Viveiros de eucalipto confirman o auxe nas plantacións a un mes da aprobación da 'moratoria', criticada polo seu "efecto chamada"

Repoboación con eucaliptos © ADEGA

O pasado 5 de marzo o PP introduciu unha emenda á Lei de recuperación da terra agraria na que facía efectiva a súa proposta de moratoria para a plantación de máis eucaliptos en determinadas zonas e circunstancias. De aprobarse, a suspensión tería unha duración máxima de catro anos (ata o 31 de decembro de 2025) e limitaríase a aquelas zonas nas que o eucalipto non fora plantado con anterioridade. Ademais, respectaríanse as plantacións cuxa solicitude de aprobación estivera en tramitación. 

O efecto chamada foi negado no Parlamento polo conselleiro de Medio Rural, que afirmou que "non aprecia" o incremento no número de plantacións e solicitudes denunciado e que "en todo caso, a tempada de primavera é a época ordinaria para realizar plantacións"

Este último aspecto estaría provocando no último mes e medio un incremento nas plantacións de eucaliptos e na tramitación de solicitudes, polo que o anuncio da moratoria (adiantada polo conselleiro de Medio Rural a finais de febreiro) estaría xerando un "efecto chamada" que leva o eucalipto a zonas onde chegara anteriormente, como denunciaron ADEGA ou o Sindicato Labrego Galego e as forzas da oposición.

O efecto chamada foi negado no Parlamento polo propio conselleiro de Medio Rural, José González, que afirmou que "non aprecia" o incremento no número de plantacións e solicitudes denunciado e que "en todo caso, a tempada de primavera é a época ordinaria para realizar plantacións e que polo tanto resulta evidente que estas se produzan arestora". Na cámara González afirmou que "todas as plantacións que respecten o marco legal vixente están permitidas" e que aquelas que non o cumpran “serán denunciadas, como sempre foron”.

Viveiro de eucaliptos © @GrupoInsud

Os propios viveiros e empresas encargadas de subministrar árbores novas para a súa plantación recoñecen un importante aumento nas peticións

Porén, os propios viveiros e empresas encargadas de subministrar árbores novas para a súa plantación recoñecen un importante aumento nas peticións e encargos, o que está a levar nalgúns casos ao desabastecemento e a atrasos nas entregas. Así o asegura a Asociación de Viveros Forestales de Galicia, que destaca que a demanda esgotou as existencias e xerou unha lista de agarda, de xeito que os "plantóns" das videiras semanas están xa reservados. Dous viveiros das comarcas de Ferrol e A Mariña confirman para Praza.gal este aumento na demanda e dificultades para responder aos encargos e relacionan a situación coa posible entrada en vigor da moratoria, que podería aprobarse a finais de maio. 

Outro dos efectos que está a provocar o anuncio da prometida moratoria é o incremento das tallas de piñeiro e outras especies, pode que para plantar eucalipto

Outro dos efectos que está a provocar o anuncio da prometida moratoria é o incremento das tallas de piñeiro en varias comarcas para poder así plantar eucalipto nesas mesmas zonas. De igual xeito, ADEGA denunciou a corta indiscriminada de 60.000 m2 de bosque autóctono, nomeadamente nos concellos lucenses de A Pontenova e Palas de Rei e no ourensán de Ribas de Sil. A organización ecoloxista denuncia que os espazos nos que foron talladas as especies autóctonas van ser convertidos en eucaliptais antes de que entre en vigor a moratoria prometida.

Nos últimos sete anos ADEGA denunciou preto de dúas mil plantacións ilegais de eucalipto, das cales case a metade tiveron lugar na provincia de Lugo. Porén, a entidade critica que "moi poucas delas foron atendidas pola Administración pública ou derivaron nun expediente sancionador ou de reparación do dano". Ademais, engade que "o número de denuncias efectuadas está lonxe de alcanzar o número de infraccións reais que proliferan impunemente diante dos nosos ollos". A Xunta nega esta falta de control e recentemente o conselleiro de Medio Rural, José González, afirmou que o Goberno galego "está vixilante nesta materia". González dixo que entre 2016 e 2020 se tramitaron máis de 1.700 expedientes sancionadores e máis dos 7.400 apercibimentos no ámbito forestal.

