Vinte barcos 'pantasma', cerco xudicial e un estaleiro quebrado: dez anos da "alianza" da Xunta con Pemex

Feijóo, con Emilio Lozoya en instalacións de Pemex en Ciudad de México en marzo de 2014 CC-BY-SA Xunta

Hai xusto agora unha década, a oposición en Galicia pedía explicacións pola súbita, imprevista e case clandestina viaxe de Alberto Núñez Feijóo a México. Sen apenas publicidade e con escasa información por parte do Goberno, acompañaba o daquela xefe do Executivo español, Mariano Rajoy, que nun discurso desde o país centroamericano desvelaba que era o que tiña que ver aquela visita institucional con Galicia: o posible interese da petroleira propiedade do Goberno mexicano, Pemex, en construír barcos nalgún estaleiro galego. Á volta, o titular da Xunta advertía dunha "folla de ruta" coa empresa e dunha decisión en dous meses sobre eses posibles encargos. 

A polémica viaxe de Feijóo a México hai dez anos iniciou a alianza entre Xunta e Pemex que acabou na Fiscalía, cun ronsel de promesas incumpridas e Barreras quebrado

Non tardou tanto. Un mes despois, a finais de maio de 2012, o Telexornal da TVG interrompeu o seu ritmo habitual para conectar co Pazo de Raxoi e retransmitir a sinatura do acordo entre Xunta e Pemex. Prometéronse milleiros de empregos e, co paso do tempo, a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, dous quimiqueiros, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca e mesmo a instalación dunha terminal de hidrocarburos no Porto Exterior da Coruña. A máis de vinte embarcacións ascendeu unha conta que quedou na polémica adxudicación e construción de dous floteis e a adquisición de Barreras, histórico estaleiro que acabou quebrado. 

Polo medio, un ronsel de promesas incumpridas, investigacións xudiciais e do propio Goberno mexicano, litixios, sombras e moitas dúbidas aínda por resolver. Escuridade e sospeitas que medran ao tempo que o actual presidente de México, unha década despois, sinala o "contubernio" dos negocios de Pemex en Galicia apadriñados pola Xunta como clave na súa crise con España.

A extradición do ex-director de Pemex Emilio Lozoya, detido en España e impulsor da man da Xunta dos principais negocios en Galicia, e a súa colaboración coa Fiscalía mexicana estreitou aínda máis o cerco nun proceso de acusacións de corrupción e investigacións xudiciais que afectaron varios directivos máis que negociaran coa Xunta o desembarco en Galicia, como Carlos Roa e José Manuel Carrera Panizzo. O acordo que viña salvar o naval e dar un importante impulso ao sector en Galicia acabou sendo máis relevante polos escándalos que o rodearon que polos seus efectos económicos. 

Pemex, o Tribunal de Contas mexicano, a Fiscalía e a Unidad de Intelixencia Financeira investigan os negocios da petroleira en Galicia e a compra de Barreras

O Ministerio Fiscal investiga se os negocios da petroleira en Galicia deberon ser levados a cabo ou se houbo algún aspecto irregular neles.Tamén pescuda a Secretaría de la Función Pública (SFP) e a UIF (Unidad de Inteligencia Financiera), que levan tempo debullando a fracasada colaboración entre Goberno galego e petroleira.  

Xa hai unha década, o acordo comezara virado. Mentres a Xunta aseguraba que Navantia e Barreras construirían dous floteis, a empresa mexicana deixaba en evidencia a Xunta ao asegurar que non había contrato ningún senón que debería decidir entre varias ofertas. Mesmo conselleiros da firma estatal censuraron un anuncio que consideraron propaganda política. Entre acordos de confidencialidade e apenas información, PMI, filial de Pemex, asinou finalmente os contratos para a construción dos buques-hotel mentres Feijóo prometía novos encargos que nunca chegaron. 

Feijóo e o conselleiro Conde, cos directivos de Pemex investigados pola Xustiza -destacados en cor- nunha visita CC-BY-NC-SA Praza Pública

Na prensa mexicana, o inicio de todo sitúano aínda máis atrás. Nas promesas do ex-xefe da Oficina da Presidencia de Felipe Calderón, o falecido Juan Camilo Mouriño -fillo do presidente e máximo accionista do Celta, Carlos Mouriño- a un grupo de empresarios galegos. Comprometérerase a axudalos no outorgamento de contratos de Pemex para a construción de buques pouco antes de falecer nun tráxico accidente.

