Pouco se parece a Galicia de 2009 á deste 2022 no que o quinto presidente da Xunta deixa o cargo cando aínda lle faltan dous anos para superar os do seu antecesor e despois de aplicar con éxito dispar a súa axenda liberal-conservadora
O 18 de abril de 2009 Alberto Núñez Feijóo tomou posesión como quinto presidente da Xunta. 13 anos despois pouco se parece a Galicia deste 2022 na que vai converterse no quinto ex-presidente do Goberno galego, o segundo que máis tempo durou tras Manuel Fraga, ao que igualou en maiorías absolutas consecutivas, catro, pero non nos anos á fronte do do cargo, con dous e medio menos.
Feijóo inicia agora o camiño á inversa que fixera Fraga cando deixou a presidencia do PP estatal para aspirar á da Xunta. Farao case dúas décadas e media despois e tras derrogar durante os seus mandatos boa parte das leis que impulsara o seu antecesor. Un revisionismo -ou “reformismo” como o cualifica o propio Feijóo- que supuxo aplicar con éxito dispar unha axenda liberal-conservadora presentada por veces como socialdemócrata que tentamos repasar con 13 fitos que poderían resumir os seus 13 anos de goberno.
2009: Concurso eólico
Tras a dura campaña electoral liderada por Alfonso Rueda contra o goberno de coalición PSdeG-BNG, unha das primeiras políticas dos seus antecesores que reverteu Feijóo foi a que prevía un sector eólico con participación pública e proxectos industriais ligados aos aeroxeradores. O novo goberno popular anulou a finais de 2009 o denominado concurso eólico que estaba en marcha e puxo en marcha un novo proceso de reparto de parques.
Anos despois o Tribunal Supremo, última instancia xudicial, condenou as ilegalidades cometidas tanto na anulación do concurso previo -pola que aínda se seguen a pagar indemnizacións- como no novo proceso que se abriu a continuación. Máis dunha década despois a política eólica segue a ser das máis polémicas que desenvolve a Xunta, con sucesivas sentenzas condenando a súa xestión.
[Máis, no espazo Sector eólico]
2010: Decreto do galego no ensino
Un dos piares da estratexia de oposición do PP de Alberto Núñez Feijóo ao Goberno de coalición de PSdeG e BNG consistiu en sinalar unha suposta "imposición" do galego en Galicia. Fíxoo especialmente dende que, en 2007, aquel Executivo aprobou un decreto que fixaba un "mínimo" do 50% das materias escolares en lingua galega, norma que desenvolvía o Plan Xeral de Normalización aprobado por unanimidade en tempos de Fraga e que fora inicialmente apoiada polos populares.
A "casilla en el sobre de matrícula" prometida por Feijóo foi tombada pola Xustiza, pero o novo decreto si trouxo consigo o primeiro recorte á protección legal do galego na historia da autonomía
Da man de grupos minoritarios que caricaturizaban Galicia como unha caste de ditadura lingüística, Feijóo prometeu derrogar aquel decreto e, no penúltimo día de 2009, presentou o texto chamado a substituílo, unha nova normativa para "pasar" do "monolingüismo" e a "imposición" nas aulas á "normalidade", a "cordialidade" e o "trilingüismo", defendeu. Aseguraba tamén o daquela novo presidente que o seu decreto aseguraba que "os pais van decidir" sobre a presenza de castelán e galego no ensino, pretensión despois tombada pola Xustiza.
A famosa "casilla en el sobre de matrícula" prometida por Feijóo para que pais e nais condicionasen o idioma do ensino non chegou a entrar en vigor, pero si o resto da norma dende o curso 2011-12. Culminaba así o primeiro retroceso na protección legal da lingua galega na historia da autonomía, contradicindo así o espírito da Lei de Normalización Lingüística, que sinala o carácter "progresivo" da recuperación do uso do idioma. Dende aquela, a Xunta vén evitando divulgar os resultados da súas avaliacións sobre o resultado do decreto e, ao tempo, Feijóo desdeña as consideracións de entidades que, como o Consello de Europa, reclaman a "inmediata" eliminación das "limitacións á docencia en galego". Alá os autores do informe", despachou ao ser preguntado ao respecto en 2019.
