naval rexeita esa negativa á unidade con CCOO e mantén "que se ve perfectamente quen leva anos na rúa defendendo o sector e quen o fai puntualmente".
"Isto vén de lonxe, non descubrimos a pólvora agora. Había certa unidade sindical na negociación do convenio do metal e despois xa miramos en que quedou todo... Costounos moitas veces que se sumaran ás mobilizacións o resto de sindicatos, pasou en Vulcano e en Barreras. O que non pode ser é estar á marxe de todo e despois querer accións para facerse a foto. Estamos a falar dun sector clave na industria de Vigo, que podemos poñer ao nivel da automoción", agrega o representante da CIG.
O secretario comarcal da CIG en Vigo, Alberto Gonçalves, resalta que os últimos datos da EPA (do terceiro trimestre deste ano) "confirman que non hai ningún síntoma de recuperación real, máis ben ao contrario". Gonçalves critica que o emprego industrial en Vigo continúa por debaixo dos niveis anteriores á crise da COVID, xa que se destruíron por volta de 1.400 postos de traballo. "E hoxe, en Vigo, hai 6.100 empregos industriais menos dos existentes en 2009", lamenta.
O Ministerio de Industria confirma que haberá un PERTE para o sector naval en 2022
Un delegado da CIG en Barreras foi despedido "por demandar carga de traballo e denunciar a situación do estaleiro" despois dunha das mobilizacións convocadas pola central sindical. O despedimento está xudicializado e está prevista a vista para este luns. "Materialízase todo no noso delegado porque é a CIG quen está a denunciar o que está acontecendo en Barreras", defende César Rodríguez. Ambos sindicatos confirman que desenvolver a actividade sindical en Hijos de J. Barreras é extremadamente complicado cunha maioría sindical que de UGT que "deu apoio á saída do Evrima" das instalacións de Beiramar cara a Santander, o último golpe no estaleiro en medio dos equilibrios que mantén desde a saída do seu anterior presidente, José García Costas, e que viñan de antes.
"Habería que dotar ao proceso de transparencia, o sector non se merece máis aventuras", asevera Sarmiento, quen observa que hai unha "repunta de consultas comerciais" no sector. "O naval, de determinadas crises de carácter global, se está a beneficiar. Nese carácter cíclico que ten a actividade naval, podemos estar ás portas dun dente de serra en positivo no que é a demanda de construción de barcos", vaticina.
A semana que vén tamén está previsto que o Ministerio de Industria se volva sentar cos sindicatos para avanzar no deseño do Proxecto Estratéxico para a Recuperación e Transformación Económica (PERTE) para o sector naval, que permita "diversificar" a capacidade de construción de barcos nos estaleiros do Estado, así como apostar por empregar fontes de enerxía menos contaminantes nesta industria. A ministra de Industria, Reyes Maroto, confirmoulle esta semana ao presidente da Xunta que haberá un PERTE para 2022 no naval, polo que o sector se poderá beneficiar de fondos europeos.