Defende a Galega pide o amparo da Valedora do Pobo para que inste a CRTVG ao cumprimento da lei de medios

Traballadoras e traballadores de Defende a Galega na sede da CRTVG en San Marcos no #VenresNegro159CRTVG CC-BY-SA Defende a Galega

O persoal dos medios públicos mobilizado en Defende a Galega pide o apoio da Valedora do Pobo para lograr a renovación da Dirección Xeral e pór o freo ao "desmantelamento" da CRTVG

″Entendemos que a defensa duns medios públicos independentes é tan necesaria como a da sanidade ou a da educación, tendo en conta que o dereito a recibir información veraz é un dos dereitos fundamentais, pedímoslle amparo á Valedora do Pobo e solicitámoslle que inste a CRTVG ó inmediato cumprimento da Lei 9/2011″. A plataforma de traballadores e traballadoras da Televisión de Galicia e da Radio Galega presentou este xoves unha queixa ante a Valedoría do Pobo polo que consideran que é un ″incumprimento reiterado″ da lei galega dos medios públicos de comunicación audiovisual, aprobada hai dez anos.

Despois de tres anos de denuncias da manipulación informativa e do proceso de desmantelamento dos medios públicos galegos a través da mobilización dos venres negros, dos que xa van 160 (#VenresNegro160CRTVG), Defende a Galega optou por levar as súas reivindicacións á Valedora do Pobo, María Dolores Fernández Galiño, á que solicitan que urxa a dar os pasos necesarios para o nomeamento dun novo director ou directora xeral do ente público por maioría reforzada que substitúa a Alfonso Sánchez Izquierdo, que leva doce anos no cargo.

Neste sentido, reclaman a Fernández Galiño que medie no Parlamento, e en concreto co grupo parlamentar maioritario, o do Partido Popular, para que a Cámara galega propoña un candidato ou candidata para a renovación da Dirección Xeral da Corporación Radio Televisión de Galicia (CRTVG) ″para que poida ser nomeado conforme o establecido pola Lei 9/2011″. 

Así mesmo, solicitan o apoio dos grupos da oposición para conseguilo. Pretenden que a CRTVG ″cumpra co seu deber de servizo público desde a obxectividade, imparcialidade, veracidade e neutralidade informativa″ recollida nos principios inspiradores da lei dos medios públicos. A Cámara galega iniciou a renovación do consello de administración da corporación pública, pero este proceso non afecta ao cargo do director xeral. 

No 'venres negro' número 160, Defende a Galega recolle ″exemplos de control político, manipulación e ausencia de pluralismo ideolóxico e de graves limitacións á liberdade de expresión"

″Desde hai uns anos asistimos con preocupación ó desmantelamento da Radio Galega e da Televisión de Galicia, que comezou coa supresión das delegacións territoriais de Pontevedra, A Mariña e Ferrol hai unha década e que continúa hoxe en día coa eliminación das desconexións informativas locais, ignorando, polo tanto, moita da información que está máis preto dos galegos e das galegas″, debullan no seu escrito.

Na queixa de Defende a Galega, que suma 19 follas de explicación da situación na que están tanto a Radio Galega como a TVG, tamén inciden na urxencia para que ″se estableza sen máis demora o estatuto profesional e o consello de informativos″ ou ″a creación dunha autoridade audiovisual independente″. Pois recollen ″exemplos de control político, manipulación e ausencia de pluralismo ideolóxico e de graves limitacións á liberdade de expresión″.

Lembran a decisión da dirección da TVG de emitir un programa de cociña durante o debate da Deputación Permanente sobre a pandemia

Esta semana, a plataforma Defende a Galega difundiu o que considera un novo exemplo de mala praxe forzado pola dirección do ente público a través dunha información sobre a vacinación emitida no Telexornal, na que o director de informativos e unha redactora interveñen como testemuñas sen identificar, entre as declaracións de expertos. "Preguiza informativa ou cámara de eco?", manifestaban nas súas redes. 

Lembran á Valedora do Pobo múltiples episodios como os expedientes a xornalistas que ficaron finalmente arquivados, o silencio a respecto da concesión do Premio José Couso de Liberdade de Prensa concedido a Defende a Galega ou a decisión da dirección da TVG de emitir un programa de cociña durante o debate da Deputación Permanente das medidas sobre a pandemia da COVID-19, tras ofrecer en directo "unha trintena de comparecencias de Alberto Núñez Feijóo, multiplicándose nos informativos as declaracións do presidente da Xunta e do PP" nun período no que apunta que "quedou reducida á mínima expresión a presenza dos partidos da oposición e de todos aqueles colectivos ou organizacións críticos".

Detectan unha "utilización abusiva do castelán tanto na radio como na televisión públicas"

A respecto do uso do galego, a pesar de que recoñece a posta en marcha de iniciativas como o espazo ′Dígocho eu!', Defende a Galega detecta unha ″utilización abusiva do castelán tanto na radio como na televisión públicas, que se fixo inequívoca cando o ex-alcalde da Coruña, Francisco Vázquez, foi entrevistado en castelán na Radio Galega, en decembro de 2020″.

Despece

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.