Moisés Blanco, mestre de profesión, será subdirector da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural tras gañar un proceso de selección que CSIF denunciou como "adaptado á limitada formación académica e experiencia laboral" do popular
A Xunta vén de ratificar no Diario Oficial de Galicia o nomeamento como subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), encadrándoo na escala do seu persoal como directivo no grupo III, nivel 2, ao ex-deputado do PP Moisés Blanco Paradelo, que non é funcionario. Faino aplicando unha salvidade contemplada na Lei de Emprego Público de Galicia.
Segundo ese precepto, eses postos directivos nas entidades públicas instrumentais -nunca na propia administración xeral da Xunta- poden ser ocupados “excepcionalmente” por persoas que non sexan funcionarias de carreira. É o caso de Blanco Paradelo, que antes de ocupar postos políticos era mestre de música en educación primaria nun centro privado do Barco de Valdeorras, segundo divulgou el mesmo.
O popular quedou fóra do Parlamento nas eleccións do pasado 12 de xullo e concorreu ao proceso de selección aberto durante o Nadal por Agader
Moisés Blanco foi voceiro do PP no Barco de Valdeorras durante máis dunha década, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado no Parlamento de Galicia durante as dúas últimas lexislaturas, onde foi voceiro de Medio Rural do seu partido. Nas eleccións do pasado xullo ocupou o posto 12 na candidatura popular de Ourense, pero alí o partido baixou de 9 a 8 escanos e malia que dous deputados deixaron a acta para ocupar cargos na Xunta, a lista non correu tanto como noutras ocasións e Blanco quedou fóra do hemiciclo.
O sindicato CSIF detectou a súa presenza como candidato no procedemento para cubrir esa praza aberto por Agader o pasado 23 de decembro, en pleno Nadal, con dez días de prazo para presentar as candidaturas. O sindicato denunciou que “a diferenza doutras convocatorias similares, onde aos candidatos se lles esixe unha ampla bagaxe, tanto a nivel formativo como profesional, as bases para o posto de Agader son totalmente exiguas, simplonas e adaptadas á limitada formación académica e experiencia laboral do ex-parlamentario popular”.

Tras esa denuncia pública, BNG e PSdeG reclamaron á Xunta a paralización do proceso, ao que o Goberno galego contestou defendendo a legalidade do procedemento elixido para a contratación. Agora o DOG vén de ratificar o nomeamento.