Moisés Blanco, mestre de profesión, é o mellor puntuado para cubrir un posto de subdirector na Axencia de Desenvolvemento Rural ao que o Goberno galego aplicou unha excepción para que non sexa só para o funcionariado
“Excepcionalmente” a Lei de Emprego Público de Galicia contempla que os postos directivos das entidades públicas instrumentais -nunca os da propia administración xeral da Xunta- poidan ser cubertos por persoas que non sexas funcionarias de carreira. Esa excepción está a ser aplicada na Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) para cubrir o posto de subdirector de Relacións cos Grupos de Desenvolvemento Rural, en cuxo proceso de selección a persoa mellor puntuada á espera de facerse públicos os resultados da última proba, unha exposición oral, é o ex-deputado do PP Moisés Blanco Paradelo. O sindicato CSIF denuncia que o proceso que “trata de colocar” ao político popular é un novo caso de “nepotismo e corruptela administrativa”.
Moisés Blanco, mestre de profesión, foi voceiro do PP no Barco de Valdeorras durante máis dunha década, vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e deputado no Parlamento de Galicia durante as dúas últimas lexislaturas, onde foi voceiro de Medio Rural do seu partido. Nas eleccións do pasado xullo ocupou o posto 12 na candidatura popular de Ourense, pero alí o partido baixou de 9 a 8 escanos e malia que dous deputados deixaron a acta para ocupar cargos na Xunta, a lista non correu tanto como noutras ocasións e Blanco quedou fóra do hemiciclo.
O sindicato critica que "as bases para o posto están adaptadas á limitada formación académica e experiencia laboral" do ex-deputado
O pasado 23 de decembro o Diario Oficial de Galicia (DOG) convocou o proceso para cubrir o antedito posto de subdirector en Agader aberto a persoas que non sexan funcionarias cun prazo de presentación de solicitudes de 10 días. E agora CSIF denuncia que a falta só da valoración da última proba Blanco Paradelo é a persoa mellor puntuada nun proceso que segundo o sindicato prima a formación e experiencia política do popular fronte a outros perfís. “A diferenza doutras convocatorias similares, onde aos candidatos se lles esixe unha ampla bagaxe, tanto a nivel formativo como profesional, as bases para o posto de Agader son totalmente exiguas, simplonas e adaptadas á limitada formación académica e experiencia laboral do ex-parlamentario popular”, di CSIF.