[Máis, nos espazos As cifras do galego, Sentenza do decreto e Escola pública]
2011: Caso Campeón
En maio de 2011 eran arrestados o director do Instituto Galego de Promoción Económica (Igape), Joaquín Varela de Limia, o seu subdirector de Información Especializada, Carlos Silva, e varios empresarios, encabezados por Jorge Dorribo, no marco dunha investigación por presunta fraude en subvencións públicas. Comezaba o caso Campeón que remataría en 2017 coa condena por corrupción de Varela de Limia, Silva e do deputado autonómico do PP Pablo Cobián.
Feijóo non só defendeu que os cargos públicos só realizaran unha “mala xestión” pero non tiñan responsabilidade penal, senón que avalou que a Xunta, que participou no proceso xudicial, non formulase acusacións contra ningún deles senón só contra os empresarios implicados. Mesmo un ano despois de que se emitise a sentenza xudicial firme por corrupción o popular tivo un recoñecemento expreso para o ex-director do Igape condenado.
[Máis, no espazo Caso Campeón]
2012: Os Baltar
O 26 de xaneiro de 2012 o Pleno da Deputación de Ourense facía efectiva a substitución de quen fora o seu presidente desde 1987, José Luis Baltar, polo seu fillo, Manuel Baltar. Tres anos antes xa lle cedera o mando do PP provincial na que supuxo a primeira gran derrota interna de Feijóo desde a súa chegada á presidencia tanto do partido como da Xunta. Foi nun congreso no que os Baltar venceron ao candidato de Feijóo, Juan Manuel Jiménez Morán, tras enchufar ilegalmente o pai na Deputación a 104 persoas próximas ao partido.
Feijóo fracasou ao tentar tombar os Baltar en 2010 e non o volveu tentar, tampouco cando os dirixentes ourensáns consumaron a sucesión en clave dinástica
Por aqueles feitos Baltar pai acabaría condenado por prevaricación en 2014, pero Feijóo xa non volvería dar a batalla polo control dunha provincia que o mesmo lle facilitou uns resultados electorais indispensables para as súas sucesivas maiorías absolutas, que amosou a súa discrepancia con decisións da Xunta como intentar pechar o paridoiro do hospital de Verín hai dous anos.
Estas posturas particulares dos Baltar a respecto do resto do PPdeG controlado por Feijóo fixeron ecoar a coñecida como revolta do piso, cando nos tempos finais do Goberno de Fraga o fillo foi un dos deputados ourensáns cuxo sentido de voto foi condicionado polo pai como xeito de presión ante o PP de Santiago e Madrid. O PP de Ourense non só recibiu a chegada de Feijóo como conselleiro de Fraga con aquela revolta do piso senón que posteriormente Baltar pai evidenciaría que o dos Peares non era de inicio o seu favorito para suceder a Fraga tras perder a Xunta en 2005. Acabaría aceptándoo unha vez constatado que a outra alternativa, Xosé Cuíña, non contaba con apoios dabondo no resto de Galicia.
2013: Marcial Dorado
O domingo 31 de marzo de 2013 El País publicou unha exclusiva asinada polos xornalistas Xosé Hermida, delegado en Galicia, e Elisa Lois, cunha ampla experiencia en narcotráfico, na que se revelaba a amizade de anos durante a década dos 90 de Feijóo con Marcial Dorado, daquela coñecido contrabandista e posteriormente condenado por narcotráfico. A contorna do presidente tentou presentar aquilo como unhas fotos puntuais sacadas de contexto, aínda que as imaxes, publicadas en canto se obtiveron, non eran máis que a proba que avalaba a revelación xornalística da amizade duradeira entre o político popular e o contrabandista e supuxeron revivir unha época de connivencia entre os dous colectivos.
Malia o rebumbio que supuxo aquela revelación, e que quedasen cuestións sen aclarar como os posibles contratos con empresas de Dorado do Sergas que daquela dirixía Feijóo, ou que delegado do Goberno de España o alertara posteriormente da existencia das fotos, os populares deron por amortizada a polémica coa seguinte maioría absoluta, en 2016. Pero no aire sempre quedou o efecto que aquela amizade ou outros posibles feitos ocultos do pasado de Feijóo poderían ter no seu desembarco na política madrileña.
