O consorcio estadounidense Ritz-Carlton chegou a un principio de acordo con Pemex e Albacora, dous dos accionistas de Barreras, para facerse co control do estaleiro vigués. O grupo norteamericano farase co 75% dos dereitos de voto que posúen estas dúas empresas --a mexicana un 51%-- logo de semanas de negociación e ao límite para que a empresa non caia no concurso.
Ritz-Carlton, a cambio, asumirá os sobrecustos do primeiro cruceiro de luxo que encargou a Barreras, que acumula meses de atraso e cuxos problemas derivaron noutra crise nun estaleiro que non dá levantado.
Ritz-Carlton farase co 75% dos dereitos de voto que posúen Pemex e Albacora e asumirá os sobrecustos dun dos cruceiros que ten encargados no estaleiro
O sobrecusto xerado pola construción deste barco para a división navieira da empresa hoteleira deixou Barreras preto do preconcurso. O desfase, sobre os 240 millóns do contrato, podería roldar os 100 millóns; a débeda no pagamento a provedores e equipos sitúase nos 20.
Queda saber o que ocorrerá co parte que posúe o ex-presidente de Barreras, José García-Costas, que foi cesado, e que ten preto do 25% do capital. As empresas auxiliares acredoras e agrupadas en Uninaval podería entrar tamén na operación que prepara un rescate máis para o estaleiro.
Así, tal e como adiantara, Pemex desfíxose axiña do negocio ao que chegou en Galicia da man daquel acordo apadriñado por Feijóo entre a Xunta e a petroleira estatal mexicana, que entrou en Barreras hai máis de seis anos, tal e como adiantara Praza.gal.
Pemex decidiu hai xa meses abandonar Barreras e Galicia logo de moreas de proxectos anunciados por Feijóo pero incumpridos
Xa a principios deste 2019, a petroleira advertira da súa intención de abandonar e soltar lastre. Daquela “alianza estratéxica” quedaron os traballos para a construción de dous únicos floteis e a compra do estaleiro vigués. Nada máis se soubo das moreas de proxectos e contratos anunciados pero incumpridos.
Quedaron no limbo numerosos anuncios de Feijóo: tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, a renovación de parte da frota, dous quimiqueiros e os remolcadores. Tampouco chegou a terminal no porto exterior da Coruña, á que renunciou finalmente Pemex.
Ritz-Carlton cumpre así co seu obxectivo de situarse á fronte do estaleiro e poder rematar así os dous cruceiros que ten encargados, un deles xa case rematado. A idea é que o faga da man das auxiliares, que logo de constituír a sociedade Uninaval entrarían no capital de Barreras capitalizando a débeda.