Os populares continúan a tramitación das súas emendas á lei de acompañamento dos orzamentos malia ser advertidos polos servizos xurídicos da Cámara galega da ameaza de inconstitucionalidade que supoñen
Compensar ás empresas construtoras polo encarecemento de materiais, como pretende facer o PP a través dunha lei galega só aplicable á Xunta, “podería incidir na competencia exclusiva do Estado en materia de lexislación básica sobre os contratos e concesións administrativas” regulada no artigo 149 da Constitución Española e “podería tamén afectar á unidade do mercado contractual público”. Malia esas advertencias que veñen de realizar os servizos xurídicos do Parlamento de Galicia e que abocarían a un preito no Tribunal Constitucional, os populares seguirán a tramitar a súa proposta co obxectivo de que entre en vigor co comezo do novo ano.
Ante o aumento do custo de materiais o PP quere que a Xunta poida pagar ás construtoras máis do previsto na adxudicación ou autorizarlles "unha modificación dos materiais tidos en conta para a elaboración do proxecto"
Vén sendo habitual que a Xunta aproveite a tramitación dos seus orzamentos de cada ano para, coa lei de acompañamento dos mesmos, mudar ducias de todo tipo de normas que non teñen que ver coas contas públicas cun menor debate. Nos últimos anos, ademais, ás mudanzas legais propostas pola Xunta o PP vén engadindo coas súas emendas xa no Parlamento novos trocos en normas sobre as que nada dicía o proxecto de lei de acompañamento inicial do Goberno galego, o que impide que a oposición poida propoñer mudanzas a un texto que coñece no último momento.
Iso é o que fixo este ano o PP ao presentar como emendas á lei de acompañamento dos orzamentos da Xunta a posibilidade de que o Goberno galego poida compensar ás súas empresas contratistas polos encarecementos de materiais a respecto dos prezos que elas mesmas comprometeran cando resultaron adxudicatarias dos contratos. A disposición só sería de aplicación aos contratos da propia Xunta e, tras solicitalo as empresas e xustificalo, o Goberno galego podería ou pagarlles máis que o previsto inicialmente ou permitirlles “unha modificación dos materiais tidos en conta para a elaboración do proxecto".
As emendas de todos os grupos parlamentarios tanto aos orzamentos como á súa lei de acompañamento deben ser validadas pola Mesa do Parlamento ou da comisión correspondente, os órganos encargados de regular o funcionamento da Cámara ou das comisións e ordenar os seus debates, nos que o PP fai valer a súa maioría. Foi nese trámite, na cualificación das emendas por parte da Mesa da Comisión de Economía, no que “os Servizos Xurídicos advirten que esa regulación podería incidir na competencia exclusiva do Estado” en materia de contratos regulada na Constitución Española e “podería tamén afectar á unide do mercado contractual público” ao afectar só aos contratos da Xunta.
“Porén, esta dúbida sobre a súa compatibilidade co réxime xurídico de distribución de competencias entre o Estado e a Comunidade Autónoma de Galicia, non debería ser un atranco formal para admitila a trámite”, engade o acordo que a maioría do PP permitiu sacar adiante.
Se a emenda do PP, malia as dúbidas xurídicas, finalmente é aprobada polo Pleno do Parlamento e entra en vigor, o Goberno de España podería recorrela ante o Tribunal Constitucional instando a súa suspensión inmediata.