Casado ofrece a Feijóo ser "o que queira, cando queira e como queira" no seu goberno se é presidente

Ana Pastor, Elena Muñoz, Pablo Casado e Núñez Feijóo, en Vigo © PPdeG

O presidente do PP, Pablo Casado, asegurou que, de gañar as eleccións e poder gobernar, Alberto Núñez Feijóo "será o que queira ser" no futuro executivo. O líder popular referiuse así ao presidente da Xunta de Galicia como un "político referencia a nivel nacional" e destacou que o partido precisa de "xente coma el". 

"Daquela ,en xullo, dixen que se era presidente do PP, Feijóo sería o que quixese, cando quixese e como quixese no PP. Hoxe digo que se son presidente, será o que queira, cando queira e como queira nese futuro goberno de España. Porque necesitamos xente como Alberto", declarou ante o presidente da Xunta e outras 500 persoas nun acto dos populares celebrado no Auditorio do Mar de Vigo. 

Pablo Casado asegura que Feijóo será "o que queira ser" no futuro executivo no caso de que venza nas eleccións

Ademais, Casado cualificou o presidente do Goberno central, Pedro Sánchez, como "o presidente máis radical" da historia da democracia en España, e o seu Executivo como "o máis desigualitario", por pór en risco os principios constitucionais dun Estado "social, igualitario e de dereito", e por querer "esnaquizar a economía" e a unidade de España, ou "dar prebendas aos independentistas". 

Segundo incidiu o líder do PP, o Executivo de Sánchez tamén "está a consagrar a desigualdade entre os territorios" de España, unha "desigualdade democrática" que permite que, mentres uns teñan que "cumprir a lei", outros estean "a pelexar co Tribunal Supremo ou coa Fiscalía para quitar uns lazos amarelos". 

Durante a súa intervención, Pablo Casado referiuse tamén ás enquisas e insistiu en apelar á "unidade" do voto da dereita, á vez que alertou contra un Goberno Sánchez-Iglesias, "unha aventura" que España "non pode pagar".

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.