En maio, ao querer engadir nesa lei 26 palabras para ampliar un prazo, redactou mal a reforma e borrou máis de 300 palabras que deixaron sen contido unha disposición que agora recupera na lei de acompañamento
“Recupérase o contido da disposición transitoria sexta, que fora eliminado por erro con motivo da súa modificación na Lei 11/2021, do 14 de maio”. Con esa frase admite a Xunta na lei de acompañamento dos orzamentos de 2022 que o pasado maio borrou “por erro” máis de 300 palabras da lei de 2015 de mellora da estrutura territorial agraria de Galicia cando simplemente quería mudar nela de cinco a sete anos un prazo permitido para determinados procesos técnicos de traslado das concentracións parcelarias ao catastro.
O “erro” agora admitido abertamente na nova lei de acompañamento súmase a outras moitas mudanzas noutras varias normas que a propia Xunta argumenta que fai para “clarexar” ou evitar “confusións” en textos que ela mesma redactara previamente. Pero chega ao punto de revelar que a súa técnica lexislativa de mudar sucesivamente leis xa previamente mudadas acabou provocando un baleiro legal durante varios meses.
A Lei 4/2015 de mellora da estrutura territorial agraria nada estableceu na súa redacción orixinal sobre a coordinación catastral dos procesos de concentración parcelaria, cuestión técnica que se introduciu nesa norma, nunha disposición transitoria sexta, a través la lei de acompañamento dos orzamentos de 2017. Foron catro puntos cunhas 225 palabras, ás que dous anos máis tarde a lei de acompañamento dos orzamentos 2019 engadiu un quinto punto con outro cento de palabras.
Ata ese momento esa disposición establecía no seu punto número 4 que esas actuacións de coordinación catastral deberían levarse a cabo nun prazo de cinco anos desde a aprobación orixinal da lei en 2015. Este ano a Xunta decidiu ampliar ese prazo a sete anos, e empregou a Lei 11/2021, do 14 de maio, de recuperación da terra agraria, para mudar a través dela aquela disposición transitoria anterior. Pero en vez de mudar o punto 4 no que se fai referencia ao prazo mudou toda a disposición que ata ese momento tiña cinco puntos con esta redacción: “Modifícase a disposición transitoria sexta, «Coordinación catastral», que queda redactada como segue: «As actuacións a que se refiren os apartados anteriores deberán levarse a cabo dentro do prazo dos sete anos seguintes á entrada en vigor desta lei». Isto é, onde antes había cinco puntos con máis de trescentas palabras pasou a haber un único punto con 26 palabras que non tiña sentido co que o antecedía e sucedía.
Agora, varios meses despois, a Xunta corrixe ese “erro” e na nova lei de acompañamento volve mudar a lei de 2015 para volver incluír nela os cinco puntos orixinais e a nova referencia aos sete anos en lugar de a cinco.