A pasada fin de semana o presidente do PP, Pablo Casado, foi o protagonista dun mitin do seu partido en Vigo. Alí asegurou sentir un especial pracer por volver visitar Galicia, xa que sentía "morriña" Proclamou tamén que o "sentidiño" será o seu guieiro no caso de chegar á presidencia do Goberno de España tras o 28A.
Apenas vinte e catro horas despois, nun encontro informativo organizado polo xornal El Mundo, o líder popular teimou no seu plan para limitar as linguas oficiais diferentes do castelán e volveu prometer a eliminación do requisito lingüístico para acceder a postos públicos se dá ascendido ao poder. Casado referiuse concretamente ás oposicións do profesorado nas que, dixo, o galego, o euskera ou o catalán son actualmente unha "barreira".
Casado proclamou sentir "morriña" de Galicia e, vinte e catro horas despois, volveu prometer limitar o galego na Administración pública
A casualidade quixo que Casado insistise na súa promesa de garantir o dereito á ignorancia do galego a quen queira un emprego público en Galicia un día antes de que o Parlamento tivese que abordar unha moción na que o PSdeG instaba a "manter a esixencia da acreditación do coñecemento da lingua galega" nas oposicións do ensino e tamén o coñecemento do galego como "requisito" no "acceso aos postos da Administración xeral autonómica". Aínda que con mudanzas, a proposta saíu aprobada por unanimidade.
O texto, votado por unanimidade a partir dunha moción do PSdeG, pide que nas oposicións docentes haxa que seguir "acreditando" o coñecemento do galego e que este sexa un "requisito" para traballar na Administración xeral
A través do deputado Luis Álvarez os socialistas aseguraron ver "incómodos" os populares "coas declaracións de Casado", fronte as cales, non obstante, Feijóo "xustifica, pero non defende a acreditación" do coñecemento do galego. Por iso, afirmou, se fixo necesaria unha posición clara do Parlamento fronte á "involución lingüística sen precedentes que supón a posición do líder do PP".
Álvarez contrapuxo estas esixencias coa realidade sinalada por diversos estudos, como os do Consello da Cultura Galega, a respecto do devalo no uso da lingua galega, especialmente na mocidade. Por iso incluíu na súa moción a esixencia de derrogación do vixente decreto que fixa as linguas no ensino, o cal substituíu en 2010 o que, dende 2007, fixaba un mínimo do 50% das materias escolares en galego, cumprindo así o estipulado no Plan Xeral de Normalización da Lingua Galega, aprobado por unanimidade en 2004.
Os populares rexeitaron o punto da moción que reclamaba a derrogación do vixente decreto do galego no ensino
O PP accedeu a votar a prol dos puntos sobre a función pública, pero non así a respecto da derrogación do decreto. Segundo o seu voceiro no debate, César Fernández, os grupos da oposición galega manteñen "un debate artificial sobre o uso do galego" e son eles, afirma, quen a tornan en "elemento de confrontación". Este "debate", agregou, "non existe nin nas escolas nin nas casas dos galegos, porque non é un problema na nosa sociedade".
Finalmente, a redacción do texto proposto polo PSdeG e votado a prol tamén por PP, En Marea e BNG insta a Xunta a que "garanta que ao remate das etapas educativas nas que o ensino da lingua galega sexa obrigatoria, o alumnado coñeza nos seus niveis oral e escrito a lingua galega en igualdade co castelán"; pide que "manteña a esixencia da acreditación do coñecemento da lingua galega nos procesos de ingreso, acceso e adquisición de novas especialidades nos corpos docentes naqueles procesos que se desenvolvan na comunidade autónoma de Galicia". E, por último, sinala que "no acceso aos postos da Administración xeral autonómica de Galicia se manteña como requisito a acreditación do coñecemento da lingua galega”.