O Goberno galego acepta corrixir normas en materia de parques eólicos, incendios e sobrecustos de obras, esta última por adiantarse a un decreto estatal aprobado dous meses máis tarde e malia advertencias de inconstitucionalidade dos letrados do Parlamento
Desde que Feijóo chegou á presidencia en 2009, a Xunta aproveita a finais de cada ano a lei de orzamentos do ano seguinte para tramitala xunto cunha denominada lei de acompañamento, unha norma que lle permite mudar todo tipo de leis previas cun procedemento acelerado e menos debate. Así o fixo en decembro ao mudar outras 27 leis distintas a través da lei de acompañamento dos orzamentos deste ano.
En febreiro o propio Goberno galego admitiu que el mesmo cometera erros nesas reformas legais e corrixiunos, e agora terá que rectificar outras mudanzas incluídas nesa última lei de acompañamento, en materia de parques eólicos, incendios e sobrecustos de obras, tras ameazar o Goberno de España con levalas ao Tribunal Constitucional. Unha posible inconstitucionalidade da norma galega que nun dos casos xa fora advertida polos letrados do Parlamento de Galicia e obviada polo PP.
Entre outras cuestións, a través da lei de acompañamento dos orzamentos deste ano a Xunta mudou a lei do sector eólico e aprobou unha paralización cautelar das novas autorizacións de parques eólicos admitindo que non era quen de tramitar todas as solicitudes que estaba a recibir, e estableceu que só tramitaría as que ela mesma considerase máis relevantes. O Goberno de España discrepou da redacción que o Goberno galego deu á nova norma e as dúas administracións abriron unha negociación baixo a ameaza de que finalmente tivese que resolver o Tribunal Constitucional.
Chegaron finalmente a un acordo, publicado este venres no Boletín Oficial del Estado (BOE) e no Diario Oficial de Galicia (DOG), co que a Xunta se compromete a corrixir a súa lei e deixar claro nela que non pode outorgar autorizacións de parques eólicos se os seus titulares non obtiveron previamente os permisos de conexión ás redes de distribución que son competencia do Estado, cuestión que obviaba a norma galega.
A Xunta tamén acepta mudar a reforma que introduciu en decembro a través da lei de acompañamento na lei de incendios forestais para fixar unha planificación anual da xestión e roza da biomasa nas faixas de protección de vivendas e infraestruturas. Agora terá que matizar que, no caso de que as infraestruturas sexan de titularidade estatal, será competencia do Estado realizar esa planificación.
Os servizos xurídicos do Parlamento xa advertiron ao PP de que unha das súas reformas legais afectaba a competencias que a Constitución atribúe ao Estado, e agora a Xunta corríxea tras reclamarllo o Goberno de España
Igualmente, a lei de acompañamento de decembro habilitou á Xunta a compensar ás súas empresas adxudicatarias se sofren encarecemento de materiais. Durante a súa tramitación os letrados do Parlamento de Galicia xa advertiron de que a medida atacaba o mercado e a Constitución, pero aínda así foi aprobada polo PP. Dous meses despois o Goberno de España aprobaba un decreto para regular precisamente as compensacións a adxudicatarias por encarecementos de materiais, e agora a Xunta terá que adaptar a lei galega a esa norma estatal.
En febreiro a Xunta xa corrixiu ela mesma outros erros cometidos na mesma reforma legal que agora deberá mudar a instancias do Goberno de España
Estas correccións que agora acepta realizar a Xunta para que o Estado non a leve ante o Tribunal Constitucional súmanse aos erros admitidos por ela mesma na lei de acompañamento de decembro que xa corrixiu en febreiro. Daquela as mudanzas rectificaron unha redacción previa da lei de acompañamento que eximía de taxas a algúns barcos e impedía o funcionamento do banco de explotacións agrarias.