Galicia volve ás urnas cos seus medios públicos baixo a lupa: "A presión sobre o persoal aumentará"

Persoal mobilizado da CRTVG, no 92º venres negro © Defende A Galega

Galicia volverá votar cos seus medios públicos baixo a lupa. O persoal mobilizado na CRTVG cumpre 92 venres negros, 92 semanas de protesta "contra a manipulación" e polo cumprimento da lei de Medios. A cidadanía galega acudirá ás urnas o vindeiro 5 de abril a pouco de cumprirse dous anos desde que Defende A Galega tinguise de loito as súas demandas, tamén pola mellora na calidade da radio e da televisión públicas, e sen trazas de solución a ningunha das súas reclamacións malia históricas folgas e mobilizacións na rúa. 

Defende A Galega aproveita a cita electoral para pedir "a todos os partidos" que aborden "de inmediato" o cumprimento da lei de Medios

O colectivo que impulsa as protestas aproveita a convocatoria electoral para recordarlles "a todos os partidos" que "hai un asunto pendente que se debe abordar de inmediato: unha lei de Medios aprobada no Parlamento que segue sen cumprirse".

"O PP tivo dúas lexislaturas para facela efectiva e seguimos esperando. Por iso nos gustaría que todos os partidos, o do goberno e os da oposición, expresasen publicamente o seu compromiso de rematar con esta situación, goberne quen goberne", reclaman en declaracións a Praza.gal. 

Mobilización de persoal da CRTVG en Compostela CC-BY-SA Praza Pública

Aprobada no Parlamento en novembro de 2011, hai máis de oito anos, a lei mantén artigos claves sen cumprir. Si se aprobou unha modificación puntual nunha das disposicións transitorias da norma. Como informou Praza.gal, aquela reforma permitiu que o director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, continuase indefinidamente no seu posto, no que xa acumula máis dunha década. Polo camiño, o PP rexeitou no Parlamento en varias ocasións propostas da oposición que reclamaban cumprir xa integramente a lei. A CRTVG xustifica agora o seu atraso na necesidade de adoptar o texto ao uso das redes sociais

O persoal mobilizado difunde un decálogo que insta a que defendan os partidos políticos e pide a "destitución inmediata do actual director xeral"

Aproveitando a chegada das eleccións, Defende A Galega vén de difundir un decálogo de reivindicacións das que piden aos partidos políticos que se "comprometan a asumir, tanto de teren responsabilidades de goberno como de estaren situados na oposición". 

O colectivo pon o foco nalgúns dos incumprimentos máis evidentes da lei de Medios e pide a "destitución inmediata do actual director xeral" e a súa sucesión mediante "maioría de dous terzos" do Parlamento. "Unha vez nomeado, solicitamos abrir un debate no seo da comisión parlamentaria da CRTVG sobre a conveniencia de mudar ou non o modelo de elección, analizando vías como a do concurso público, entre outras", destacan. 

Ademais, demandan a posta en marcha, "no prazo máximo dun mes desde a formación do novo goberno, do Consello de Informativos regulado na mesma Lei de Medios, dándolle a este órgano as máximas atribucións posibles para evitar as presións partidistas sobre os e as traballadoras que elaboran os contidos nos medios públicos e garantir que estes se fagan seguindo criterios profesionais". En declaracións a este diario, Defende A Galega cre "urxente" esta medida para "amparar" o persoal "ante as prácticas de manipulación que se dan no presente e se poidan dar no futuro".

Defende A Galega advirte de que "as presións sobre profesionais van aumentar" coa campaña e insta a crear axiña o Consello de Informativos

A creación do Consello de Informativos, lembra o colectivo, está recollida na lei como parte do desenvolvemento do Estatuto Profesional, "texto sen elaborar aínda e que debe ser unha realidade o antes posible". Ademais, o persoal mobilizado pide tamén o compromiso de "dar cobertura informativa ás protestas, tanto laborais como profesionais, que poida desenvolver o cadro de persoal no futuro", porque cren que iso "non fará máis que mellorar a imaxe dos medios públicos e do seu servizo". 

Mobilización do colectivo Defende A Galega na CRTVG © Defende A Galega

Porque o persoal mobilizado lembra que "o escenario de manipulación non é novo". "Levamos anos sufríndoo", di o colectivo, que di "non ter dúbidas" de que "as presións sobre profesionais van aumentar" agora que se achegan as eleccións. "Por iso é tan necesaria a creación dun Consello de Informativos que protexa o seu traballo", explican.

