0 Gardados para despois

O Goberno de Rajoy imita a guerra lingüística de Feijóo en 2009 ante a ameaza electoral de Ciudadanos

David LombaoDavid Lombao | @davidlombao


En febreiro de 2009, hai agora nove anos, Galicia estaba inmersa na campaña das eleccións que o 1 de marzo outorgarían ao PPdeG a maioría absoluta do Parlamento ao recuperaren un escano pola provincia da Coruña. Os de Alberto Núñez Feijóo desenvolveran unha dura precampaña electoral baseada en denunciar un suposto "desbalde" de diñeiro público por parte da Xunta e, por outra banda, en axitar a pantasma do que denominaron "imposición" da lingua galega en Galicia. Este segundo eixo do seu argumentario canalizárano en boa medida a través dunha asociación denominada Galicia Bilingüe e enfocándoa na presenza do galego no ensino. A dirección estatal do PP e o Goberno de Rajoy veñen de recuperar esta guerra lingüística case unha década despois para, ollando a Catalunya, tentar facer fronte ao ascenso electoral de Ciudadanos que reflicten diversos inquéritos.

Unha das citas claves daquela precampaña producírase o 8 de febreiro. Mentres Feijóo pedía o voto en Sudamérica -faltaban dous anos para a reforma do chamado voto emigrante- o seu xefe de campaña, Alfonso Rueda, e boa parte da cúpula conservadora -con dirixentes como Carlos Negreira, Ana Pastor, Ignacio López-Chaves ou Corina Porro, entre outros- sumáronse a unha manifestación convocada pola devandita asociación en Santiago. Ademais dos dirixentes do PPdeG naquela comitiva que denunciaba unha presunta ausencia de liberdade en Galicia pola existencia de normas como o decreto que estipulaba un mínimo do 50% das materias en galego destacaban membros doutras formacións. Unha era Rosa Díez, na altura líder do partido ao que o PPdeG tentaba cortar o paso mergullándose no que Feijóo definira como "conflito lingüístico sen precedentes", UPyD. O outro, o presidente dun partido que operaba dende había tempo en Catalunya coa confrontación co soberanismo como punto central do seu ideario: Albert Rivera, cabeza visible de Ciutadans.

Antes das eleccións de 2009 o PPdeG alertou dun suposto "conflito lingüístico sen precedentes" e Feijóo prometeu unha "casilla en el sobre de matrícula" para que as familias determinasen a lingua do ensino, como suxire agora o Goberno central

Nos anos transcorridos os de Feijóo acalmaron a súa pugna idiomática tras a aprobación do denominado decreto do plurilingüismo e mesmo chegaron a admitir que as súas alertas sobre a suposta desaparición do castelán na escola non se correspondían coa realidade, senón que as lanzaran malia seren conscientes que a lingua que perdía terreo nas aulas era o galego. Mentres, a formación de Díez practicamente desapareceu do mapa político mentres Ciutadans, xa como Ciudadanos, ocupou e alargou o seu espazo. Co proceso soberanista catalán como pano de fondo a formación laranxa axita nas últimas semanas unha proposición de lei que, anunciou Rivera, van rexistrar no Congreso para tentar impoñer no conxunto do Estado que os procesos de selección de persoal nas Administración non esixan outro idioma máis que o castelán en ningunha comunidade autónoma. A súa aposta é, no caso galego, pasar por riba de normas vixentes como o artigo 5 do Estatuto de Autonomía, de xeito que a Xunta estea obrigada a aceptar a incorporación de persoal que non entenda galego. 

O anuncio do Ministerio de Educación chega mentres C's anuncia unha lei para que o castelán sexa a única lingua precisa para traballar na Administración 

É neste contexto no que chega o globo sonda lanzado este xoves polo Goberno de España a través do secretario de Estado de Educación, Marcial Marín. Ao ser preguntado ao respecto Marín afirmou que "dentro dunhas semanas" vai poder "estar" a fórmula para que, utilizando o artigo 155 da Constitución, aínda vixente en Catalunya, o Ministerio poida abrir a porta a que as familias do alumnado decidan que o ensino se imparta en castelán. "Somos sensibles co problema e pronto anunciaremos algunha decisión", agregou, se ben admitiu que o propio Executivo central aínda non "sabe" se "isto é materia que nos corresponda en aplicación do 155". De selo, insinuou, atenderían a petición dun sindicato educativo que pide a inclsión dunha "casilla de opción lingüística" no proceso de matrícula escolar para que as nais e pais decidan a lingua vehicular. Mentres, Galicia Bilingüe, agora integrada nunha plataforma chamada 'Hablamos español', impulsa unha iniciativa lexislativa popular coa mesma vontade.

Texto sobre a lingua no ensino difundido por Feijóo en outubro de 2008

A enquisa lingüística de Feijóo fora tombada polos tribunais

O anuncio de Marín reproduce case literalmente a "casilla en el sobre de matrícula" para determinar o idioma do ensino, que Feijóo prometeu recorrentemente naquela campaña de 2009 e que nunca chegou a tornar en realidade.  No proceso de elaboración do decreto plurilingüe, aínda vixente, o novo Goberno do PP organizara unha controvertida enquisa con cuxo resultado pretendía condicionar a distribución de idiomas entre materias. O Executivo nunca fixo públicos os seus resultados que, como avanzou Praza.gal, finalmente viron a luz grazas á investigación académica de Mauro Fernández, catedrático da Universidade da Coruña.

O Tribunal Superior de Xustiza de Galicia anulou esa parte do decreto e impediu ao Goberno "abdicar" da súa responsabilidade lingüística malia ao seu intento de dar cobertura legal ao carácter vinculante dos inquéritos. Agora, case unha década despois, o decreto do plurilingüismo segue vixente malia ás alertas de desaparición do galego nalgúns niveis educativos -sobre todo en infantil- e entre críticas recorrentes polo veto á lingua propia de Galicia nas materias de ciencias. Mentres, a cúpula estatal do PP procura reeditar, co pretexto catalán, o sucedido en Galicia naqueles meses de 2009.

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.