Sexa como for, e con Feijóo a piques de abandonar a Xunta, as investigacións sobre os negocios de Pemex en Galicia continúan. As pescudas apuntan, sobre todo, á compra de Barreras, decisión á que a petroleira atribuíu a perda de 50 millóns de euros e pola que Lozoya é investigado, ademais de por moitos presuntos casos de corrupción cando estivo á fronte da petroleira. O estaleiro vigués pasou en 2013 a quedar baixo control de Pemex por 5,1 millóns e acabou quebrado e logo vendido a Ritz Carlton

México sinala o "contubernio" dos negocios de Pemex en Galicia como clave na súa crise con España e a petroleira cualificou de "fracaso" a compra de Barreras

Pemex presentou unha denuncia ante a Fiscalía mexicana por posible delito de administración fraudulenta por aquela compra, cando Lozoya era director de Pemex e o dereitista Peña Nieto o presidente mexicano. Foi daquela cando se acentou a deriva de Barreras, da que Pemex buscou saír así que houbo cambio de goberno e López Obrador chegou ao poder. O novo Executivo soltou lastre, sobre todo tras gañar un "litixio" á propiedade do estaleiro para recuperar máis de 13 millóns de euros e dar por "finiquitado" un proceso que "resultou ser un fracaso". 

A porfía con Barreras foi o último episodio pero non o derradeiro aínda daquela publicitada "alianza estratéxica". Nunha das últimas referencias aos negocios en Galicia, o actual director xeral de Pemex, Octavio Romero Oropeza, lembrou o "fracaso" dunha operación "non produtiva" e onde non se levou a cabo "unha debida supervisión ao manexo e finanzas da empresa", malia posuír máis da metade das accións. 

Anuncio dos contratos de Pemex en 2012 © Xoán Crespo

"Un funcionario fixo unha xira en España, dixéronlle que había un estaleiro en problemas, pechado, quebrado, e tomouse a decisión de que Pemex investise; mercou o 51% das accións para botalo a andar". Así foi como Romero Oropeza relatou a decisión para que a petroleira pasase a ser o principal accionista en Barreras en 2013, tal e como adiantara Praza.gal

A Auditoría Superior de la Federación (ASF), o equivalente ao Tribunal de Contas en España, xa cuestionara nun dos seus informes este e outros negocios de Pemex en Galicia por supor un investimento nun sector produtivo que non lle correspondía e que supuña perdas, ademais de pola súa opacidade e escurantismo, sobre todo no caso da construción dos floteis, salpicada de inexactitudes, contratos nunca revelados e adxudicacións postas en dúbida.

Ademais, a ASF lembraba que Lozoya levou a cabou a operación malia que as auditorías pagadas pola propia Pemex desaconsellaban a compra de Barreras e advertiran de serios problemas ante os que non se tomaron "medidas para mitigar os riscos". 

Flotel 'Reforma Pemex' © Barreras

Romero Oropeza tamén lembrara que os floteis "nunca se puideron ocupar á súa máxima capacidade" e que Pemex non os podía vender, malia os intentos, "porque estaban moi por debaixo do prezo ao que os construíran". Custaran perto de 150 millóns de euros.

Feijóo chegou a prometer a construción en Galicia de tres buques tanque, dous quimiqueiros ou varios remolcadores e unha terminal de Pemex na Coruña

Antes, a ASF xa alertara de que nunca se puido probar que eses floteis cumprisen cos requisitos establecidos no concurso público, nin que a oferta de Navantia Ferrol fose a mellor -porque non se facilitou nunca o contrato-, nin que construír os dous buques en Europa resultase máis barato que manter as 25 plataformas fixas que Pemex xa tiña. Só nos custos de ter un deses buques amarrado en Ferrol, Pemex gasou 3,6 millóns. Dos 2.000 empregos para construílo na ría ferrolá dos que falara a Xunta, chegouse a unha cifra máxima de 500 a pleno rendemento. 

Foi só unha máis de todas as polémicas e irregularidades agora investigadas que aconteceron sendo director xeral de Pemex Emilio Lozoya, que enfronta máis de 40 anos de cadea por dúas causas, e a quen Feijóo intentou desligar sempre dos negocios da petroleira en Galicia malia que, segundo indicou o propio Goberno galego en 2013 e 2014, o presidente da Xunta en persoa tratou directamente con el. O fiscal xeral de México sinalárao como "símbolo" da corrupción da etapa de Peña Nieto á fronte do Executivo azteca.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.