De feito, nun dos últimos venres negros, o persoal mobilizado denunciaba a "realidade paralela" que, segundo din, difunde a CRTVG sobre a actualidade informativa. Incidían na "construción dunha Galicia inexistente ao servizo do poder" da que Defende A Galega advertiu a Praza.gal. Agora, insisten nesa cuestión, exemplificada na cobertura de conflitos sanitarios como os de Verín ou na das negociacións para a formación dun novo goberno en España, tal e como denuncia tamén a oposición en cada comisión de control parlamentaria. 

O persoal que leva case dous anos de protesta denuncia a "realidade paralela" que din que difunde a CRTVG sobre a actualidade informativa

"Todas aquelas informacións que afectan a Xunta ou os populares contrólanse máis", asumen fontes profesionais da CRTVG. A resposta do director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, é sempre semellante. "Demostrar a cobertura correcta da CRTVG non é complicado", adoita dicir. 

Como exemplo, respecto do conflito de Verín, di que “non pode haber queixa do tratamento", e sobre as negociacións de investidura entre PSOE e Podemos, convida a entrar no buscador da web da Corporación para comprobar a cobertura. En canto ás críticas pola falta de difusión do informe do Consello de Europa que critica a política lingüística da Xunta, ao máximo responsable dos medios públicos "parecéronlle suficientes medio minuto no programa Bos Días", tal e como destaca Defende A Galega. 

"Por suposto que compartimos as denuncias que se fan na comisión parlamentaria da CRTVG, pero tamén queremos lembrarlles aos partidos da oposición que estaremos moi pendentes de que sexan coherentes con esas posicións que agora defenden se chegan a gobernar", advirte Defende A Galega. 

Defende a Galega pide a recuperación das delegacións e desconexións locais, dun lingüista por quenda ou do formato orixinal de 'Diario Cultural'

Entre as demandas feitas públicas esta semana, Defende A Galega reclama a "recuperación das delegacións territoriais de Pontevedra, Ferrol e A Mariña e das desconexións informativas locais suprimidas en 2018" porque, cren, "non hai servizo público sen cobertura de país". Tamén demandan que volva o "formato orixinal" de Diario Cultural, programa decano e multipremiado da Radio Galega que perdeu a súa franxa horaria independente. "A cultura debe ser un contido transversal na programación dos medios públicos e abordarse desde a mesma especialización que se require para outro tipo de noticias", aseguran. 

Alén diso, e respecto da denunciada "perda de calidade da emisión derivada da deficiente posta en marcha da dixitalización na TVG", o colectivo pide que se cree unha comision interna para abordar eses problemas. E tamén a recuperación de, "polo menos, un lingüista por quenda na radio pública" tras "anos de recorte" que supuxeron a desaparición desa figura.  

Persoal da CRTVG en San Marcos, durante un paro organizado polo comité de empresa © CUT CRTVG

Tamén reclaman, como xa fixera o persoal en anteriores folgas, o deseño dunha programación "de servizo público" para a vindeira temporada que inclúa nos medios públicos programas de análise informativa e debates en horario de máxima audiencia", así como "unha programación dirixida ao público infantil que vaia máis aló da emisión de series e contidos animados, sen desbotar a creación dunha canle propia a tal efecto". 

Ante a cada vez máis crecente "externalización", Defende A Galega pide "a recuperación da produción propia" e denuncia que tanto na televisión como na radio "levan anos limitándose a cubrir a axenda informativa marcada desde fóra". 

Entre as demandas dos profesionais inclúense programas de análise informativa e infantís, máis produción propia e "a fin da política de desmantelamento"

Por último, o persoal mobilizado pide "a fin da política de desmantelamento" ante unha "inaceptable precariedade" que cren derivada "dunha política empresarial que impide substituír os traballadores de baixa ou de vacacións". O resultado, segundo Defende A Galega, son horas de programación repetida, telexornais coa metade do persoal e con copia e pega de teletipos ou cobertura de temas en función da proximidade e non da relevancia. 

Ademais, e respecto á insinuación da dirección xeral da CRTVG de que limitaría o uso das redes sociais aos profesionais dos medios públicos, Defende A Galega advirte de que "calquera decisión ao respecto é de dubidosa admisión, polo que debe ser estudada coidadosamente e contar coa aprobación do Consello de Informativos".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.