[Máis, no espazo As fotos de Feijóo e Dorado]
2014: Fin das caixas
O mesmo día en que Feijóo presentou o texto do seu decreto "do plurilingüismo", o 30 de decembro de 2009, o Consello da Xunta aprobaba sen facelo público destinar 1 millón de euros a un informe da consultora KPMG sobre a fusión de Caixa Galicia con Caixanova. Pouco despois, o Goberno galego presentaría un resumo dos resultados daquel traballo como unha "auditoría" que "avalaba" a fusión, malia non ser tal. En novembro de 2010, o propio Consello tramitaba un informe de apenas cinco páxinas no que a autorizaba a operación, que tamén recibiu o visto e prace do Banco de España.
A caixa de aforros para a que a Xunta auguraba "solvencia" e "galeguidade" durou apenas uns meses, tras os que foi rescatada con 9.000 millóns de euros para despois acabar poxada e mercada polo venezolano Banesco
Nacía así Novacaixagalicia, unha nova caixa de aforros marcada pola "solvencia" e a "galeguidade", defendera a Xunta, que durou como tal uns poucos meses. A mediados de 2011, as novas normas estatais forzárona á 'bancarización' transferindo o seu negocio ao novo Novagalicia Banco, que á súa vez acabaría precisando un rescate estatal do que o Banco de España dá por perdidos uns 9.000 millóns de euros. O Goberno de España, na altura encabezado por Mariano Rajoy, decidiu vender a entidade pola vía rápida e así, a finais de 2013, adxudicáballa ao grupo venezolano Banesco por mil millóns de euros.
Daquela compra saíu a actual Abanca, que entrou en beneficios pouco despois de comezar a operar. Mentres, no Parlamento, a comisión de investigación sobre a fracasada fusión das caixas está a piques de facer oito anos dende que abriu por primeira vez, cinco deles completamente paralizada. Na actualidade, os seus traballos continúan bloqueados.
[Máis, nos espazos Un país sen caixas, Investigación ás caixas e Preferentes]
2015: Pemex
A finais de agosto de 2015, o estaleiro Navantia levaba a cabo en Ferrol a botadura dun dos dous floteis que Pemex encargou e construíu nas rías galegas. O pasado 9 de febreiro, nunha comparecencia pública, o presidente de México, Andrés López Obrador, sinalaba o "contubernio" dos negocios da petroleira estatal azteca en Galicia apadriñados pola Xunta como clave na súa crise con España.
Prometéranse milleiros de emprego e unha vintena de barcos. Todo quedou na polémica construción de dous floteis, nun ronsel de promesas incumpridas e investigacións de presunta corrupción que aínda seguen en México
Facíao case unha década despois desde que aquel 24 de maio de 2012, o Telexornal da TVG interrompera o seu ritmo habitual para conectar co Pazo de Raxoi e retransmitir a sinatura do acordo entre Xunta e Pemex. Prometéronse milleiros de empregos e a construción en Galicia de tres buques tanque, un atuneiro, un barco de apoio a plataformas petrolíferas, dous quimiqueiros, varios remolcadores, a renovación de parte da frota azteca e mesmo a instalación dunha terminal de hidrocarburos no Porto Exterior da Coruña. Todo quedou na polémica adxudicación e construción de dous floteis e a adquisición de Barreras, que acabou quebrado. Polo medio, un ronsel de promesas incumpridas, investigacións xudiciais e do propio Goberno mexicano, litixios, sospeitas, sombras e moitas dúbidas aínda por resolver.
A extradición do ex-director de Pemex Emilio Lozoya, detido en España e impulsor da man da Xunta dos principais negocios en Galicia, e a súa colaboración coa Fiscalía mexicana estreitou aínda máis o cerco. O Ministerio Fiscal investiga se os negocios da petroleira en Galicia deberon ser levados a cabo ou se houbo algún aspecto irregular neles, ao igual que a Secretaría de la Función Pública (SFP) e a UIF (Unidad de Inteligencia Financiera), que levan tempo debullando a fracasada colaboración entre a Xunta e a empresa mexicana.
