Así é o plan de Ciudadanos que abriría a porta do emprego público en Galicia a persoal que non entenda galego

Rivera, dando un mitin en Vigo durante a campaña das eleccións galegas de 2016 © Ciudadanos

Despois das declaracións, o texto articulado. Ciudadanos aproveitou o seu bo resultado electoral do pasado 21D en Catalunya e as non menos favorables expectativas demoscópicas no conxunto do Estado para recuperar nas primeiras semanas do ano un dos eixos esenciais do ideario co que naceu como partido de ámbito catalán: a cruzada contra as leis que dende a fin do franquismo protexeron e impulsaron os idiomas oficiais diferentes do castelán. O partido de Albert Rivera vén de rexistrar no Congreso a que denominou "lei de garantía da igualdade no acceso e promoción no emprego público sen discriminación por razóns lingüísticas", un plan que, no caso galego, tería o efecto práctico de abrir a porta da Administración a persoal que non entendese o galego.

Ciudadanos canaliza o proxecto como unha proposición de reforma do Estatuto Básico do Empregado Público. É unha lei de apenas cinco artigos e catro páxinas nas que dúas delas son dedicadas á exposición de motivos, isto é, á aposta política por tras da mudanza, sustentada nunha suposta diferenza entre lingua "oficial" e lingua "cooficial" nas comunidades autónomas con máis dun idioma. "A lingua", proclama o texto, "foi considerada nalgúns casos como un instrumento para romper" o "espazo de liberdade que é o Estado español" e esta lei pretende recompoñelo.

O texto susténtase nunha suposta diferenza entre lingua "oficial" e lingua "cooficial", cuxa "protección" serviu para "romper o espazo de liberdade que é o Estado español", di

"Coa escusa da protección para superar a persecución durante a ditadura" foi "permitida" a "discriminación positiva", afirma a proposta, pero "na actualidade a situación é radicalmente distinta". "Nalgunhas comunidades", asegura sen citar fonte ningunha, "o coñecemento e a utilización da lingua cooficial -di en referencia aos idiomas que non son o castelán- acada o 90% da poboación". É por iso que cabe concluír que "o obxectivo da denominada normalización" xa está "alcanzado" e cómpre "recuperar a normalidade do artigo 3 da Constitución", o que establece a obriga de coñecer o castelán e o dereito a usalo, así como a oficialidade das "demais linguas españolas" en cadanseus territorios.

A lei de C's asegura, sen citar dato ningún, que "a situación actual non xustifica a discriminación positiva" e advirte de que os parlamentos autonómicos deben perder a capacidade de fixar "de maneira libre" a ponderación da lingua como "mérito" nas oposicións

A "protección" do galego, do euskera ou do catalán foi "pervertida", asegura a lei de C's, ata lograr a "ruptura do espazo de liberdade dos españois", tamén no emprego público. Por iso, mantén, é "imprescindible" que coñecer o idioma "cooficial" -o distinto do castelán- nunca sexa considerado un "requisito" para acceder ao emprego público, senón só un "mérito" a valorar "en función da natureza do posto ou emprego de que se trate". Aínda que a proposta non achega baremo ningún polo que valorar ese "mérito", si inclúe unha advertencia. Aínda que "a lingua segue sendo cooficial", os parlamentos autonómicos deben perder a capacidade de fixar de "maneira libre" canto se valora en cada proceso selectivo. "Se así fose", ficaría "frustrado" o "obxectivo perseguido". "A situación actual -abonda- non xustifica a discriminación positiva".

Comunicados de Ciudadanos en 2008 e 2009 sobre a lingua galega e a manifestación contra o ensino en galego á que se sumara Rivera

A modificación do Estatuto do Emprego Público

Sempre sen se referir a cifra ou limiar de valoración ningún, Ciudadanos explica que a súa intención é fixar, adicionamente, "outro límite" na normativa que regula o acceso ao emprego público, o da "valoración proporcionada" da lingua como "mérito", xa que "non pode ter a mesma valoración se se trata dun emprego para un servizo de atención telefónica" que "se o é para levar a cabo operacións cirúrxicas". A orientación, acrecenta, é acabar cun "requisito" que "fractura España" á hora de acceder ao emprego público.

A norma para acabar co "requisito" que "fractura España" obriga a derrogar calquera "valoración desproporcionada do coñecemento lingüístico" mesmo como mérito, aínda que non especifica a que se refire con "desproporción"

No caso de saír adiante esta reforma, a lei do Estatuto do Empregado Público considerará "discriminatoria calquera disposición ou medida adoptada por unha Administración" que "supoña que o coñecemento dunha lingua cooficial" é "requisito para o acceso á promoción do emprego público", di, sempre identificando "cooficial" como idioma distinto do castelán. "Igualmente, considerarase discriminatoria a valoración desproporcionada do coñecemento lingüístico como un mérito sen atender á realidade social do coñecemento da lingua na comunidade autónoma ou sen concorrer razóns adecuadas, necesarias e suficientes" en relación co posto de traballo, agrega, aínda que non identifica o xeito en que se medirá ese "coñecemento" nin tampouco a "desproporción".

Se saíse adiante, a vaga expansiva da proposta chegaría á lei galega da función pública e mesmo a disposicións da lei de normalización e do Estatuto de Autonomía

Esta proposición de lei, que agora inicia a súa andaina no Congreso, traería ademais consigo a derrogación inmediata de calquera normativa vixente que fixe a necesidade de, no caso de Galicia, entender o galego para poder traballar, por exemplo, na Xunta ou nun concello. Entre a normativa que tombaría o plan de Ciudadanos estaría a actual redacción da lei da función pública de Galicia, na que se establece que o persoal que opte a un posto público terá que realizar un exame específico de galego se non conta cun certificado oficial -o CELGA- que acredite que o coñece.

Esta reforma, unha das primeiras medidas adoptadas polo PP en 2009 tras o seu retorno á Xunta, tombou a determinación adoptada polo Goberno de coalición de PSdeG e BNG, que introduciu a obriga de realizar cando menos un exame redactado en galego para que as persoas que optasen a un posto na Administración demostrasen que o entenden dentro do seu ámbito profesional. A proposta de Ciudadanos, así e todo, tamén considera excesiva a actual regulamentación e a súa vaga expansiva estenderíase a outras normas como a lei de normalización lingüística ou o propio Estatuto de Autonomía no que atinxe á plena oficialidade do galego e ao "dereito" da cidadanía ao "uso do galego, oralmente e por escrito, nas súas relacións coa Administración no ámbito territorial da comunidade autónoma".

Oposicións do Sergas no recinto feiral de Silleda en 2016 © Xunta

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.