0 Gardados para despois

O TSXG anula o artigo do decreto do plurilingüismo que vetaba o ensino do galego en Infantil

Redacción | @prazapublica

O Tribunal Superior de Xustiza de Galiza estima parcialmente o recurso presentado pola CIG, a Mesa pola Normalización Lingüística e a plataforma Queremos Galego contra o Decreto de Plurilingüismo do Goberno de Núñez Feijoo. En concreto, anula o artigo 5.2., no que se estipulaba a realización dunha enquisa entre os pais e nais en Educación Infantil que supuxo por exemplo o varrido do galego no 96% dos centros de infantil das cidades, e o 12.3. no que se establecía que o alumnado podería usar na aula a lingua da súa preferencia, neste caso porque é contrario ao desenvolvemento da Lei de Normalización Lingüística e ao fomento do uso progresivo do galego.

CIG-Ensino reclama a derrogación completa do Decreto de Plurilingüismo e o inicio de negociacións para aprobar un novo decreto que recolla os obxectivos e as propostas do Plan Xeral de Normalización Lingüística aprobado por unanimidade do Parlamento galego no ano 2004. En termos semellantes o BNG demanda "a inmediata derrogación do Decreto do Plurilingüismo e o cesamento do conselleiro de Educación en funcións". E pídelle ao PP que retorne "ao consenso que existiu cando o Parlamento Galego aprobou o Plano de Normalización Lingüística, consenso que rachou unilateralmente ao aprobar a primeira lexislación da historia do país que supuña un paso atrás no estatus da nosa lingua nas aulas".

O TSXG afirma que a Administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais”

Pola súa banda, a Consellería de Educación afirmou o seu "escrupuloso respecto" pola sentenza pero considera que o TSXG "avala o equilibrio entre galego e castelán". En relación á anulación do artigo 5.2 declarou que "a Administración debe exercer a súa competencia do modo máis consensuado posible coas familias". A consellaría concluíu que se están estudando “con prudencia” as tres sentenzas emitidas, antes de tomar unha decisión.

Esa consulta aos pais, agora eliminada, provocaba que mesmo cando o 40% das familias urbanas escollera que os seus fillos e fillas tivesen o galego como lingua de aprendizaxe, eran contados os centros nos que esa opción era maioritaria polo que practicamente todas as aulas de educación infantil en Galicia se imparten en castelán. A este respecto o TSXG afirma que a Administración non pode “abdicar” das súas responsabilidades e que a elección de lingua no ensino fica “fóra” da “esfera de elección dos pais”. Na sentenza engade que “non cabe dúbida de que a dita abdicación da potestade de ordenación xeral do ensino ten lugar cando se establece que o profesorado usará na aula a lingua materna predominante entre o alumnado, reputando decisivo para determinala o resultado dunha pregunta que se lles efectuará aos pais, nais, titores/as ou representantes legais dos alumnos antes do comezo do curso escolar”. Para A Mesa a sentenza deixa claro que “o galego terá que regresar á educación infantil das cidades”.

A sentenza salienta que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais

En canto ao artigo 12.3 que a sentenza cualifica como “ilegal”, ao permitirlle “ao alumnado a utilización do castelán malia que sexa o galego a lingua en que se imparte a área, materia ou módulo". O TSXG afirma que este punto do Decreto contradí o mandato da Lei de Normalización no seu artigo 13.2 que esixe o "fomento do uso progresivo do galego", xa que "non facilita a adquisición da destreza esixida ao alumno na lingua propia desta Comunidade Autónoma desde o momento en que se lle permite que non fale ou escriba na lingua galega cando é esta a propia da área, materia ou módulo”. A Mesa lembra que o principio de que nas materias que se impartan en galego deba utilizarse a lingua galega foi un dos elementos centrais en que se centrou o PP para atacar o decreto de 2007. Porén, este principio que o TSXG considera o único admisible legalmente non estaba só no decreto de 2007, senón que figuraba tamén en toda a lexislación autonómica anterior, "até que a Xunta presidida por Alberto Núñez Feijóo decidiu impor un principio que, ademais de ilegal, vai contra todo criterio pedagóxico", sinala A Mesa.

O TSXG salva o resto dos puntos do decreto, entre eles moitos que tamén foron recorridos por sindicatos e asociacións, pero salienta que o galego debería ter “un trato diferenciado sobre o castelán nunha proporción razoable” para garantir a igualdade entre os dous idiomas oficiais.

 

Un decreto amplamente criticado

O Decreto do Plurilingüismo fora recorrido ante a Xustiza por diversos colectivos e asociacións como A Mesa pola Normalización Lingüística, os sindicatos STEG e CIG e mesmo a Real Academia Galega. Todos eles denunciaron que a nova normativa restou presenza ao galego nas aulas -ao pasar dun mínimo do 50% á equiparación co castelán-, vetou o uso da lingua propia nas materias técnicas ou imposibilitou que os nenos de Educación Infantil puidesen comezar a súa andaina escolar en galego. En definitiva, censuraron "a desprotección do idioma máis débil". O TSXG admitiu a trámite todos os recursos en contra do decreto case un ano despois da súa aplicación, aínda que rexeitou paralizalo cautelarmente, tal e como lle pedía A Mesa, unha decisión que a Xunta interpretou como apoio ás súas teses lingüísticas. Nin moito menos.

Esta sentenza únese aos informes negativos do Consello Consultivo, ao voto negativo do Consello Escolar de Galicia e ao informe do Comité de Expertos do do Consello de Europa

Esta sentenza únese aos informes negativos do Consello Consultivo, ao voto negativo do Consello Escolar de Galicia e ao informe do Comité de Expertos do do Consello de Europa que denunciou a discriminación na que se atopaban os e as falantes de galego, sobre todo no ensino. Os expertos do Consello de Europa amosábanse “preocupados” pola redución “da educación en galego” nas escolas. Lembrábanlle ás autoridades que malia que a lexislación vixente non implica unha educación plena en galego, si é necesario “que haxa un número suficiente de escolas que ofreza educación completamente ou esencialmente en galego”, xa que ese é un dereito “dos pais que así o desexen” e porque se ten que “garantir” que se cumpran as escollas das familias.

Algo que non ocorre en ningún caso, especialmente en Educación Infantil, onde malia que, por exemplo, o 40% das familias urbanas escolleu a lingua galega como a principal para o ensino dos seus fillos, nin tan sequera un 10% das escolas ofrecen esa opción. De feito, o Consello de Europa “instaba” as autoridades a que “fagan posible” esa educación en galego en Primaria e Secuncaria.

Carlos Callón valora a sentenza do TSXG: "O galego regresa á educación infantil nas cidades. Ese é o principal motivo de festexo"

Coa túa achega fas posible que sigamos publicando novas coma esta.