"Os venres aínda tamén? Ten vostede máis información ca min. Ben, eu non sabía que seguían". O actual presidente da Xunta e cabeza de cartel do PP nas vindeiras eleccións galegas, Alberto Núñez Feijóo, respondeu deste xeito ao ser cuestionado, nunha entrevista en eldiario.es, polo "foco de conflito" que supón o feito de ter, "venres tras venres", persoal da CRTVG a "denunciar censura na televisión pública".
"Eu non sabían que seguían", asegura o presidente da Xunta e candidato do PP, en cuxa opinión existiu "un baixón" nas protestas "dende que se tomou a RTVE en 2018", en referencia ao nomeamento de Rosa María Mateo
A escasos días de chegar ao venres negro número 95, no que a plataforma Defende a Galega volverá mobilizarse co cumprimento íntegro da lei dos medios públicos do ano 2011 como principal reivindicación, Feijóo di ignorar a propia existencia das protestas. "Eu creo que notamos un baixón dende que se tomou a Radiotelevisión Española como se tomou no ano 2018". Con esta toma o líder popular refírese á designación de Rosa María Mateo como administradora única provisional dos medios públicos estatais, provisionalidade que aínda continúa entre protestas do seu persoal.
Feijóo esgrime un pacto en 2009 con Pachi Vázquez para nomear a Sánchez Izquierdo, acordo que o ex-socialista negara
Na súa resposta, Feijóo di ver un contraste entre esa provisionalidade en RTVE e a situación da CRTVG, "cunha lei que aprobamos e cun director que foi consensuado entre o Partido Popular e o Partido Socialista", di sobre o nomeamento de Alfonso Sánchez Izquierdo no ano 2009. "Propuxen unha terna de tres persoas para elixir e o Partido Socialista elixiu unha", asegura en referencia ao daquela líder do PSdeG e actual ex-membro do partido, Pachi Vázquez, que sempre negou este acordo.
A designación do actual director xeral da CRTVG é anterior á lei de medios do ano 2011, que en 2015 o Goberno galego reformou para permitir que, a efectos prácticos, Sánchez Izquierdo continúe indefinidamente no posto
"Eu creo que as cousas sempre son perfectibles, pero me parece que se hai audiencia e hai xestión e ademais o director desa compañía foi elixido de común acordo entre os dous partidos maioritarios, me parece que se compara con vantaxe co que ocorreu en RTVE", reflexiona o actual titular da Xunta. Agrega ademais que non é "razoable que se cambie o director da televisión" se o PSdeG muda o seu liderado.
Así e todo, con independencia de que o acordo co PSdeG de Pachi Váquez en 2009 existise ou non, o certo é que a designación de Sánchez Izquierdo é anterior á lei de medios do ano 2011, cuxo texto establecía que en seis meses dende a súa entrada en vigor debería celebrarse unha nova elección do consello de administración e da propia dirección xeral da CRTVG por maioría reforzada de dous terzos do Parlamento -un mínimo de 50 escanos-.
A elección do consello de administración por esa maioría reforzada non chegou ata 2015 mediante un pacto, este si admitido por ambas partes, entre populares e socialistas. Poucos meses despois e aproveitando a tramitación dos Orzamentos Xerais para 2016, o propio Goberno do PP introduciu unha reforma nunha das disposicións da e lei dos medios públicos que, na práctica, permitiu manter a Sánchez Izquierdo indefinidamente no posto de director xeral da CRTVG.
Esta é a razón que esgrime a plataforma Defende a Galega para situar no centro das súas reivindicacións o cesamento de Sánchez Izquierdo e a súa elección mediante a fórmula indicada no texto da lei de 2011. Non obstante, na súa resposta a eldiario.es, Feijóo considera que "se rompe o sistema" polo feito de que "o dedo infalible do Goberno poña do director ou directora de quenda". Este 13 de marzo é o venres negro número 95.