A pasada fin de semana o presidente da Xunta e líder do PPdeG, Alberto Núñez Feijóo afirmaba nunha entrevista concedida ao xornal La Voz de Galicia que "Pablo Casado está más centrado, menos áspero y estridente" na campaña das novas eleccións xerais do 10 de novembro en comparación coa carreira electoral do 28A, cando o PP descendeu ata o seu peor resultado histórico. Entre as ideas forza de Casado nesa anterior campaña estiveran as propostas que o programa do partido agrupaba baixo o epígrafe Comprometidos con el fortalecimiento de la nación e que incluían, entre outras medidas, un recorte ao rango legal das linguas oficiais diferentes do castelán e unha paralización dos traspasos de competencias ás comunidades autónomas.
Do programa do PP desaparece, cando menos de xeito explícito, a paralización de traspasos de competencias autonómicas que prometía en abril, pero permanece a mingua do rango legal de galego, euskera e catalán
Os conservadores veñen de divulgar a súa proposta programática para as novas xerais do 10N, que en boa medida é unha versión resumida do programa de abril, sintetizando en 200 puntos o que antes eran 500 e deixando en algo menos de 60 páxinas as 100 de hai medio ano. Neste novo documento manteñen, aínda que con certos matices, a súa aposta por minguar o rango legal dos idiomas oficiais no Estado que non sexan o castelán. Del desaparece, cando menos de xeito explícito, a paralización de traspasos de competencias, que Feijóo apoiara abertamente en abril.
A proposta máis clara no que atinxe á mingua do rango legal do galego, o euskera e o catalán no programa do PP refírese ao persoal das administracións públicas. Así, por dúas veces (nos puntos 80 e 168) deixa claro que, na liña do promovido por Ciudadanos na pasada lexislatura estatal, abrirían legalmente a porta a poder obter un emprego público en Galicia sen entender o galego. "A única lingua cuxo coñecemento será un requisito indispensable para o acceso a un emprego público será o castelán", di o programa.
O PP promete que as linguas oficiais diferentes do castelán "nunca" serán "un requisito" para poder acceder a un posto na Administración pública
Nesta liña, como en abril, o programa traza unha distinción entre idiomas oficiais para asegurar que "as linguas cooficiais", condición da que exclúe o castelán malia ser tal, "poderán considerarse un mérito, nunca un requisito excluínte". Neste sentido, agrega que "as Administracións elaborarán plans de formación para que os funcionarios atendan os cidadáns na lingua oficial que elixan", se ben terían oportunidade de aprendela unha vez acadado o posto.
Nun sentido semellante, os de Pablo Casado prometen máis recentralización educativa. "A lingua vehicular ordinaria do ensino en todo o territorio español será o castelán", advirte o programa, que despois agrega que "naquelas comunidades autónomas nas que existan linguas cooficiais", condición legal da que volve excluír o castelán, "estas poderán tamén ser previstas como linguas vehiculares".
Documentos oficiais, só válidos en castelán?
Estas e outras medidas en materia idiomática estarían condensadas, segundo o programa do PP, nunha "lei de linguas". Prométena aprobar, no caso de lograren maioría parlamentaria no Congreso, para "garantir o dereito a usar o español en todo o territorio nacional, en todas as relacións coa Administración e en calquera actividade privada".
O programa para o 10N non explicita a promesa de que só sexan válidos os actos administrativos en castelán pero si mantén a proposta dunha "lei de linguas" que, segundo o programa do 28A, incluiría esa medida
Ao contrario do que sucedía antes do 28A, o PP non especifica desta volta no seu programa cal sería o contido desa lei. No programa de abril -punto 12- si se estendían máis na explicación. Así, advertían de que en virtude desa nova lexislación, "só terán carácter oficial aqueles actos administrativos que se realicen, cando menos, en castelán". Isto é, un documento redactado só en galego, catalán ou euskera non sería válido ante a Administración.
Esa promesa, que non se inclúe de xeito explícito no programa do PP para o 10N porque só se refire xenericamente a esa "lei de linguas", contradí varias leis aprobadas baixo gobernos do PP tanto en Galicia como en España. Así, por exemplo, a vixente lei de procedemento administrativo común, aprobada en 2015 con Rajoy no Goberno, fixa entre os "dereitos das persoas nas súas relacións coas Administracións públicas" o de "utilizar as linguas oficiais no territorio da súa comunidade autónoma" segundo a lexislación vixente.