Ningún dos máis de trinta nenos e nenas do CIP Poeta Uxío Novoneyra de Folgoso acudiu este venres ás aulas, secundando así as súas familias a folga convocada pola ANPA do centro contra as modificacións previstas pola Xunta no servizo de transporte escolar no Courel.
Ningún dos máis de trinta nenos e nenas do colexio de Folgoso acudiu este venres ás aulas na xornada de folga contra o plan de transporte escolar
As furgonetas-taxi baleiras e tan só os profesores nun centro que viviu unha nova xornada de protesta --apoiada tamén por toda a corporación municipal-- para solicitar á Consellería de Educación que modifique ou anule a proposta de contratación de rutas escolares para os centros públicos de cara ao vindeiro curso. Supón no Courel, segundo denuncian, menos rutas, máis tempo de viaxe e moitas peores condicións, ademais de por en perigo o emprego dos taxistas da zona.
A aplicación do novo sistema suporía tamén a perda do traballo dos taxistas que fan as rutas, afectando o 20% das familias do colexio
"O colexio está en pé de guerra. Os nenos do Courel non van hoxe ao cole e así seguirán ata que a Administración solucione o problema do transporte escolar", advirte a ANPA, que alerta de que a poboación da zona "non está disposta a perder máis" ante a contratción do novo servizo ata 2025 prevista para o día 18 de xaneiro.
"Todos os taxistas que fan as rutas escolares quedarían sen ese traballo. Isto supón que o 20% das familias do colexio perderían boa parte dos seus ingresos nunha zona onde as posibilidades de atopar traballo son bastante escasas", advirte Fapacel, Federación Provincial de ANPAs de Lugo, que apoia as demandas.
A redución de rutas e a menor velocidade e accesibilidade dos microbuses provoca que nenos "tarden unha hora en percorrer 15 quilómetros"
É esta só unha das consecuencias dun novo plan de transporte que contempla o uso de microbuses de case 30 prazas para unhas rutas cubertas desde hai décadas por furgonetas-taxi de ata nove asentos, mellor adaptadas á zona, máis rápidas e máis azosas para as estradas da montaña. Ademais, as firmas que resulten adxudicatarias terán tamén que realizar o transporte noutros centros do sur da provincia de Lugo, o que fai inasumible que os taxistas que prestan o servizo poidan optar a el.
A esixencia de microbuses provoca "a imposibilidade de recoller o alumnado nas súas propias paradas", tendo que facela na estrada, "lonxe das dúas casas e sen lugar onde refuxiarse nunha zona de climatoloxía adversa a maior parte do ano", explican nais e pais no escrito rexistrado na Xefatura Provincial de Educación.
O conselleiro, Román Rodríguez, asegurou este venres que o seu departamente "avalía" xa posibles "solucións" ao problema xurdido no Courel, aínda que lembra a obrigatoriedade legal de convocar un novo concurso.
O conselleiro de Educación di que o seu departamento "avalía" posibles "solucións" ás demandas no Courel
As peculiares e duras circunstancias orográficas e climatolóxicas --escenificadas perfectamente neste día de folga-- fai que a mobilidade dos microbuses e o alongamento das rutas provoque máis riscos e incomodidades. Segundo a ANPA, o tempo da viaxe --pola redución das rutas de seis a catro e pola menor velocidade e accesibilidade dos vehículos-- aumentará para todo o alumnado, en especial para tres pequenos, os máis afectados, que "tardarían unha hora en percorrer 15 quilómetros".
"Queremos seguir vivindo no rural", reivindica a ANPA do centro escolar logo do éxito da folga, que baleirou as aulas e volveu chamar a atención sobre a escaseza ou retirada de servizos nesta zona de montaña, con problemas como os cortes de luz, caída da rede telefónica e illamento no inverno, ademais da insuficiencia dos servizos sanitarios e persoal médico denunciada acotío.
"É unha máis; a cada pouco na montaña estannos quitando servizos e non podemos estar sempre perdendo. Xa está ben", di Pilar Veiga, presidenta da ANPA do colexio.
"O que perdemos todos é un pouco máis da montaña e do rural. É un problema de todo o país"
A loita no Courel é compartida por todos os grupos da corporación municipal e foi xa denunciada pola oposición parlamentaria en Galicia. Ademais, a Confederación de ANPAS Galegas chamou tamén á reivindicación lembrando que "o que se perde nesta situación non é só calidade no transporte escolar e postos de traballo". "O que perdemos todos é un pouco máis da montaña e do rural. É un problema de todo o país", destaca.
Por iso, piden a todas as ANPAs de Galicia que apoien as reivindicacións da ANPA do Courel "porque é a reivindicación do rural galego: seguir existindo". Así, desde a confederación lanzarán a vindeira semana unha campaña en redes sociais para reivindicar a loita en Folgoso.