[Máis, no espazo Pemex]
2016: Infraestruturas vs mobilidade
En marzo de 2016 o Tribunal Supremo emitía unha sentenza que tombaba a decisión da Xunta de adiar en 2009, ao pouco de chegar Feijóo á presidencia, a moito tempo postergada reforma do principal sistema de transporte público do país, o autobús. Foi daquela cando o Goberno galego iniciou un polémico proceso de reestruturación de liñas e servizos que aínda agora está chegando ao seu remate e cuxa valoración haberá que facer aínda dentro duns anos.
En marzo de 2016, unha sentenza do Supremo precipitou a reforma do principal sistema de transporte público do país: o autobús
Mentres, como con gobernos anteriores, a aposta principal dos executivos de Feijóo tanto a nivel orzamentario como nos discursos públicos seguiu sendo a construción de infraestruturas, con todo tipo de promesas incumpridas e relegando a un segundo nivel o debate sobre os servizos e a mobilidade que esas obras públicas poderían facilitar. Un foco nos investimentos por riba da xestión dos servizos que ten na alta velocidade ferroviaria un dos exemplos máis claros e recentes, coas principais obras agora si xa rematadas tras todo tipo de custos ambientais ou humanos pero cunha similar indefinición á de hai unha década a respecto da configuración futura da rede galega e dos seus servizos sen que ata agora supuxese para o Goberno galego un motivo de especial preocupación.
[Máis, nos espazos Os outros custos do AVE ou As novas liñas de bus]
2017: O territorio arde
O domingo 15 de outubro de 2017 a maior vaga de incendios da última década arrasou con milleiros de hectáreas en toda Galicia e acabou coa vida de catro persoas. O lume puña en evidencia de xeito dramático o abandono progresivo do rural e a mala planificación territorial malia anos de propaganda oficial e sucesivas reformas parciais das normativas de montes e incendios ou urbanísticas.
As cifras de hectáreas ardidas, non obstante, diminuíron notablemente nos anos seguintes mentres a resposta de Feijóo foi culpar a supostos terroristas que a Fiscalía non foi quen de atopar. Tamén anunciar novas leis de incendios, de ordenación territorial ou de impulso do rural. Pero, ao tempo, a Xunta seguiu flexibilizando a ocupación do territorio e defendendo a primacía de proxectos urbanísticos ou empresariais sobre outras consideracións, sexa coa súa vista gorda na aprobación de plans municipais condenada pola xustiza en varias ocasións, coa súa defensa do aumento das plantacións de eucaliptos e que Ence siga ocupando terreo público costeiro da ría de Pontevedra, ou coas súas autorizacións ilegais de parques eólicos ou minas malia os seus impactos ambientais.
[Máis, nos espazos Incendios, Ence 2073 , O leite en loita, Galicia non é unha mina ou Que monte queremos]
2018: Gürtel fai caer a Rajoy e Feijóo esquiva a sucesión
O 11 de febreiro de 2009, cando acababa de estourar o caso Gürtel, Mariano Rajoy compareceu ante a prensa na sede central do PP para, rodeado por múltiples dirixentes do partido -entre eles, os baróns territoriais- asegurar que aquilo non era máis ca unha "trama contra o PP". Alberto Núñez Feijóo puido evitar aquela incómoda fotografía porque estaba en plena campaña electoral en Galicia, e tamén deu en esquivar a cuestión sempre que foi preguntado. Mesmo cando as preguntas se referían a Pablo Crespo, considerado número dous da trama, antigo secretario de organización do PPdeG e membro do consello de Portos de Galicia tamén na etapa de Feijóo na Consellería de Política Territorial, da que dependía esa entidade naqueles anos.
Feijóo reduciu o caso Gürtel a que Bárcenas "non foi un tesoureiro moi exemplar"
A vaga expansiva da Gürtel volveuse cruzar no camiño político de Feijóo en 2018, cando a Audiencia Nacional ditou a sentenza sobre a coñecida como primeira época da trama, condenando os seus principais líderes e certifica o financiamento do PP con diñeiro negro dende a súa fundación. O presidente da Xunta, que reducira todo o caso a que Luis Bárcenas “non foi un tesoureiro moi exemplar e iso puido contaminar o PP", pasou a estar no centro do escenario despois de que, o 1 de xuño daquel ano, a moción de censura presentada polo PSOE como resposta á sentenza puxera fin ao Goberno de Mariano Rajoy. Ao tempo, seguía negando que no PP de Galicia se producise irregularidade ningunha.
