PP, BNG e PSdeG acordan abrir o proceso para renovar o consello da CRTVG, onde Sánchez Izquierdo se mantén como director xeral desde hai doce anos
Os grupos do Parlamento veñen de acordar a apertura do proceso para a renovación dos seis postos que compoñen o consello de administración da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG). PP, BNG e PSdeG decidiron na xunta de portavoces deste martes abrir o prazo dun mes para a presentación de propostas, que deben ser aprobadas por dous terzos da Cámara -50 escanos- ou tres quintos -45- en segunda votación, e confirmar así a remuda das persoas encargadas da administración e control do ente público que, no entanto, seguirá co mesmo director xeral.
Alfonso Sánchez Izquierdo mantense indefinidamente no cargo que ostenta desde hai doce anos, tras acceder coa chegada de Feijóo ao Goberno da Xunta en 2009, malia que a lei dos medios públicos fixa desde 2011 a elección dunha nova dirección xeral xunto co novo consello de administración dende os seis meses posteriores á súa entrada en vigor.
En 2015, a Xunta introduciu unha reforma na lei dos medios públicos aprobada polo PP que permite manter a Sánchez Izquierdo indefinidamente no cargo
Ese prazo non se cumpriu nin cando tocaba -en xuño de 2012- nin cando no verán de 2015 si foi renovado o consello. Pouco despois daquela votación, o Goberno do PP aproveitou a tramitación dos Orzamentos Xerais de 2015 para introducir na súa lei de acompañamento unha disposición para permitir que, se cando a Corporación comezase formalmente a súa actividade -1 de xaneiro de 2016-, Sánchez Izquierdo aínda non fora substituído, puidese continuar "transitoriamente" no posto. Aí segue.
O persoal mobilizado na CRTVG desde hai case tres anos a través de Defende a Galega reclama reiteradamente a remuda de Sánchez Izquierdo para o cumprimento da lei de medios. Este mesmo martes, a plataforma volveu demandalo e pregúntase "para cando a renovación do director xeral , no cargo desde 2009, cando a lei de medios establece un período de 5 anos".
Nesa demanda coincide a oposición parlamentaria, pero a Xunta, logo dunha pregunta parlamentaria do PSdeG, xa aclarou que o recambio só se levará a cabo cando haxa "diálogo", advertindo de que a súa elección require as mesmas maiorías reforzadas que a do consello de administración.
"Para cando a renovación do director xeral, no cargo desde 2009, cando a lei de medios establece un período de 5 anos", pregúntase Defende A Galega
Sen traza para o cambio á fronte da dirección xeral, as negociacións para un novo consello chegan outra vez marcadas polo clima de reivindicación e denuncia de "manipulación" que desde hai tempo leva a cabo boa parte do persoal da CRTVG. Defende a Galega persevera na súa esixencia de cumprimento íntegro da lei dos medios públicos e mantén as protestas tras cumprir a pasada semana o seu 156º venres negro.
Sexa como for, os tres grupos parlamentarios comezarán a negociación para volver elixir os seis membros do novo consello. Para logralo, calquera das opcións require do apoio do PP e, cando menos, dun dos dous grupos da nova oposición: BNG (19 escanos) ou PSdeG (14 escanos).
A lei do 2011 marca o ritmo da renovación, pero deixa unha fiestra aberta á interinidade no consello. "Esgotado o mandato, os membros do consello de administración continúan no exercicio das súas funcións ata a toma de posesión dos novos conselleiros", di a norma. Este sería o caso, por exemplo, en ausencia de acordo entre o PP e un ou os dous grupos da oposición para substituír o actual consello, formado por catro persoas propostas polos populares e dúas, polos socialistas.
Foi o 3 de agosto de 2015 cando o pleno do Parlamento escolleu cos votos a prol de PP e PSdeG -e a manifesta contrariedade dos daquela dous grupos restantes do pleno, AGE e BNG- o actual consello de administración da CRTVG, o primeiro con seis membros no canto de 12 en virtude da lei de 2011. O consello tomou posesión o 4 de xaneiro de 2016, tres días despois do inicio oficial da andaina da Corporación.
Cando se elixa o novo órgano de dirección da Corporación, o seu director xeral superará os doce anos á fronte do ente público malia as críticas da oposición e boa parte do persoal dos medios públicos.