O Consello de Administración da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) está a piques de chegar á fin do seu mandato. Foi o primeiro elixido ao abeiro da lei dos medios públicos do ano 2011, pero tanto daquela como agora está presidido pola mesma persoa, Alfonso Sánchez Izquierdo, que non foi elixido pola maioría reforzada do Parlamento que marca propia lei.
Cabaleiro, que tamén foi secretario xeral de Medios con Feijóo, é a única mudanza nos postos do PP no Consello. Nos outros tres seguirán persoas de ampla traxectoria como asesores dos populares mentres Sánchez Izquierdo continúa como director xeral por tempo indefinido
Sánchez Izquierdo foi designado directamente pola Xunta poucas semanas despois de chegar Alberto Núñez Feijóo á presidencia da Xunta, aínda coa lei de 1984. E foi o propio Goberno galego do PP o que, tras a elección -con atraso- do primeiro Consello coas normas da lei de 2011, modificou o texto legal para permitir que continuase indefinidamente no cargo. Non hai data para a súa substitución conforme ás normas fixadas hai unha década, tal e como vén reclamando intensamente persoal da propia corporación.
Con esta eiva estrutural de partida, o pasado maio o Parlamento activou o procedemento para renovar o Consello de Administración, que conforme á lei de 2011 ten seis membros. Esta semana, os grupos parlamentarios rexistraron os nomes das persoas ás que propoñen para os vindeiros cinco anos: dúas por parte da oposición (unha do BNG, outra do PSdeG) e catro do PP, entre elas un antigo xefe de comunicación do Goberno de Manuel Fraga, que tamén exerceu un posto semellante no primeiro mandato de Feijóo, Alfonso Cabaleiro.
Cabaleiro, un veterano, pasou por diferentes postos na TVG e na Radio Galega e tamén por xornais como Faro de Vigo, El Ideal Gallego ou El Correo Gallego ou a cadena COPE. Exerceu o cargo de secretario xeral de Comunicación no treito final do fraguismo, de 2003 a 2005, nunha área daquela fortemente influída polo conselleiro Jesús Pérez Varela. Feijóo outorgoulle o mesmo posto na lexislatura 2009-2012, aínda que naquela ocasión as grandes liñas do departamento xa as trazaba a actual secretaria xeral de Medios e principal asesora de Feijóo, Mar Sánchez Sierra. Dende 2013 é director-xerente de Galicia Calidade.
Alfonso Cabaleiro será a única novidade na representación do PP na CRTVG. Os tres restantes membros seguirán sendo Luis de la Matta -asesor de Feijóo no PP en materia de comunicación dende 2007-, Ana Peón -colaboradora en diferentes medios e asesora de comunicación do PP nos gobernos de Aznar e Fraga- e Higinio Meijide -xefe de gabinete no Goberno de Fraga e asesor xurídico do PP na etapa de Feijóo na oposición-.
Novas representantes de BNG e PSdeG
A representación da oposición no Consello da CRTVG si será renovada por completo. A este órgano regresa o BNG, agora primeira forza da oposición, tras non ter representación no consello elixido en 2015 -fora pactado entre populares e socialistas nun Parlamento daquela composto por catro grupos-. O Bloque propón para o posto a Carme Vidal, xornalista de longa traxectoria no eido cultural, en medios como A Nosa Terra ou na primeira etapa de Sermos Galiza, cabeceira que tamén dirixiu. Veu exercendo, ademais, como asesora de comunicación en diferentes gobernos do BNG, caso da súa etapa na Consellería de Cultura do Goberno galego de coalición (2005-09) como a súa actual responsabilidade na Deputación da Coruña.
A representante do BNG será Carme Vidal e o PSdeG propón a Irene Viña; ambas son xornalistas, traballaron en medios e mais en postos de comunicación coas respectivas forzas políticas
O PSdeG, ata agora representado no Consello por Leticia Vilar e Xosé Antón García, tamén muda a súa representación, agora dun só posto. A proposta formulada polos socialistas é Irene Viña, xornalista que desenvolveu boa parte da súa carreira profesional na axencia Europa Press e xefa de comunicación do partido dende a chegada de Gonzalo Caballero á secretaría xeral.
A lei dos medios públicos estipula, entre outros requisitos, que as persoas integrantes do Consello de Administración da CRTVG deben ter "acreditada experiencia profesional e recoñecido prestixio", ademais de ter en conta "a pluralidade cultural, ideolóxica e política" e o "equilibrio de xéneros". Tamén fixa que, unha vez elixidas, terán "dedicación exclusiva" cun réxime de incompatibilidades que inclúe o "exercicio de calquera cargo de elección ou designación política" e a "pertenza a organismos de dirección en partidos políticos, organizacións sindicais ou empresariais". Tampouco poden ter "intereses directos nin indirectos con empresas" do sector da comunicación e, segundo a norma, non poden "recibir instrucións, directrices ou calquera outra clase de indicación do Goberno, da Administración, dos partidos políticos ou doutras institucións ou entidades"