Persoal de Endesa, o naval e as súas auxiliares volven reclamar futuro ante a crise industrial

Mobilización de persoal das auxiliares de Endesa nas Pontes CC-BY-NC-SA CIG

A grave crise industrial que sofre o norte galego volveu este mércores ser advertida polas mobilización de traballadores das dúas principais industrias da área de Ferrolterra, Eume e Ortegal, comarcas que xa se ergueran por medio dunha folga xeral contra a falta de solucións hai menos de tres meses.

Persoal de Endesa, Navantia e as súas auxiliares volveron reclamar solucións á crise industrial e alternativas ao peche da central térmica

Persoal dos estaleiros de Navantia, de Endesa e das auxiliares de ambas emrpesas secundaron unha mobilización para reclamar solucións e alternativas á falta de carga de traballo en Fene e Ferrol e á parálise e fin anunciada da central térmica nas Pontes. Case á mesma hora, en Vigo, delegados da CIG ocuparon simbolicamente o estaleiro de Barreras para denunciar a súa "situación crítica" e reclamar unha "intervención pública" noutra nova protesta nun naval vigués que decidiu reactivar as mobilizacións ao non albiscar saída

Barricadas á entrada do Porto de Ferrol CC-BY-NC-SA CIG

No norte, o Porto de Ferrol e a autovía que une esta cidade coas Pontes foron os dous escenarios das protestas onde volveu haber barricadas e pneumáticos ardendo que volveron dar conta da desesperación do persoal. 

"O que pasa non é problema de Ferrol ou das Pontes, senón de toda a comarca", destacou Emilio García Juanatey, presidente do comité de empresa de Navantia, que lembrou que a partida do último buque para a Armada australiana deixou sen traballo e con importante destrución de emprego un estaleiro que non ten previsión de iniciar próximos traballos ata o verán. 

Delegados da CIG pecháronse simbolicamente en Barreras para denunciar a "situación límite" do estaleiro

CIG, CCOO e UGT reclaman solucións nos estaleiros e tamén nas Pontes, onde o atraso na autorización do peche da central térmica dificulta aínda máis o futuro das subcontratas de Endesa, para cuxo persoal os sindicatos piden traballo e expectativas de futuro a través dunha "transición xusta" da que piden concreción na reunión que o vindeiro día 2 celebrará a mesa de transición. 

Desde Vigo, o secretario comarcal da CIG na comarca, Alberte Gonçalves, celebrou o éxito do "peche simbólico" en Barreras de varios delegados do sindicato para "denunciar a situación limite do estaleiro" e a "nefasta xestión da actual dirección". "Non hai carga de traballo nin parece que a vaia haber no futuro", denuncia a central, que pide a intervención das administracións para "dotar á comarca dun estaleiro público ou semipublico que faga de motor para a industria auxiliar". 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.