Os populares permitirán que as xefaturas territoriais que ata agora só podían ocupar funcionarios da administración xeral tamén poidan ser entregadas a persoal sanitario ou educativo afín
A través das leis de acompañamento dos orzamentos de cada ano o Goberno galego vén aproveitando para mudar todo tipo de leis que non teñen que ver coas contas públicas. E tamén é habitual que posteriormente o grupo parlamentario do PP engada aínda máis correccións a esas reformas propostas desde a Xunta, nalgún caso mesmo introducindo cuestións nas súas emendas non incluídas no texto orixinal da lei de acompañamento, o que na pasada lexislatura foi denunciado polo PSdeG ante o Tribunal Constitucional, que aínda non resolveu.
Este ano as emendas do PP á lei de acompañamento da Xunta non só rebaixan aínda máis os impostos ás rendas máis altas senón que tamén volven flexibilizar aínda máis os instrumentos que o Goberno galego ten para actuar de xeito discrecional en diversas eidos, como o emprego público ou os contratos de obras.
Por unha banda, as emendas populares engaden á lei de acompañamento a posibilidade de habilitar máis postos discrecionais nos entes paralelos da administración. Se a lei de emprego público establecía que na administración xeral terán a consideración de postos directivos -e polo tanto discrecionais- “as vicesecretarías xerais, as subdireccións xerais, as secretarías territoriais e as xefaturas territoriais”, agora as emendas do PP engaden que tamén “no ámbito das entidades públicas instrumentais do sector público autonómico, terán a consideración de postos directivos os equivalentes aos indicados anteriormente para a Administración xeral”.
Co cambio non só se aumenta o número de postos que nos entes paralelos se poden ocupar por persoal directivo e polo tanto elixido de xeito discrecional, senón que polo feito de ser considerados postos directivos esas prazas nos entes paralelos poden tamén ser ocupadas por persoas que non sexan funcionarias, como a Xunta fixo a comezos de ano ao darlle a un ex-deputado do PP unha subdirección na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader).
Por outra banda, se a lei de acompañamento proposta pola Xunta establecía que nos seus entes paralelos o Goberno galego poderá clasificar postos co rango de subdirección xeral ou xefatura de servizo -postos que pode entregar de xeito discrecional- “para a súa provisión por persoal sanitario, docente ou da Administración de xustiza”, as emendas do PP engaden que tamén as xefaturas territoriais, igualmente discrecionais, “poderán ser provistos por persoal sanitario, docente ou da Administración de xustiza”, mentres que ata agora só podían ser ocupados por funcionarios da administración xeral. Isto é, se ata agora o PP viña colocando en xefaturas territoriais a funcionarios afíns pero só no caso de que estes tivesen praza na administración xeral da Xunta, agora poderá recorrer tamén a profesorado ou persoal sanitario afín para esas xefaturas territoriais discrecionais.
Os cambios engádense a unha longa sucesión de mudanzas da lei de emprego público que a Xunta vén acometendo nos últimos anos sen previa negociación cos sindicatos.
Ante o aumento do custo de materiais a Xunta poderá pagar ás construtoras máis do previsto na adxudicación ou autorizarlles "unha modificación dos materiais tidos en conta para a elaboración do proxecto
As emendas do PP á Xunta tamén introducen novidades nas obras públicas relacionadas co encarecemento de todo tipo de materiais que se está a rexistrar nos últimos meses. O Goberno galego poderá ou compensar aos seus contratistas polos encarecementos de materiais que xustifiquen pagándolles máis que o previsto inicialmente nas adxudicacións, ou permitirlles mudar de materiais.
O texto da emenda do PP di sobre esa segunda posibilidade que a Xunta poderá autorizar “unha modificación dos materiais tidos en conta para a elaboración do proxecto que serviu de base para a licitación, que permita un abaratamento dos seus prezos e que non implique unha minoración na funcionalidade da obra en execución”, e engade que “neste caso deberase optar, na medida do posible, por materiais de proximidade cuxa elección responda a criterios que permitan unha redución das emisións e da pegada de carbono”.