Cuarto nacemento no hospital de Verín desde que a Xunta suprimira a atención aos partos e as urxencias pediátricas. Na madrugada deste venres, unha muller deu a luz unha pequena hora e pouco despois de ingresar no centro comarcal e ante a falta de tempo para ordenar un traslado ao Complexo Hospitalario Universitario de Ourense (CHUO).
A nai deu a luz sen pediatra, que chegou logo do nacemento a Verín, e ante a imposibilidade de ser trasladada antes a Ourense pola inminencia do parto
Nai e filla foron atendidas polo equipo de matronas e un xinecólogo á espera dun pediatra que viaxou desde o CHUO pero que chegou varios minutos despois do parto. A inminencia do parto fixo imposible o traslado da muller a Ourense.
Segundo puido confirmar Praza.gal, o neonato foi trasladado xa ao CHUO á espera de que a nai viaxe axiña tamén ao hospital da capital provincial. Foi o cuarto parto desde que se suprimise o servizo do paridoiro e o terceiro neste ano, aínda que en dous deles houbo comunicación xudicial por medio. Neste mesmo período, ademais, foron sobre seis as nais da comarca de Monterrei que deron a luz en Ourense ou no Hospital Álvaro Cunqueiro de Vigo e que terían parido en Verín de contar o centro con especialistas pediátricos.
Desde a supresión da atención ao parto en Verín, é a terceira vez que os pediatras non chegan a tempo de atender o nacemento, a última delas cando deu a luz unha concelleira do PP na Gudiña. É, tamén, o segundo parto desde a chegada da nova xerente, Guillermina Agulla, ao distrito verinense.
Precisamente, é a ausencia de facultativos pediátricos é a razón que agora esgrime a Xunta para xustificar o peche, logo de apuntar a falta de pericia dos profesionais, a baixa natalidade ou supostas recomendacións de sociedades científicas.
O Sergas admite que "reforzará" o consentimento informado en Verín así que contrate dous pediatras e reabra o paridoiro
Anunciada xa por parte do Sergas a reapertura próxima do paridoiro ao atopar dous pediatras dispostos a ocupar as dúas prazas de interinos que volveron ser convocadas, a Xunta advertiu da necesidade de "consentimento informado reforzado" para parir en Verín. Este requisito engadido ao habitual provocou xa o malestar dos profesionais do hospital comarcal e as críticas da oposición.
Este pasado xoves, o Sergas recoñeceu que ese "consentimento informado reforzado será unha medida específica para o centro verinense. Foi o seu xerente, Antonio Fernández-Campa, quen asegurou que o devandito permiso débese "reforzar neste caso especificamente" para lograr "que a información a nais e pais sexa boa" antes dun proceso clínico e porque moitas veces esta información "é verbal". "Entendemos que neste caso é necesario reforzar que se fai a información ben", insistiu.