ENCE está a ampliar a factoría de produción de celulosa que posúe na localidade asturiana de Navia, a 30 quilómetros de Galicia, incrementando a súa capacidade en 280.000 toneladas anuais de produto final, ata as 820.000. A primeira fase desta ampliación finalizará nunhas semanas e completarase coa construción dunha nova planta -nos mesmos terreos- nun futuro inmediato. Esta nova planta fabricará ademais un novo tipo de pasta de celulosa (dissolving) que necesita da variedade nitens do eucalipto. En total, a factoría de ENCE en Navia necesitará 1,7 millóns de toneladas máis de madeira.
A variedade nitens, con maior capacidade de extensión por riba dos 400 metros de altitude, está prohibido en Asturias, pero non en Galicia
Os plans de ENCE espertaron as críticas de grupos ecoloxistas en Asturias, que vían no uso do eucalipto nitens un intento por parte da compañía de forzar a modificación da lei que na actualidade prohibe a plantación no Principado desta variedade de eucalipto. Porén, ENCE asegurou a semana pasada que todo o eucalito que utlizará para as novas producións procederá de Galicia, onde o nitens si está permitido.
O eucalipto nitens leva anos no centro da polémica en Asturias. O Goberno rexional acabou decretando a prohibición de plantalo en todo o territorio asturiano, unha decisión que foi apoiada por varias sentenzas xudiciais, ata que a Audiencia Nacional concluíu a "capacidade expansiva" do Eucalipto nitens, debido á súa "capacidade de proliferar en condicións térmicas estritas". Fronte á especie globulus (a máis común en Galicia), que adoita crecer por debaixo dos 400 metros de altitude, a especie nitens pode crecer en alturas superiores e, ademais, resiste mellor o vento. No ano 2016 a Xunta autorizou a plantación de eucalipto nitens en dúas terceiras partes do país, ficando só prohibido na provincia de Ourense, e o sur e a montaña de Lugo. Exactamente as mesmas limitacións que existían con anterioridade.
Boa parte das 1,7 millóns de novas toneladas de eucalipto que necesitará procederán do norte de Lugo
En resposta ás críticas da Coordinadora Ecologista asturiana, ENCE asegurou que "no avoga por unha modificación na normativa que regula a plantación de eucalipto nitens en Asturias" e que no Principado "non é necesario sumar máis hectáreas de eucalipto ás xa existentes para cubrir as necesidades da industria".
Agora a ampliación da produción e as maiores necesidades de madeira por parte de ENCE terá efectos en Galicia, pois boa parte das 1,7 millóns de novas toneladas de eucalipto que necesitará procederán do norte de Lugo. Na Mariña lucense cada vez se planta máis a variedade nitens, que aínda que presenta un prezo de venda inferior ao globulus, ten un tempo de crecemento moi inferior, incrementando así os beneficios económicos. De feito, calcúlase que o 90% das novas plantación de eucalipto en Galicia son xa da variedade nitens.
A pesar de que a única planta de ENCE en Galicia está na cidade de Pontevedra, todo o norte de Galicia vese directamente afectado pola presenza da factoría de Navia e os seus plans de ampliación. De igual xeito, a relación de ENCE coa Mariña lucense está marcado polo uso do peirao de Ribadeo para embarcar a pasta de papel que produce na súa factoría de Navia. Dende o ano 2011 a Xunta outorga unha moi importante rebaixa de impostos a ENCE para que a compañía utilice o porto galego.