Os populares piden ao BNG que aclare se é independentista pero eles mesmos o definen como “nacionalista” ou “patriota” empregando a palabra vasca “abertzale”
O número 2 do PP de Galicia, Miguel Tellado, anunciou este venres en rolda de prensa que o grupo parlamentario popular “presentará unha iniciativa no Parlamento para que todos os partidos aclaren se queren unha República Independente en Galicia”. Os populares mesmos entrecomiñaron na súa nota de prensa a pregunta “queren ou non a independencia para Galicia?”, cunha formulación que lembra á pregunta da ilegalizada consulta popular en Catalunya do 1 de outubro de 2017: “Quere que Catalunya sexa un Estado independente en forma de república?”.
Malia ilegalizarse aquela consulta e establecer o Tribunal Constitucional que non se pode preguntar á cidadanía ese tipo de cuestións, e mesmo vetarse os debates parlamentarios previos ao respecto, os populares din agora que o farán para obrigar ao BNG a que aclare se é nacionalista ou independentista. Unha dúbida que di ter o PP despois de que na súa recente XVII Asemblea Nacional o BNG mantivese a súa definición como formación soberanista e o seu deputado no Congreso, Nestor Rego, dixese esta semana nesa Cámara que “Galiza será máis cedo que tarde unha república libre e soberana”.
Malia asegurar que preguntará a todos os grupos pola independencia de Galicia para que quede clara a postura de cada un, os propios populares deixaron clara cal é ao seu ver a súa definición do BNG. É, dixo Tellado, “a esquerda abertzale galega”, empregando un termo vasco que podería traducirse por “patriota” ou “nacionalista” e cuxa definición no dicionario na academia da lingua vasca é “aquel que ama a patria, tenta ou loita pola patria”.