O Goberno galego presentou os derradeiros orzamentos da Xunta, os deste 2016, como os do "novo impulso social". Pouco despois de reestruturar o seu gabinete e crear nel a Consellería de Política Social, novo departamento 'estrela' da Xunta con José Manuel Rey á fronte, Alberto Núñez Feijóo anunciaba un incremento superior aos 280 millóns nas partidas sociais que, salientaba, aumentaba a súa dotación e mantiña o peso do investimento social na contorna do 80% do orzamento. No entanto, un ano máis o Ministerio de Facenda vén de desmentir o anunciado pola Xunta, e onde dende San Caetano se fala de "oito de cada dez euros" en investimentos sociais o Estado só conta seis, unha diferenza duns vinte puntos nun peso que, ademais, segundo o departamento de Cristóbal Montoro é inferior ao de 2015.
Nos últimos días do ano Facenda fixo público o informe no que anualmente analiza os orzamentos de todas as comunidades autónomas en termos homoxéneos. Como en exercicios anteriores, a lectura das cifras difire notablemente da realizada pola Xunta. Segundo o documento do departamento Ministerial, as partidas de "sanidade, educación e acción social" representan o 60,72% do orzamento galego para o ano que vén de comezar. Esta, indica, é unha "porcentaxe inferior á rexistrada no exercicio anterior, no que acadou o 61,15%".
A Xunta reitera que os fondos sociais supoñen o 80% do orzamento pero Facenda rebáixao vinte puntos
A disparidade de versións é menor no que atinxe aos incrementos absolutos das partidas. Así, o informe reflicte que a área de sanidade incrementou un 2,88% o seu orzamento e a de educación, un 4,88%. A Acción Social, pola súa banda, indica, gañou un 14,72%. Traducido a cartos, resume, "a suma destas políticas experimenta un aumento de 271,2", uns dez millóns menos do indicado pola Xunta.
O incremento no gasto na lei de dependencia débese á fin da moratoria na atención a persoas cualificadas como dependentes de grao un
Ademais de ofrecer as cifras da distribución funcional do orzamento o Ministerio especifica tamén a razón dalgúns dos incrementos orzamentarios no eido social. Neste sentido, Facenda subliña que "convén facer mención" a que dende o 1 de xullo do pasado 2015 caducou a moratoria que, incluída nun dos paquetes de recortes do Goberno de España, deixou fóra do sistema de atención á dependencia ás "persoas valoradas co grao I Dependencia moderada". Esta é a razón pola que o programa de atención á dependencia tivo que ser incrementado en máis de 9 millóns de euros, resalta, nun contexto no que tamén contabiliza o crecemento de algo máis dun millón de euros na partida de loita contra a exclusión social. Mentres, na banda sanitaria, boa parte do incremento vai para sufragar o sistema de colaboración público-privada do novo hospital de Vigo, como informou Praza.gal.
Alén do eido social Facenda salienta o incremento de 83,1 millóns de euros na función destinada a atender a débeda pública, un incremento do 5,48% que chega despois da diminución superior ao 25% que o Ministerio certificou nos orzamentos do pasado ano. Tamén, indica o departamento estatal, "destaca o crecemento" na función de pesca -gaña máis dun 80%-, e mais na función de Industria, Enerxía e Minaría, que medra case un 60% a respecto de 2015.