A folga xeral paraliza Ferrolterra, Eume e Ortegal, que piden aproveitar os fondos da UE para a reindustrialización

Cabeceira da manifestación pola folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal CC-BY-NC-SA CIG

Nin os tempos de crise e incerteza pandémica puideron impedir o éxito da folga xeral que nas comarcas de Ferrolterra, Eume e Ortegal convocaron os principais sindicatos (CIG, CCOO e UGT) coincidindo co Día da Clase Obreira Galega. 

Os sindicatos cualifican de "éxito rotundo" a xornada de folga xeral e reclaman a Xunta e Estado "solucións" ao declive industrial das comarcas

A xornada de paro detivo a actividade nos principais polígonos industriais do norte da provincia da Coruña nun seguimento masivo que foi tamén moi maioritario no sector servizos. Os responsables comarcais dos tres principais sindicatos cualificaron de "éxito rotundo" unha xornada que se completou cunha multitudinaria manifestación onde milleiros de persoas esixiron á Xunta e ao Goberno central "solucións" ante o "declive industrial" destas tres comarcas

Operarios de Navantia, na manifestación pola folga xeral CC-BY-SA CCOO-Galicia

Foi un berro unánime para reclamar ás administracións que aproveiten os fondos de recuperación da UE para afrontar a necesaria reindustrialización e transición enerxética "xusta" dunha zona afogada pola crise, os peches e os despedimentos desde hai anos. O peche de Siemens Gamesa, a eterna falta de carga de traballo en Navantia, o fin inmediato anunciado por Endesa na súa central térmica das Pontes ou o ronsel de recortes de persoal en numerosas empresas insisten no fastío dunhas comarcas fartas do abandono dos gobernos. 

O clamor foi unánime para que as administracións tiren dos fondos de recuperación da UE para reindustrializar as comarcas

Son eses fondos da UE para paliar os efectos da COVID, cuns 70.000 millóns de euros camiño de España, a oportunidade á que sindicatos e partidos piden agarrarse. Todos demandan proxectos e investimentos concretos que sinalan ás posibilidades para o dique de Navantia, unha aposta decidida pola transición enerxética das Pontes ou a necesaria mellora das infraestruturas. 

"A xente está farta e é hora de que se poñan alternativas para estas comarcas sobre a mesa"

As críticas aos executivos de PSOE en Madrid e PP en Santiago non foron impedimento para que o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, ou o presidente socialista da Deputación da Coruña e alcalde das Pontes, Valentín García Formoso, se unisen a unha marcha que contou tamén coa presenza de varios dirixentes do PPdeG, entre eles o secretario xeral en Galicia, Miguel Tellado, ou o líder da formación en Ferrol, José Manuel Rey Varela. 

Tamén asociacións empresariais se uniron aos sindicatos --entre eles a CGT-- nun clamor unánime que demostrou "que a xente está farta e que é hora de que se poñan alternativas para estas comarcas sobre a mesa". Así o asegurou o responsable comarcal da CIG, Manel Grandal, que destacou o "éxito" da folga e insistiu na responsabilidade que Estado e Xunta teñen no futuro da zona. 

Manifestación pola folga xeral en Ferrolterra, Eume e Ortegal CC-BY-SA CCOO-Galicia

Pola súa banda, o secretario comarcal de CCOO en Ferrol, Santiago Díaz, fixo un "chamamento urxente" ás administracións pola "decadencia" pola que atravesan as comarcas, mentres que o seu homólogo en UGT, José Antonio Díaz, insistiu tamén na "falta de implicación das administracións" e gabou a "máxima implicación da clase obreira" nunha mobilización que buscaba "dar visibilidade á problemática" do norte do país. 

Os sindicatos denuncian o abandono e "esquecemento" que sofren Ferrolterra, Eume e Ortega por parte das administracións

"Como é posible que saibamos dos proxectos que hai para outras zonas e nin un só para as nosas comarcas?", preguntouse Grandal, da CIG, respecto do criticado desleixo dos poderes públicos de cara á reindustrialización, no que insistiu Díaz, de UGT, que asegurou que as comarcas están "esquecidas" polos gobernos central e autonómico. 

Ademais, a portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, insistiu tamén nesa mensaxe para advertir de que "Ferrol non afunde". "A Ferrol afúndeno as políticas lesivas do PP e do PSOE ao longo de décadas", dixo, chamando a apostar pola "diversificación industrial". O secretario xeral do PSdeG; Gonzalo Caballero, reclamou "investimentos e capacidade de xerar emprego e futuro" e ollou tamén ás posibilidades dos fondos comunitarios, na mesma liña que mostrou o deputado de Unidas Podemos e líder da formación morada en Galicia, Antón Gómez-Reino.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.