Como é sabido, boa parte das olladas internas viraran daquela cara a Feijóo como o mellor colocado para a sucesión. Pero, nunha comparecencia que desatara a euforia no seo do PP galego, renunciara a concorrer á elección interna porque, defendera, aínda faltaba máis de media lexislatura en Galicia e "fallar aos galegos" sería tanto como fallarse a si mesmo.
[Máis, no espazo Caso Gürtel]
2019: O poder do PP, en mínimos
Nunca na historia da autonomía o PP tivo unha xeira de resultados electorais tan mala como a que viviu en 2019 e cuxos efectos aínda se manteñen en boa parte das institucións. Nas eleccións xerais de abril os populares perdían por primeira vez uns comicios no global de Galicia, adiantados polo PSdeG. Na repetición das xerais de novembro volvían ser a forza máis votada, pero empataban a escanos cos socialistas e perdían de novo amplamente fronte á suma de forzas de esquerdas.
Polo medio, en maio, tras anos de sucesivas mudanzas impulsadas persoalmente polo propio Feijóo nas candidaturas municipais das principais cidades, as últimas eleccións locais ata o momento fan de Arteixo o concello galego de maior tamaño con alcalde ou alcaldesa do PP. Os populares viron como non só non podían gobernar ningunha das sete cidades senón que Baltar cedía a alcaldía de Ourense a Gonzalo Pérez Jácome, a quen Feijóo cualificara como “letal” para a cidade, a cambio de conservar a presidencia da Deputación provincial, a única das catro aínda en mans do PP. Só a cuarta maioría absoluta de Feijóo nas eleccións galegas dun ano máis tarde logrou mudar a tendencia, pero constatou o enfraquecemento dos populares especialmente na provincia de Pontevedra.
[Máis, no espazo 26M locais e europeas]
2020: Coronavirus, crise sanitaria e pugna electoral
Cando o Sergas confirmou o primeiro caso da COVID en Galicia, a principios de marzo de 2020, había apenas un mes que Alberto Núñez Feijóo confirmara a convocatoria das eleccións galegas para o 5 de abril, o mesmo día no que o lehendakari Urkullu chamara ás urnas en Euskadi. Aquela convocatoria electoral quedou sen efecto mediante un inédito proceso de desconvocatoria tras o que chegaría unha nova chamada ás urnas, finalmente para o 12 de xullo.
O contexto electoral é imprescindible para entender boa parte dos movementos de Feijóo e do seu Goberno nos primeiros meses da pandemia
Este contexto preelectoral é imprescindible para entender boa parte dos movementos de Feijóo e do seu Executivo nas primeiras semanas da pandemia, marcadas polos tirapuxas co Goberno de España, dirixido pola coalición de PSOE e UP dende poucas semanas antes. Dende os reproches pola falta de material sanitario como máscaras e batas de protección ata os tirapuxas pola duración do Estado de Alarma pasando pola afirmación de que o gabinete de Pedro Sánchez "fracasara" na loita contra a pandemia cando pasara menos dun mes do seu inicio ou ligar á xestión da Xunta a menor incidencia do virus en Galicia naquela primeira vaga.
Unha vez pasadas as eleccións -con outra maioría absoluta para o PP-, os enfrontamentos continuarían a conta de, por exemplo, os criterios de reparto das vacinas aínda que os datos acreditasen que Galicia recibiu as que lle correspondían en cada fase do proceso ou a aplicación e retirada das diversas restricións para tentar conter os contaxios. Esa pugna pre e postelectoral virou nunha caste de ruído de fondo mentres o virus causaba entre a poboación galega un impacto relativamente menor ao doutros puntos do Estado en termos de mortalidade e, ao tempo, con Galicia destacando positivamente en todos os indicadores de vacinación.
