O primeiro día das novas concesionarias tras nalgún caso décadas de prórrogas dos anteriores contratos saldouse con diversas incidencias, mentres aínda quedan pendentes de resolver varios recursos nalgunhas zonas
O inicio este luns 10 de xaneiro do segundo trimestre do curso escolar foi finalmente a data elixida pola Consellería de Educación para concentrar o groso das renovacións pendentes dos contratos de transporte escolar tras máis dun ano de proceso con erros e protestas de familias e persoal. O primeiro día das novas concesionarias tras nalgún caso décadas de prórrogas dos anteriores contratos saldouse con diversas incidencias, mentres aínda quedan pendentes de resolver varios recursos nalgunhas zonas.
Tras anos de prórrogas ilegais dos contratos, a Xunta renovou a metade das liñas de transporte escolar de Galicia, o servizo máis rendible para as empresas de autobuses, de xeito conxunto coas de transporte regular. Pero quedou pendente outra metade de servizos que se prestan de xeito exclusivo aos centros escolares. O inicio dese concurso público foi anunciado polo propio presidente Feijóo o 9 de decembro de 2020, e un mes despois xa comezaban as protestas de familias que vían como as novas condicións do contrato afectaban ao servizo que viñan recibindo.
A Xunta tivo que aumentar de 81 a 93 millóns a dotación para os dous anos de contrato ao incorporar 284 paradas e 12 rutas que faltaban no primeiro proceso lanzado hai máis dun ano
A Xunta acabou anulando aquel primeiro concurso admitindo “erros” e “confusión considerable” nos seus pregos de condicións, con rutas elaboradas con Google Maps e previsións dun minuto por parada. No novo concurso que convocou Educación aumentou un 15% máis a dotación orzamentaria, con 93,4 millóns de euros para dous cursos, prorrogables outros dous, fronte os 81 millóns do proceso inicial, froito de pasar de 1.574 a 1.586 rutas e de 11.269 a 11.554 paradas, admitindo así que no primeiro deseño faltaban servizos.
Do mesmo xeito, tamén corrixiu as condicións laborais. Isto, non obstante, non impediu novas correccións sobre a marcha que implicaron novas prórrogas dos anteriores contratos para que os colexios non quedasen sen servizo mentres non se adxudicaba o novo proceso.
Finalmente, o groso dos 57 lotes en que foi dividido o concurso foron adxudicados nos últimos meses do pasado ano e, tras prever inicialmente a formalización progresiva dos contratos a medida que se remataba o proceso, Educación acabou optando por concentrar o cambio no 10 de xaneiro, coincidindo co reinicio do curso escolar. Iso supuxo protestas da CIG, que denunciou que as anteriores concesionarias deran de baixa o persoal a finais de decembro sen que este tivese aínda concretada a súa subrogación por parte das novas empresas. Ademais, varios dos lotes do concurso seguen pendentes de recursos por parte dalgunhas empresas aspirantes.
Este luns, no primeiro día de operación das novas concesionarias, rexistráronse algunhas incidencias, segundo varias fontes consultadas por Praza.gal. En Ares, por exemplo, a nova concesionaria “non se decatou que o alumnado da ESO ten clases o luns pola tarde”, segundo informou o centro ás familias, e cando o transporte chegou a rapazada xa marchara por outros medios.