Reactívanse as mobilizacións no naval vigués: "Isto foi unha reconversión encuberta"

Manifestación 'Salvemos o naval' convocada pola CIG en Vigo CC-BY-SA CIG

O sector naval recupera as mobilizacións co incerto futuro de Barreras e a polémica sinatura do convenio do metal de fondo

Unha reconversión do naval ″encuberta″. O sector naval vigués e, por extensión, de toda Galicia, asómase a unha situación que non difire da que se viviu nos anos oitenta coa reconversión naval, que supuxo unha profunda crise e pola que houbo grandes mobilizacións cun amplo respaldo da sociedade civil. O futuro do sector está en xogo desde hai meses coa situación do principal estaleiro privado do Estado, Hijos de J. Barreras, que misturado coa sinatura dun novo convenio do metal pontevedrés está a provocar manifestacións en Vigo como a que este mércores reuniu a decenas de persoas no centro da cidade convocadas pola CIG.

″Se botas a vista atrás ves que isto de agora foi unha reconversión encuberta desde o conflito inicial do tax lease. España sabía das intencións de Europa e non actuou. Os barcos que se ían facer na ría de Vigo daquela non quedaron sen facer, fixéronse en Holanda ou Francia. Ese non facer das institucións significou ir deixando caer ao sector por si mesmo. Ao final parece que non hai culpables, pero nós quedamos sen unha industria importante″, sinala César Rodríguez, responsable do naval da CIG-Industria de Vigo.

Acción simbólica da CIG en Vigo para escenificar a morte do sector naval CC-BY-SA CIG Vigo

A central sindical confirma que en Vigo hai 5.400 empregos industriais menos dos que había en 2009 e indica que no último ano destruíronse preto de 2.500 postos de traballo neste sector. Os desencontros coa sinatura do convenio do metal de Pontevedra, que afecta a máis de 3.000 empresas e 30.000 traballadoras e traballadores da provincia e foi asinado polos sindicatos CCOO e UGT coa negativa da CIG, xa protagonizaron as manifestacións do 1 de maio na cidade olívica e foron quen, por outra banda, de activar as mobilizacións dos traballadores do sector naval.

Baixo o lema ″Salvemos o naval. Polo futuro industrial da comarca de Vigo″, a marcha convocada pola CIG este mércores partiu da Dobrada para rematar na farola de Urzáiz, onde o secretario comarcal da CIG de Vigo, Alberto Gonçalves, reclamou a intervención das institucións públicas: ″Queremos lanzar un novo SOS diante da situación crítica que atravesa o sector naval porque non podemos permitir que sexa a crónica dunha morte anunciada, polo que instamos aos Gobernos español e galego a actuar dunha vez por todas despregando medidas para blindar a continuidade dun sector absolutamente vital e estratéxico para a industria viguesa″.

A desaparición de Barreras está enriba da mesa. Gonçalves lembrou que ″resta apenas medio mes″ para que remate o prazo no que a Sociedad Estatal de Participaciones Industriales (SEPI) ten que responder á petición de 30 millóns de euros formulada pola dirección do estaleiro, en mans de Cruise Yacht OpCo (que emprega o nome comercial The Ritz-Carlton Yacht Collection), que ten como CEO a Douglas Prothero. ″Pero estes días volvemos asistir a un novo episodio no que a Xunta volve botar balóns fóra, sinalando a Madrid como culpábel de todo, mentres o Goberno español segue sumido no silencio a pesar da desesperada situación do estaleiro″, aseverou.

″É incontestable a incapacidade do capital privado para desenvolver as grandes potencialidades que ten Barreras″, di o secretario comarcal da CIG en Vigo

O secretario comarcal da CIG de Vigo acusou directamente ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, de ″desentenderse″ do naval e, ao mesmo tempo, de empregar ″operacións fracasadas como a de Pemex en Barreras″ como ″propaganda″ con fins electorais. ″Hoxe é xa incontestable a incapacidade do capital privado para desenvolver as grandes potencialidades que ten Barreras″, defendeu Gonçalves, quen apostou por unha intervención pública ″que condicione calquera inxección de recursos públicos á entrada directa no accionariado e na toma de decisións, facendo que Vigo volva ter un estaleiro público, como o tivo até a privatización de Barreras″.

Desde a CIG aseguran que resulta imposible cuantificar a inversión necesaria para recuperar o estaleiro de Hijos de J. Barreras para o público, pois non teñen acceso ás contas da empresa. Con todo, o propio Douglas Prothero se fixo cargo de estaleiro por unha cantidade simbólica coa única intención de sacar adiante o cruceiro de luxo Evrima, que agora agarda en Santander a seren rematado a pesar de que a empresa negou este extremo ata o último momento. A adquisición por parte de Cruise Yacht OpCo tamén se produciu polo interese da petroleira mexicana, Pemex, de saír do accionariado de Barreras, ao que chegou despois de varias xuntanzas nas que participou directamente a Xunta de Galicia. ″Estánse pasando o estaleiro duns a outros e cada un está a mirar para os seus intereses″, apunta desde a CIG-Industria César Rodríguez.

Construción dun cruceiro en Barreras © Hijos de Barreras

A liquidación de Barreras, que aparentemente estaba descartada coa compra por parte da multinacional de Douglas Prothero, é de novo o principal risco. A industria auxiliar está a subsistir coa esperanza de que Barreras poida tirar do sector naval, mais o movemento de Cruise Yacht OpCo de sacar o Evrima da ría de Vigo supuxo un punto de inflexión. As axudas estatais van rematar e, aínda que Hacienda resolveu devolver o 50% do tax lease que faltaba polo cruceiro de luxo a Barreras antes de tempo para que poida facer fronte as súas débedas coas auxiliares, varias empresas están cun pé na suspensión de pagos. Segundo os datos adiantados por Lara Graña en Faro de Vigo, a industria auxiliar perdeu catro de cada dez empregos no último ano.

″En todos estes anos, Barreras mantivo a actividade do sector naval tal e como a coñecemos. Cando falamos de que hai dez anos había 10.000 traballadores no naval é porque moitos deles dependían de Barreras, que chegou a ter unha media de 2.000 traballadores dependendo directamente do estaleiro. Isto tamén hai que telo en conta á hora de pensar no control público″, defende o responsable do naval da CIG-Industria.

″A Xunta está a poñer cartos públicos en mans de empresas privadas que non fan unha aposta de futuro polo naval galego″, sinala César Rodríguez da CIG-Industria

A central sindical defendeu nas mobilizacións convocadas no último mes e medio en Vigo que falta un ″plan de futuro″ para o naval. ″A Xunta está a poñer cartos públicos en mans de empresas privadas que non fan unha aposta de futuro polo naval galego″, lamenta César Rodríguez. Neste momento, Barreras só tiña o cruceiro Evrima como carga de traballo, que agora fica en Santander. E, por outra banda, ten as gradas de Beiramar aínda ocupadas polos inicios dos traballos nuns buques que quedaron paralizados encargados por Havila Kystruten, coa que mantén un xuízo aberto no Reino Unido, que dependendo da sentenza podería incrementar en máis de trinta millóns a débeda do estaleiro vigués.

″Sen Vulcano e sen Barreras, que chegaron a representar o 50% da contratación que tiña o sector naval, o futuro é inviable″, sostén Rodríguez. Na última reunión mantida entre os sindicatos e a Autoridade Portuaria de Vigo a respecto da situación de Vulcano, que botou o peche antes da crise do coronavirus, confirmouse a nova licitación dos terreos do estaleiro en Teis, pero desde a CIG inciden en que non quedou claro que se vaia manter o seu uso para a actividade naval.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.