A Xunta publica no DOG o documento final tras sete anos de traballos para actualizar o anterior, de 1992 e incumprido
A Xunta publicou este luns no Diario Oficial de Galicia o decreto polo que aproba o novo Plan Forestal para o período 2021-2040, que entrará en vigor este mesmo martes. O documento prevé ata un 3% máis de eucaliptos no seu primeiro quinquenio de aplicación, ata 2025, co obxectivo de acadar unhas reducións do 4% a respecto da situación actual para 2035 e do 5% para 2040.
O novo documento supón a primeira revisión do plan forestal que a Xunta aprobou en 1992 para un período de 40 anos. En 2014, cando só pasaran 22 anos, o Consello Forestal de Galicia, no que están representados os axentes implicados na xestión forestal dos montes galegos, acordou a revisión do documento, e é agora, máis de sete anos despois, cando a Xunta remata ese traballo, despois de que o pasado febreiro, no seu paso polo Parlamento, o plan só fose apoiado polo PP.
O anterior plan prevía 245.000 hectáreas puras de eucaliptos en 2032, pero xa superan as 300.000 puras e hai outras 122.000 mesturadas, mentres que para as frondosas autóctonas quérense unhas 10.000 hectáreas máis en 2040
O anterior plan forestal foi incumprido entre outras cuestións porque prevía destinar moitos máis fondos a fomento das políticas forestais que a prevención de incendios, pero a realidade constatada polo Consello de Contas foi a contraria. O documento tampouco foi quen de controlar a expansión do eucalipto, para o que prevía 245.000 hectáreas en 2032 pero que xa acada hoxe en Galicia máis de 422.000 hectáreas, das que unhas 300.000 son eucaliptais puros e unhas 122.000 mesturadas.
Fronte a esas cifras, o plan anterior prevía para 2032 409.000 hectáreas de especies frondosas autóctonas, cifra que foi lixeiramente superada, con 413.000, pero non pola súa planificación senón pola “colonización natural en terreos agrícolas abandonados ou en terreos forestais que se queimaban reiteradamente”. O novo plan ten como obxectivo acadar as 425.000 hectáreas de frondosas autóctonas en 2040.
A partir desas cifras, o novo documento fixa unha folla de ruta coa que prevé un inicial aumento de ata o 3% na superficie ocupada por eucaliptos para chegar dentro de 20 anos a unha redución do 5%. Para controlar a evolución, a Xunta quere potenciar o denominado inventario forestal continuo, e vén de implantar unha moratoria ás novas plantacións de eucaliptos ata o 31 de decembro de 2025, o que non impide que se sigan plantando onde xa había ou froito de “compensacións” con outras zonas ou especies.
Esa suspensión temporal aprobada este ano, supuxo un efecto chamada con máis plantacións antes da súa entrada en vigor. Estará “ligada aos datos que proveñan do inventario forestal continuo de Galicia e á primeira revisión” do plan forestal que agora entra en vigor, a finais de 2025, coincidindo coa data máxima prevista da moratoria.
O novo plan di atender a petición de Medio Ambiente de "evitar a creación de novas pistas" forestais e reducir o impacto das actuais
O plan agora definitivamente aprobado tamén ten en conta alegacións formuladas por outros departamentos da Xunta, como a Consellería de Medio Ambiente, que durante o proceso de elaboración do documento considerou que “a densidade actual de pistas en todo o territorio xa é suficiente e incluso excesiva”. O documento final di apostar por “planificar a rede viaria forestal de pistas principais a nivel de distritos forestais” promover “a racionalización, eficiencia, optimización, mellora e mantemento, aproveitamento e redución do impacto das pistas actuais” e “evitar a creación de novas pistas".