Nos últimos sete anos ADEGA denunciou preto de dúas mil plantacións ilegais de eucalipto, das cales case a metade tiveron lugar na provincia de Lugo. Porén, a entidade critica que "moi poucas delas foron atendidas pola Administración pública". A Xunta nega esta falta de control

O "efecto chamada" é tamén criticado polas forzas da oposición. O BNG denunciou que "detrás da operación da moratoria do eucalipto está a pasteira ENCE, que continua presionando cara un modelo de forestación que consideramos contrario aos intereses do país". Os nacionalistas criticaron ademais a "falta de control" sobre as plantacións ilegais. Pola súa banda, o PSdeG-PSOE demandou da Xunta a adopción de "medidas para evitar a plantación masiva de eucalipto" antes da suspensión anunciada. O portavoz de Política Forestal do Grupo Socialista, Martín Seco, criticou que o anuncio realizado polo Goberno galego “incide no mercado dun xeito irresponsable” e alertou de que un dos efectos está a ser a brusca caída nos prezos da madeira de piñeiro.

O conselleiro do Medio Rural, José González, no Parlamento negando o "efecto chamada" do eucalipto © Xunta

Denuncias online de cortas e plantacións ilegais

ADEGA puxo en marcha un formulario online para que calquera persoa, de maneira anónima, poida informar sobre as cortas ou plantacións ilegais das que teña coñecemento

Nos últimos días ADEGA puxo en marcha un formulario online para que calquera persoa, de maneira anónima, poida informar sobre as cortas ou plantacións ilegais das que teña coñecemento. O obxectivo é "loitar contra a agresión que para o medio ambiente supón a expansión do monocultivo do eucalipto" e frear o “efecto rebote ou chamada”.

Unha vez recibida a información, ADEGA encargarase de poñelo en coñecemento das autoridades competente e de tramitar a pertinente denuncia. A organización espera que esta ferramenta "permita multiplicar os resultados e ser máis eficaces sumando esforzos coa finalidade de defender o territorio".

Os detalles da moratoria

Segundo a emenda introducida polo PP o pasado 5 de marzo na Lei de recuperación da terra agraria, que está a tramitar o Parlamento galego, a suspensión de plantación de eucaliptos sería temporal e estaría limitada a unhas zonas determinadas e a unha circunstancias concretas:

  • Tería un carácter "transitorio", ata o 31 de decembro de 2025
  • As plantacións de eucalipto permitiríanse nas "repoboacións previstas en instrumentos de ordenación ou xestión forestal que foran aprobados pola administración forestal antes da entrada en vigor desta disposición" ou cuxa solicitude de aprobación "atopárase en tramitación con anterioridade á entrada en vigor desta disposición". 
  • Tamén se poderá plantar eucaliptos a través de "repoboacións que, en superficie, sexan equivalentes a outras xa existentes e que teñan unha ocupación dominante de individuos do xénero Eucalyptus, e cuxos titulares decidan transformalas noutras formacións específicas, sexan masas de coníferas ou de frondosas caducifolias". É dicir, se un propietario decide substituír nos seus terreos o eucalipto por outras especies, a cambio poderá plantar unha superficie equivalente de eucalipto noutro lugar.
  • En terceiro lugar, as reforestacións con eucalipto estarán permitidas "cando a ocupación anterior do terreo obxecto da reforestación constituíse unha masa pura ou mixta dominante deste xénero, e sempre e cando as plantacións anteriores se tivesen realizado respectando o disposto na lexislación sectorial vixente". É dicir, poderá plantarse máis eucalipto naquelas zonas nas que xa estivese presente esta especie de maneira absoluta ou maioritaria (superior ao 50% das árbores existentes) e sempre que as plantacións anteriores se levaran a cabo de acordo coa lei.

Grazas ás socias e socios editamos un xornal plural

As socias e socios de Praza.gal son esenciais para editarmos cada día un xornal plural. Dende moi pouco a túa achega económica pode axudarnos a soster e ampliar a nosa redacción e, así, a contarmos máis, mellor e sen cancelas.