O persoal mobilizado, a Xunta presionando e sinalando os accionistas, pedidos adiados e actividade parada, unha posible venda paralizada e con dúas semanas de prazo antes de entrar en concurso. O futuro de Barreras complícase a cada paso.
Cunha débeda estimada de 80 millóns de euros, á espera da auditoría de Deloitte, o estaleiro atópase en situación de preconcurso e camiña inevitablemente á entrada en concurso de acredores, unha situación que as partes implicadas aínda confían en evitar.
As posibilidades da empresa pasan agora por abrir o seu capital a novos socios, accionistas e acredores. Desde a Xunta, o conselleiro de Economía e Industria, Francisco Conde, asegura que “a situación de Barreras é un problema que está identificado claramente nos accionistas” a quen pide que se “aliñen con todas as partes implicadas e dean unha solución viable para os traballadores e a industria auxiliar a medio e longo prazo”.
Barreras atópase en preconcurso e a dúas semanas de entrar en concurso de acredores se as partes implicadas non o evitan antes
Conde sinala a Pemex, que ten un 51% de participación logo de introducirse en Galicia da man daquel acordo apadriñado por Feijóo entre a Xunta e a petroleira estatal mexicana, que entrou en Barreras hai máis de seis anos, como adiantara Praza.gal. Agora quere liscar de vez tras unha “alianza estratéxica” co Goberno galego que se limitou aos traballos para a construción de dous únicos floteis e a compra deste estaleiro vigués. Nada máis se soubo das moreas de proxectos e contratos anunciados pero incumpridos.
“Non hai un problema financeiro, nin desde un punto de vista técnico para acabar os barcos”, dixo Conde, que pide a Pemex que “estableza unha solución” na que participen os outros dous accionistas, García Costas e Albacora, que teñen o 49%.
As auxiliares, ás que Barreras debe 25 millóns, acaban de crear unha sociedade coa que pretenden entrar no estaleiro e finalizar os proxectos contratados
A solución semella pasar por unha ampliación de capital, con preferencia para os actuais accionistas, pero aberta tamén a novos investidores e a acredores como as auxiliares do naval, ás que Barreras debe uns 25 millóns de euros e que acaban de crear unha nova sociedade coa que entrar no estaleiro. Son máis de trinta empresas unidas co obxectivo de adquirir participación no consello de administración, entrar no capital social e finalizar os proxectos contratados.
Con esta condición, as auxiliares do naval en preconcurso ou que teña participación en estaleiros non poderían optar ás axudas do Igape, unha liña de préstamos anunciada pola Xunta dentro dun plan global de axudas dotado con 36 millóns de euros. Así llelo trasladaron responsables da entidade pública a estas empresas este martes en Vigo.
Mentres, os traballadores de Barreras comezaron este martes as mobilizacións pasa esixir unha saída e que continuarán toda a semana, a mesma na que representantes de Pemex chegarán a Vigo para negociar unha solución.
Os sindicatos, que convocaron este martes o primeiro dos paros e teñen previsto outro dunha hora este xoves, reclaman que os empresarios responsables da actual situación non formen parte da posible solución. Os representantes do persoal pídenlle á Xunta que evite o concurso, convoque a Mesa do Naval e cree unha comisión de crise.
O persoal pide á Xunta que evite o concurso, convoque a Mesa do Naval e cree unha comisión de crise
Desde a CIG, a petición é que as administracións públicas interveñan Barreras, privatizada durante o Executivo de Aznar. Para atopar un camiño que desbloquee un problema de hai ben tempo.
A Xunta pide unha “solución integral para toda a carga de traballo” e non só para o cruceiro de Ritz-Carlton, que debía ser entregado este mes. Tamén para os pedidos contratados por Havila e Armas, que acumulan tamén varios meses de atrasos.
O comité de empresa do estaleiro confía en que os propietarios da empresa cheguen a un acordo “esta semana” cos armadores de Ritz-Carlton para rematar o cruceiro. A empresa trasldadoulles aos traballadores que a idea é chegar a un acordo con esa empreas para xestionar os sobrecustos, sobre 50 millóns de euros, para poder recuperar a actividade e finalizar de vez o buque.