Fronte á previsión de abrir máis vías para facilitar as tallas, o departamento ambiental da Xunta considera que “a densidade actual de pistas en todo o territorio xa é suficiente e incluso excesiva” e pide máis “ambición” na redución de eucaliptos
Tras anos incumprindo o Plan Forestal de Galicia 1992-2032 por, entre outras cuestións, gastar máis no lume que en ordenar o monte, como criticou o Consello de Contas, a Consellería do Medio Rural iniciou en 2016 un proceso de revisión do documento que cinco anos despois aínda non rematou. O pasado febreiro esa revisión, cun novo horizonte 2021-2040, foi debatida no Parlamento entre críticas de BNG e PSdeG ao PP por ser pouco ambiciosa no control do eucalipto e agora a Dirección Xeral de Calidade Ambiental da Consellería de Medio Ambiente vén de facer públicas as correccións que deben realizarse no documento, entre as que reclama precisamente máis ambición para reducir esa especie e considera “excesiva” a densidade de pistas forestais existentes, que Medio Rural propuña ampliar. [Aquí en PDF o documento de Medio Ambiente].
O documento agora feito público de Medio Ambiente, que Medio Rural deberá ter en conta antes de aprobar definitivamente a revisión do plan forestal, sinala que “o obxectivo establecido para que ao final do cuarto quinquenio do plan (2036-2040) a superficie total ocupada con masas de eucalipto diminúa até un 5% da superficie actual debe ser un mínimo de partida que cómpre revisar dun xeito máis ambicioso co desenvolvemento do inventario forestal continuo e dos plans de ordenación dos recursos forestais (PORF)”.
Precisamente unha das críticas que facía a oposición era que esa redución do 5% ía precedida dun aumento previo do eucalipto nos primeiros anos mesmo sen saber con exactitude canta superficie ocupa actualmente, de aí a necesidade do inventario forestal. Posteriormente o PP aprobou unha reforma legal coa que introduciu unha moratoria ata o 31 de decembro de 2025 para a plantación de eucalipto en lugares onde aínda non estea presente esa especie.
Medio Ambiente alerta de que o plan prevé “modelos silvícolas intensivos”, “fertilización química” e “eliminación da vexetación acompañante por medios mecanizados ou químicos” que poden implicar "un empobrecemento da diversidade de fauna e flora"
Medio Ambiente tamén salienta que o plan busca “un incremento da produtividade da superficie forestal, en especial da superficie na que se circunscriban as masas de eucalipto”, para o que prevé “modelos silvícolas intensivos”, “fertilización química” e “eliminación da vexetación acompañante por medios mecanizados ou químicos”. A súa valoración é que “este tipo de modelos de xestión intensiva do monte son potencialmente aplicables nunha importante superficie do monte arborado galego, e poden implicar cambios nas condicións edafolóxicas dos terreos ao tempo que os expoñen á acción erosiva”, ademais de supoñer “un empobrecemento da diversidade de fauna e flora debido á eliminación do sotobosque”.
Por iso, Medio Ambiente reclama que se implanten “o antes posible” boas prácticas para a conservación da biodiversidade e “criterios ambientais, como priorizar a recuperación de terreos nos que as plantacións se teñan realizado sobre hábitats naturais de interese comunitario priorizados (bosques aluviais, brezais húmidos, turbeiras, entre outros)”.
“A densidade de pistas xa é suficiente ou incluso excesiva”, polo que “o plan debería promover o mantemento, aproveitamento e redución do impacto das pistas existentes en lugar de crear novas”
O informe de Medio Ambiente sobre a revisión do Plan Forestal tamén salienta que no documento “o programa de mobilización dos recursos madeireiros contempla a creación dunha rede de infraestruturas forestais (cargadoiros e pistas forestais)” pero engade que o propio borrador do plan indicaba que “a densidade de pistas xa é suficiente ou incluso excesiva”, polo que di que “o plan debería promover o mantemento, aproveitamento e redución do impacto das pistas existentes en lugar de crear novas”.
Medio Ambiente tamén sinala que a revisión do plan forestal establece unha “rede de infraestruturas verdes en terreos forestais” que se limitan aos montes periurbanos, pero lembra que os obxectivos desas actuacións “non se restrinxen aos de lecer e esparexemento dos cidadáns, senón que perseguen de xeito global garantir os servizos ecosistémicos e a conectividade ecolóxica, cuestións nas que o monte ten un papel fundamental”.