A finais de 2015, a Xunta aproveitou o trámite dos Orzamentos Xerais de 2016 para introducir unha reforma na lei dos medios públicos, aprobada en 2011 e incumprida dende seis meses despois da súa entrada en vigor. Esa modificación permitiu manter o director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, por tempo indefinido no posto que exercía dende 2009, cando foi elixido polo Goberno de Alberto Núñez Feijóo en virtude da antiga lei de creación da radio e televisión pública.
A finais de 2015, a Xunta introduciu unha reforma na lei dos medios públicos aprobada cos votos do PP que permitiu manter a Sánchez Izquierdo indefinidamente como director xeral da CRTVG
Máis de once anos despois daquel nomeamento e tras media década con esa reforma en vigor, o primeiro Consello de Administración da Corporación Radio Televisión de Galicia nomeado ao abeiro da lei de 2011 (con catro anos de atraso) está a piques de rematar o seu mandato de cinco anos e o persoal mobilizado na plataforma Defende a Galega reclama reiteradamente a remuda de Sánchez Izquierdo. Cómpre, subliñan, elixir a dirección xeral como marca a lei, isto é, co apoio de dous terzos (50 escanos) ou tres quintos (45) do Parlamento. Tamén o reclama a oposición parlamentaria, á que a Xunta vén de afirmar que non manexa prazo ningún ao respecto.
As deputadas do PSdeG Noa Díaz e Isaura Abelairas formularon unha pregunta escrita ao Goberno galego para cuestionalo a respecto da "data prevista pola CRTVG para o sometemento ao trámite de elección por parte do pleno do Parlamento do director ou directora xeral". A resposta, redactada pola Secretaría Xeral de Medios -órgano con dependencia directa do presidente da Xunta-, vén de chegar á Cámara e nela, o Goberno di que iso acontecerá cando haxa "diálogo" ao respecto.
Nesa resposta ás socialistas, o departamento que dirixe Mar Sánchez Sierra evidencia que esa elección require as devanditas maiorías reforzadas. "Precísase, polo tanto, da existencia dunhas condicións de 'diálogo parlamentario' que permitan acadar un acordo de maioría reforzada ao redor do perfil do director xeral da Corporación Radio e Televisión de Galicia", sinala como única resposta.
A Secretaría Xeral de Medios tamén elude valorar as "denuncias de manipulación informativa na CRTVG" apelando á "obriga de respectar a autonomía e independencia" dos medios públicos
Poucos días antes, a mesma Secretaría Xeral respondía outra pregunta das mesmas deputadas do PSdeG na que reclamaban unha "valoración das denuncias referidas á manipulación informativa na CRTVG durante o estado de alarma" pola COVID-19 e "no período de precampaña e campaña electoral". Neste caso, o departamento de Medios da Xunta retruca que o Goberno galego está "obrigado a respectar a autonomía e independencia" da CRTVG e por iso "non fai valoracións sobre cuestións que son da exclusiva competencia da CRTVG".
Mentres todo isto sucede, a plataforma Defende a Galega chega este 23 de outubro ao seu venres negro número 127, subliñando que "xa toca remuda na dirección xeral da CRTVG" e apelando o presidente da Xunta a "cumprir a lei". Nesta nova xornada reivindicativa, o colectivo de persoal da TVG e da Radio Galega reclama tamén "reforzar todos os servizos públicos, comezando pola sanidade" e "apostar pola cultura con maiúscula" na programación dos medios públicos.