O semanario Sermos Galiza comezará a funcionar o vindeiro xoves 26 na rede e publicará o seu primeiro número en papel ao redor do 17 de maio.Este domingo Sermos Galiza celebrará unha Xunta de Accionistas, que pechará os últimos fíos do proxecto. Os xornalistas da súa redacción son conscientes do complicado contexto dos medios de comunicación: “as dificultades son inmensas, sabémolo. Hai unha crise tremenda da publicidade. Hai crise nos medios, sobre todos dos medios en galego".
Porén, apostan por "dar a imaxe positiva dun medio construído dende a base, nós saímos coa forza da propia sociedade, con máis de 900 accionistas. Ten unha dimensión de proxecto colectivo, de epopea, case. Hai que dar unha mensaxe de optismismo de cara ao futuro”.
"Na crise que estamos vivindo ten que se reforzar a sociedade civil, a sociedade debe reaxir"
Os integrantes da redacción afirman que “na crise que estamos vivindo ten que se reforzar a sociedade civil, a sociedade debe reaxir. Neste ámbito e noutros, coma o da cultura, no que cada día nacen moitas iniciativas, moitas máis das que nacían hai uns anos. Hai que buscar outros camiños”. E engaden que "Sermos ten esa vontade de sumar esforzos e de converterse tamén en rede de colectivos e persoas. Queremos ser o seu altofalante”. Finalmente, salientan que “a xente quere que o galego volva aos kioskos. Na rede están Praza ou Dioivo, que devolvestes o galego á rede, pero a xente quere que volva aos kioskos tamén”.
"Sermos Galiza presentou a súa redacción na súa web, formada por cinco xornalistas, que centrarán a súa atención en catro ámbitos, principalmente: política, economía, cultura e área social"
Esta semana Sermos Galiza presentou a súa redacción na súa web, formada por cinco xornalistas, que centrarán a súa atención en catro ámbitos, principalmente: política, economía, cultura e área social. Rodri Suárez (La Opinión, Xornal...) ocuparase dos temas políticos, Xesús Manuel Piñeiro tratará as temáticas económicas á "que Sermos quere darlle o relevo que merece no momento de crise e desfeita do mundo laboral que vivimos", Beti Vázquez (AGN) porase á fronte da área social do xornal, centrada principalmente na actualidade das organizacións non gobernamentais, cooperativismo e cuestións de xénero.
"Dentro do ámbito cultural queremos facer fincapé ao ámbito infantil, porque queremos contribuír a esa normalización das xeracións novas”
O semanario dedicará igualmente unha atención sobranceira á cultura galega e á recuperación da memoria histórica, do que se ocuparán Carme Vidal (A Nosa Terra) e Antón Fernández Escuredo (A Peneira). Así mesmo, dende a redacción comentan que "dentro do ámbito cultural queremos facer fincapé ao ámbito infantil, porque queremos contribuír a esa normalización das xeracións novas”.