O PP xustifica blindar o director da RTVG por falta de "consenso" e a oposición reprocha a "cacicada"

Bancada da oposición, durante a votación © Parlamento de Galicia

Este martes comezou no Parlamento o debate da lei de medidas fiscais e administrativas, a coñecida como "lei de acompañamento" aos orzamentos, que se tramita paralelamente ás contas de 2016 e a través da cal o Goberno galego modifica pola vía rápida unha vintena de leis. Como informou Praza Pública, desta volta a Xunta coa no medio deste marasmo de modificacións unha disposición que permite manter indefinidamente no seu cargo o actual director xeral da Compañía de Radio Televisión de Galicia, Alfonso Sánchez Izquierdo, no canto de substituílo por unha persoa nomeada por maioría cualificada no Parlamento, como marca a xa moi incumprida lei de medios públicos. A lei de acompañamento vén de superar o primeiro trámite e o PP xustifica a blindaxe do director nomeado por Feijóo na ausencia de "consenso" entre grupos e mesmo na necesidade de "aforro".

Tras semanas de silencio case total ao respecto pola banda da oposición, no marco deste debate si chegaron as críticas ao que dende as bancadas da esquerda se le como unha "cacicada", en verbas da vicevoceira de AGE, Yolanda Díaz. O Executivo, censura dende o BNG Francisco Jorquera, "coa de rondón unha modificación da lei de medios" para "dar un auténtico golpe de Estado" na nova Corporación Radio Televisión de Galicia, creada pola propia norma. Os conservadores, censura, "abren a vía para prorrogar indefinidamente" o mandato do director xeral nomeado por Feijóo, o que na práctica implica "perpetuar o control partidista" dos medios públicos mesmo "máis alá da presente lexislatura".

A norma incluída na lei de acompañamento dos orzamentos permite manter indefinidamente no cargo o director xeral nomeado por Feijóo

Tamén o socialista Juan Carlos González Santín ve clara a intención de "prorrogar sine die" o mandato de Sánchez Izquierdo nun movemento que o voceiro do PP, Pedro Puy, presenta como un mero trámite administrativo. O parlamentario popular dá por sentado que "non hai" o "consenso" que a lei esixe para nomear o novo director -dous terzos ou tres quintas partes dos deputados débeno apoiar- e, polo tanto, o mellor é habilitar un recurso para que non sexa imprescindible. Se non se fai, argumenta, non se podería aplicar o resto dunha lei que, non obstante, leva sendo incumprida dende seis meses despois da súa aprobación.

Puy esgrime a necesidade de poñer en marcha o resto da lei, incumprida dende seis meses despois da súa aprobación

A non aplicación do conxunto da lei, admite agora Puy, supón "perder os aforros" económicos que derivan da constitución da nova corporación, así como "non constituír" órganos como o Comité de Informativos. Por todo iso, sinala, o gabinete de Feijóo, "responsablemente", garante que "se vai cumprir a lei ata que se elixa o director xeral por consenso". "Mentres tanto -resolve- haberá que procurar o acordo, ao que nós estamos sempre abertos".

Na xornada en que o propio Parlamento debatía tamén o mandato marco da nova RTVG o voceiro socialista resalta que o conveniente sería, "antes de aprobar este mandato marco, nomear o director xeral" e facelo por consenso, como marca a lei. "Non sei por que dá por sentado que non se chegará a acordos para nomealo", dille Santín ao PP. "A non ser -matiza- que o único candidato que haxa sexa o que actualmente está". Nese caso, advirte, non habería lugar ao acordo, e aínda así "non se pode suplantar o debate no Parlamento cunha disposición para manter unha persoa nun cargo".

Dende as filas do BNG Jorquera agarda que este movemento lles sirva aos socialistas de "elemento de reflexión". A aposta do PP por controlar a renovación da dirección xeral dos medios públicos, di, "ratifica os motivos polos que rexeitamos como se acometeu a renovación do Consello de Administración" da CRTVG, apoiada polos populares e o PSdeG o pasado verán.

Puy, nun intre do debate © Parlamento de Galicia

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.