[Máis, nos espazos Coronavirus e Pola sanidade pública]
2021: Crise industrial
Desde 2009 até hoxe, Galicia perdeu máis de 33.000 empregos industriais e sofre un devalo no sector que non se detén. O desmantelamento paseniño da industria eólica e de toda a vinculada aos muíños de vento afondou, especialmente, na crise que padece o norte galego, que engadiu o peche de Vestas e Gamesa ao de moitas outras empresas nos últimos anos.
Desde 2009 até hoxe, Galicia perdeu máis de 33.000 empregos industriais e sofre un devalo no sector que non se detén
No só no eólico, obviamente. As ameazas e peches parciais e definitivos que pairan sobre xigantes como Alcoa -na Coruña e na Mariña-, a crise do naval, o anunciado desmantelamento da central térmica das Pontes -agora reactivada temporalmente pola crise enerxética- e outras moitas empresas importantes en crise certifican a ausencia de políticas e modelos industriais alternativos ante as mudanzas que esixen, desde hai tempo, a loita contra o cambio climático e os novos horizontes económicos.
A captación de fondos europeos para novidosos e sustentables proxectos, liderada por unha sociedade de maioría privada que encabeza Abanca, é a esperanza para unha reactivación plasmada na polémica Lei do mesmo nome, coa que se pretende desregular permisos ambientais, subvencións a empresas e emprego público e coa que a Xunta permitirá, por exemplo, que empresas privadas avalíen as alegacións da cidadanía contra proxectos con impacto ambiental. Mentres, o Goberno galego pon o foco en ENCE, que ignora o seu plan para manterse na ría máis aló de 2024 no caso de que o Supremo confirme que non hai marcha atrás na anulación da prórroga que Rajoy lle concedera.
[Máis, nos espazos A fin do carbón ou Lei de reactivación]
Unha Galicia oficial para cada vez menos galegos
Foron trece anos os que Feijóo estivo á fronte da Xunta que se poden resumir nestes trece fitos ou en moitas outros máis ou menos relevantes pero que tiveron unha repercusión dispar no debate político e social galego. En parte por un sistema de medios de comunicación condicionado no sector privado pola publicidade e os convenios repartidos de xeito discrecional polo Goberno galego, e no sector público polo control político da CRTVG que desde hai catro anos ten o seu principal foco de crítica no movemento Defende a Galega. Son as dúas vertentes da política de comunicación dun executivo que presta unha especial atención á súa proxección pública por riba doutras consideracións.
Con esta equipaxe conformada ao longo de 13 anos chega Feijóo á súa despedida do Goberno dunha Galicia que é hoxe máis pequena que en 2009 se se atende ao que só nos últimos anos vén sendo identificado polo presidente como o principal problema do país, o demográfico. Se hai 13 anos había 2.767.000 persoas vivindo en Galicia, segundo a última cifra oficial equivalente agora son 2.695.000, unhas 70.000 galegas e galegos menos.
Porén, non foi ata hai dous anos que a Xunta decidiu dar ao problema o máximo rango político que está nas súas mans e impulsar unha lei específica para combatelo. Os seus resultados nunha cuestión de longos prazos aínda están por ver. Pero non serán as políticas demográficas de Feijóo unha carga para quen o suceda agora ou nos próximos anos. “Por responsabilidade”, dixo el mesmo, a súa lei demográfica, o que el considera gran fito dos seus últimos anos á fronte da Xunta, non concreta medidas porque non quería “hipotecar a gobernos sucesivos”.
Máis hemeroteca
Ademais deste balance dos principais fitos de cada un dos 13 anos que Feijóo estivo á fronte da Xunta, hai ano e medio, antes das últimas eleccións galegas, repasamos a cara b dalgunhas das imaxes públicas de si mesmo que o popular e a súa contorna se esforzaron por publicitar nestes anos.
- A cara B dos anos de Feijóo (1): Os bos xestores fronte ás críticas do Consello de Contas
- A cara B dos anos de Feijóo (2): O goberno cumpridor da legalidade fronte ás condenas xudiciais
- A cara B dos anos de Feijóo (3): O goberno fiable fronte ao que di o DOG
- A cara B dos anos de Feijóo (4): O discurso da unidade fronte á división interna