O conflito sanitario, agora en Verín, aumenta o malestar entre persoal da CRTVG tras 88 semanas de mobilización

Manifestación en Verín contra o peche da atención aos partos CC-BY-SA Praza Pública

88 semanas. Son as que leva boa parte do persoal da CRTVG mobilizándose contra a manipulación, polo cumprimento da lei de medios e pola mellora dos medios públicos en Galicia. Neste venres, Defende A Galega, colectivo que organiza as protestas, reivindica "unha tele e unha radio que integren todas as audiencias: as do rural, as das cidades, as do interior, as da costa" e que estean "abertas á sociedade e se preocupen dos verdadeiros problemas dos cidadáns". 

Persoal mobilizado da CRTVG cumpre xa 88 semanas de protesta contra a manipulación e polo cumprimento da lei de medios

Son 88 venres negros, a pouco de se cumprir dous anos desta protesta de loito. Nun dos últimos, o persoal mobilizado denunciaba a "realidade paralela" que, segundo din, difunde a CRTVG sobre a actualidade informativa. Incidían na "construción dunha Galicia inexistente ao servizo do poder" da que Defende A Galega advertiu a Praza.gal. E centráronse en dous casos cos que pretenderon exemplificar a situación: "Os informativos de TVG titulaban: 'Os traballadores de Alcoa, molestos co Goberno'. Titular que será impecable o día que poidamos escribir tamén: “A cidadanía de Verín, molesta coa Xunta”. 

Son os conflitos arredor da sanidade pública algúns dos máis importantes nos últimos anos en Galicia. Tamén os que máis críticas sobre a súa cobertura recibiron desde a cidadanía e desde o propio persoal da CRTVG. O último, o acontecido tras o peche do paridoiro do hospital de Verín. 

Mobilización de persoal da CRTVG polo 88º venres negro © Defende A Galega

Desde a CRTVG, o seu director xeral, Alfonso Sánchez Izquierdo, nega sempre calquera tipo de censura ou manipulación. "Demostrar a cobertura correcta da CRTVG non é complicado", adoita dicir. No caso de Verín, e ante as críticas da oposición, defendeu as informacións e asegura que se escoitaron "todas as voces". 

Fontes do persoal dos medios públicos recoñece que o "control" sobre as informacións aumenta en casos como os de Verín, por afectar a Xunta

Entre o cadro de persoal, fontes dos traballadores recoñecen que o modus operandi no caso de Verín non foi moi diferente ao doutros conflitos nos que as críticas van dirixidas ao Goberno galego ou ao partido que o sustenta, o PP. "Todas aquelas informacións que afectan a Xunta ou os populares contrólanse máis", asume algún profesional. 

No caso da supresión da atención pediátrica e aos partos, a TVG cubriu obviamente a información, pero persoal advirte de que "se vetou recoller o parecer da oposición" nalgunhas pezas e "mesmo dos veciños" no caso dalgunha mobilización. Segundo relatan varias fontes, como acontece noutros casos, "calquera información que poida ser algo polémica e afecte o Goberno, está xestionada ou directamente elaborada por profesionais que a dirección ten de man e non tanto por redactores que non poidan controlar igual". 

Alén disto, as mesmas fontes aseguran que son varios os casos nos que, para confrontar a información sobre un conflito ou mobilización cidadá importante, os redactores descobren que desde "postos de máis alta responsabilidade" xa se ten elaborado "unha peza que recolle a versión da Xunta".

Profesionais da CRTVG denuncian problemas ou vetos para recoller a opinión da veciñanza ou da oposición en conflitos sanitarios como o do peche do paridoiro

No caso do conflito polo paridoiro en Verín, foron profesionais médicos do hospital comarcal os que acusaron a Xunta de "usar os medios públicos para intentar xustificar o peche ante a opinión pública”. Referíanse, sobre todo, a unha nova do Telexornal do pasado xoves 28 de novembro. “O último bebé nado no hospital de Verín tivo que ser trasladado de urxencia ao CHUO”, comezaba a información, con detalles sobre un leve problema cun neonato que foi trasladado a Ourense malia que, segundo estas mesmas fontes, puido ser atendido sen problemas no centro verinense e despois de que a propia familia quitase importancia ao problema. Xusto despois, outra información trataba a polémica polo peche do paridoiro. “Foi unha cousa bastante fea, porque mesmo responsables do CHUO recoñeceron que lograran o seu obxectivo de xustificar o peche por unha falta de seguridade que non é tal”, din outras fontes. 

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.