Defende a Galega fai tres anos denunciando a inxerencia da Xunta nos medios públicos

Concentración de traballadoras en San Marcos no 156 venres negro na CRTVG CC-BY-SA Defende a Galega

As traballadoras da CRTVG mobilizadas levan 157 venres negros reclamando o cumprimento da lei

Tres anos de venres negros. Tres anos defendendo a radio e a televisión pública de Galicia desde dentro e cun chamado a toda a cidadanía. Tres anos reclamando o cumprimento da lei na Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG). Co #VenresNegro157CRTVG o movemento Defende a Galega celebra un novo aniversario en medio do proceso para a remuda do consello de administración do ente público no Parlamento. 

Sería o cumprimento dunha das súas principais demandas se atinxise ao seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, que leva doce anos no cargo a pesar de que a súa continuidade tiña que terse sometido a votación en 2012. Esta segunda elección será, polo tanto, unha solución a medias para Defende a Galega.

″Para cando a renovación do director xeral, no cargo desde 2009, cando a Lei de Medios establece un período de 5 anos?″, preguntábanse desde as redes de Defende a Galega. Mentres, o prazo para a escolla das seis persoas que entren a formar parte do consello de administración está en marcha e calquera elección precisa do apoio do grupo do PP e mais dun dos partidos da oposición, BNG ou PSdeG, para saír adiante.

O director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, permanece desde 2009 no cargo

A lei dos medios públicos está incumprida desde os seis meses seguintes á súa aprobación pola permanencia de Alfonso Sánchez Izquierdo no seu cargo, ao que chegou á vez que Alberto Núñez Feijóo á Xunta. A pesar das críticas internas das traballadoras e traballadores que denuncian a manipulación partidista dos contidos dos medios públicos e das peticións de saída do director xeral realizadas pola oposición, o Goberno galego evita pronunciarse. A última vez que o fixo foi en resposta a unha pregunta escrita formulada desde o PSdeG na Cámra galega sobre a remuda do director xeral na que a secretaria xeral de Medios, Mar Sánchez Sierra, apelou ao ″diálogo″: "Precísase, polo tanto, da existencia dunhas condicións de 'diálogo parlamentario' que permitan acadar un acordo de maioría reforzada ao redor do perfil do director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia".

A mobilización de Defende a Galega resulta xa inédita nos medios de comunicación estatais pola súa duración. En concreto, os tres anos de reivindicacións fanse este 25 de maio. Porén, desde a CRTVG trátase de minimizar a súa repercusión pública, como se demostrou en 2019 ao non informar do recoñecemento do Premio José Couso á liberdade de prensa outorgado polo Colexio Profesional de Xornalistas de Galicia e o Club de Prensa de Ferrol. As traballadoras mobilizadas da CRTVG fan un ano máis de reivindicacións nas que inciden semana tras semana. 

Cartaz Defende a Galega co deseño de Kiko da Silva CC-BY-SA Defende a Galega

"A CRTVG non pode servir outros intereses que non sexan os de Galicia e as galegas", afirma Defende a Galega

Levan tres anos poñendo o foco en que para que os medios públicos cumpran co seu labor designado por lei, o de informar á cidadanía, as profesionais teñen que contar coa liberdade necesaria para abordar o seu traballo. Reclaman o incremento da produción propia e a reapertura das delegacións pechadas como medidas para que medre a "perspectiva galega" nos contidos. "A CRTVG non pode servir outros intereses que non sexan os de Galicia e as galegas; nin os de quen está en San Caetano nin os dos que están en Madrid", incidían no 155 venres negro. 

No histórico queda xa a folga de 2018 secundada por unha ampla maioría das traballadoras e traballadores do ente público que solicitaba o cese da "política represiva" denunciada en casos como os que levaron á dimisión dos dous presentadores do Telexornal Serán, Tati Moyano e Alfonso Hermida. Tamén a gran manifestación que percorreu compostela e na que participaron as traballadoras de RTVE en Galicia. Pero os motivos para a reivindicación, segundo Defende a Galega, seguen vixentes. Por iso, neste terceiro aniversario agradecen o apoio da cidadanía con este #GrazasPorDefenderAGalega.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.